martes, 19 de xuño de 2012

SERVIO PUENTE . MÉDICO


SERVIO PUENTE
MÉDICO


Servio Puente foi o pediatra de moitos de nos cando pequenos, e dicir fai unha boa manchea de anos.

Nada mais rematar a súa especialidade tivo, de primeiro cliente, un raparigo compostelán que ó parecer tiña, para os remedios de aquel tempo, unha grave enfermidade.

O pai do doente fora a buscar a Servio a súa consulta, e nada mais este abriu a porta espetoulle:

Doutor, o meu fillo Migueliño, estalle moi enfermo... dixéronme que vostede é un bo médico de nenos. Podería vir axiña a atendelo a miña casa?

Despois dunha detida exploración clínica, Servio doulles a súa opinión diagnostica: Migueliño padecía unha neumonía. A noticia conmocionou a familia do pequeno.

Haberá que administrarlle con urxencia unhas inxeccións de penicilina.
Teño aquí unha caixa delas, e voulle poñer a primeira dose.
Sei que lles comentou os pais.

Foi Servio en persoa durante toda a sema, e tres veces ó día, a inxectar ó pequeno. O cabo dese tempo o neno mellorou, e volvéronlle a cor e os folgos o corpo diante da ledicia de tódolos seus.

Dias despois, o dalo de alta, deixou o doutor con disimulo agochado no caixón da mesa de noite do rapaz, unha moeda de cinco pesetas, e unha nota que poñía,de parte do  meu amigo Hipócrates para que merques unha pelota de fútbol. Servio”.

A hora de facer as contas da consulta e do tratamento, o pai chamou á súa muller e ós cinco fillos diante do médico, e a continuación, confesoulle a Servio que traballaba de ebanista con ingresos xustos para mantelos a todos, e que, toda a familia era testemuña e mais estaba de acordo, en que aínda que tiveran que pasar algunha privación, pagaríanlle ata a última peseta.
Ten vostede a miña palabra é a da miña familia. Cada mes irei pola súa consulta a levarlle unha parte do que lle debemos.
Ademais quero que saiba que nunca lle poderei pagar a súa adicación cariñosa o meu pequeno.

Servio, sorrindo, respondeulle que tratándose do seu primeiro cliente, quería recordalo unicamente como o primeiro acerto da súa carreira, e non coma un ingreso económico.

Insistiu en que nada lle debían, e que el a cambio, levaría sempre un regalo no recordo da renovada cara de alegría e de saúde do Migueliño, e iso,non hai prezo co pague.

Días despois, o pai de Migueliño, presentouse na casa de doutor, con unha preciosa talla dun Quixote de madeira, que levaba gravada unha frase que dicía:Para o doutor Servio, médico e amigo da familia de Souto o ebanista.

Recordo aquel Quixote gardando a porta do consultorio.
A min talmente pareceume sempre que tiña un estraño parecido con Servio no seu rostro.
Sería cousa do ebanista ou casualidade, me teño preguntado moitas veces?

Pasados moitos anos desta historia, o Presidente Zapatero, sendo Xefe da Oposición, citou no Congreso ó Quixote, recomendou a súa lectura e, demandou no seu discurso maior protagonismo para a cultura e a lingua española no mundo.

Servio, xeneroso e idealista como poucos, moi impresionado por aquela intervención, aproveitou a presenza de José Luis Rodríguez Zapatero nun mitin en Santiago, para levarlle de regalo aquel Quixote da súa consulta, que agora levaba unha placa nova de prata na que se lia : “O verdadeiro valor das cousas, ten pouco que ver co seu valor económico. Servio Puente, médico”.

Cando Servio fixo entrega do agasallo, fixeime fugazmente na faciana e nos ollos do Quixote, e xúrovos que me pareceu talmente que D. Alonso Quijano seguía ca vista o doutor e mandáballe un adeus agarimoso de amigo.








venres, 11 de maio de 2012

SARDIÑAS E PAN


SARDIÑAS E PAN



Foi aló polo mes de Xullo do ano pasado, facendo senda polo litoral da Costa da Morte entre Brañas Verdes e Arou preto de Camelle, perdinme.

Despois de varias horas de camiñar e de buscar indicacións nun vello mapa, o mar a miña esquerda, e o monte á dereita eran ás miñas únicas referencias.
Cheguei a un lugar no medio da nada, e nel vin xusto diante de min un neno duns oito ou nove anos, que ollábame coa curiosidade dun experto que agarda lle fagan a pregunta obvia.

Pequeno coma se chama isto ?
Santa Mariña,respondeume coa seguridade de quen coñece o territorio.
E onde está concretamente?
En España!

Quedei un segundos desconcertado. A referencia global indicaba co neno tiña madeira de economista do macro...
Sorrín, para demostrarlle unha seguridade que non tiña, e retruqueille: Queda moi lonxe Camelle?.
Non, estalle preto.
Ese preto teu canta distancia é?apunteille con certa prevención.
Pouca!
O neno nin se comprometía, nin aclaraba moito.
Quizabes, pensei entón, chegará a seren un boi político, deses que non defraudan porque prometen pouca cousa. Deses que teñen un gran talento natural, non polo que din, senón polo que saben que deben calar.

Sostiña entrementres o raparigo a miña mirada coa firmeza do que se sabe superior no seu medio.

Hai casas cerca de aquí ?.
Si!
E, nesas casa vive xente, pregunteille xa como un parvo...
Si!. Viven os meus pais.
Pódesme levar xunto a eles?
Poder podería, pero teño un traballo que facer...

O raparigo tiña traballo, e o traballo xa se sabe era para el mais serio ca miña investigación por pescudar onde raios estaba; en xeral a investigación no é un traballo enEspaña”, logo, cavilei, nada que reprocharlle o neno...

Pódesme indicar por onde queda casa dos teus pais?pregunteille medio desacougado pola situación, e pola a fame e a sede que sentía...

De mala gaña sinalou unha dirección co seu dedo índice. E liscou correndo cara o mar.

Seguín a dirección encomendándome a San Cristovo patrón dos camiñantes, e o pouco distinguín unhas vivendas, unha vaca pastando, e unha velliña sachando nunha pequena guicha empinada...

Boas tardes teña vostede señora, que vaca tan bonita, Deus lla conserve; díxenlle co mellor sorriso que puiden.

Boas tardes, e vostede co vexa e lle dea saúde tamén...respondeume de xeito moi correcto e cortés.

Mire, expliqueille, perdinme e vou a camiño de Camelle, pódeme informar por onde debo coller para chegar aló?...
E logo, de onde ven?
Xa empezamos cos requilorios, pensei, que terá que ver de onde veño, co que lle preguntei...
Veño de Compostela!
E viría en coche non?
Si, vin en coche.! Deixáronme no cabo Vilán, e agardan por min en Camelle.
E logo non coñece estas parroquias?.
Estiven a piques de darlle a resposta equivocada. Contívenme prudentemente e cambiei de estratexia...
Teño amigos e familia en Cee os que veño de visitar, e decidín dar unha volta por aquí para coñecer esta zona...
E logo de quen ven sendo vostede en Cee?
Expliqueillo de paseniño , e xa posto a elo nomeeille un fato de amigos daquela vila como garantía de estar ben relacionado.

Veña comigo.Recolleu co adival a vaca, e púxose a camiñar cara a súa casa.

Un mozo asaba alí sardiñas nunha grella ; o verme chegar acompañado da señora, que segundo souben despois era a súa sogra, ofreceume sen mais unhas sardiñas enriba dun enorme anaco de pan de centeo, e mais unha cunca chea de viño tinto.
Emocionoume o agasallo. Non sei moi ven si ese sentimento se debeu a hipoglucemia que tiña, debida a fame, ou pola xenerosidade de dar de comer a un famento perdido,ou un perdido famento.

O caso e que me vin obrigado a agradecerllo, e mais a eloxiarlle o pan e as sardiñas.

Que rico estalle este pan de centeo e as sardiñas!. E o mellor que comín en moito tempo. E non lle mentía, pois levaba mais de medio día sen botar un bocado.
Non me respondeu directamente, pero aclaroume pedagoxicamente a súa situación , e mais de paso, a miña.

Eu, sonlle natural dunha aldea de Vimianzo, casei para esta casa; aló, na miña terra e fai anos, cando eramos rapaces, dicíannos os maiores cando chegaba o peixe fresco dende a costa:neno como pan cas sardiñas!.

Os de aquí, e ata Fisterra, segundo conta a miña sogra dicían:neno come sardiñas co pan!..
A vostede non hai que chamarlle a atención por ningunha das dúas cousas... Da gusto velo devorar nelas e no pan!

Camelle estalle a dez minutos de aquí, eu teño que ir aló despois de cear, se desexa mais viño e sardiñas non se reprima, logo se quere o levo a vila...

Diante desa nova proposta gastronómica sentinme estimulado, e non me contiven nada de nada...

Cheguei a Camelle cando anoitecía, canso, moi ben nutrido, cheirando a peixe desde lonxe, contento de terme perdido nas terras de Santa Mariña, e de dar con tan boa xente.



































domingo, 22 de abril de 2012

FELICIANO PATEIRO


FELICIANO PATEIRO

Feliciano amigo de vellos refráns e mariñeiro de oficio, traballou ata a súa xubilación en varias compañías estranxeiras, tanto de buques mercantes como nas plataformas petrolíferas.

Cultivouse - como di el - lendo a bordo dos barcos durante anos, a enciclopedia Océano que mercara en México por uns vinte pesos, esa foi a súa única fonte cultural e de lecturas, ademais de visitar mais de trinta países e centos de cidades: “ viaxar foi a parte mais importante da miña educación, porque quen non sal nunca da súa terra, só ten un xeito de pensar e facer as cousas, e non coñece o que se fai e se cavila por aí afora”.

Feliciano ten dúas teimas: o seu agarimo polo mar, e a xenreira cas mulleres- por mor dun fondo desengano - culpa segundo manifesta, dun compañeiro desleal que lle roubou o amor da súa vida.
Chegoume a dicir un día que todas as mullereseran o segundo error de Deus, citando a Nietzsche sen sabelo quizabes.

Non o sabía pero que mais me dixocando lle apuntei a orixe da cita.
Non ves que todos andamos a roubar e repetir o que xa dixeron ou escribiron outros antes ca nos... Especialmente vos, os políticos. E mentres roubedes palabras toda vai ben.

Eu manteño pola miña experiencia aquelo que din os mais vellos : da muller, do vento e do mar, non te podes fiar... E agora nin dos bispos nin dos banqueiros.

O “Pateiro” xubílose, e pasea pola Ría de Arousa nunha dorna pintada de domingo a que chama Sabela en honor a súa nai, “a única muller boa que coñecín”.

Miña intención era facerlle dende hai tempo unha entrevista, na que me contara a súa experiencia persoal dos seus viaxes en procura de traballo, que lle obrigaban a relacionarse, falar e convivir a bordo con alemáns, holandeses, ou noruegueses.

Invitoume esta fin de sema a dar unha volta na dorna e aceptei de bo grado.
Non para ir pescar, senón para que te sintas arrolado pola mar, como no colo das naiciñas, e tomes notas relaxadas desa trapallada de entrevista que me queres facer.

Merquei por levar algún agasallo, un pouco de queixo, pan e viño; unhas latas de bocartes e, un sombreiro de palla para coidarme do inexistente sol.
As oito e media da maña embarcamos desde o peirao de Palmeira.
As nove xa estabamos no medio da ría de Arousa.
Desde esa posición os pobos parecían ordenados, ben encaixados, bonitos... fíxenllo saber e contestoume coa perspectiva do viaxeiro filosofo :

A distancia e moi boa para a imaxinación, a pintura e a política...a medida que te acercas as cousas e as persoas, descobres o mal que se levan moitas delas en relación co que coidabas de lonxe.

Entreille a saco sen mais voltas, e pedinlle me contara como eran aqueles viaxes seus, desde Galicia ata os portos de embarque europeos.

Nada que recorde con mais alegría e bote mais en falla que aqueles bos tempos pasados. Eses recordos son mellor riqueza que teño, porque cartos non fixen, e a miña pensión este goberno estáma a escarallar.

A cousa era ben doada daquela, dous ou tres compañeiros axustabamos un taxi en Ribeira, que tiña a obriga de nos levar ata o mesmo peirao de destino.

Polo camiño faciamos algunhas cousas que nin te conto, e gozabamos dunhas boas vacacións turísticas o noso xeito.

Parabamos a xantar e beber cando nos petaba, como fan de sempre os ricos.

Nada mais chegar a porto do embarque despedíamos o taxista,dabámoslle unha boa propina, subiamos a bordo, cada quen o seu barco, e acabouse a historia.

Utilizabades moi pouco o avión...?

Iso veu anos despois, era mais aburrido co carallo e por riba pasabamos medo a cachón.
Chegabas a cidade do embarque nunhas horas; alí collías un taxi do país que te levaba ata o barco; deste xeito rematouse o viaxar vivindo o camiño, e acabáronse as risas e as foliadas xunto cas xentes deses países.

Que tal vos entendiades no caso de preguntar algunha cousa?

A cousa non tiña moito aquel; os cartos son os cartos, a cervexa, a alegría e igual en todas partes, todos son mais ou menos veciños nestas cousas...

Cando viaxabamos en avión, o chegar o aeroporto collías un taxista daqueles, que son mais ou menos coma os de Ribeira, e dicíaslles : veciño, lévame a esta dirección do porto, dirección que levabas escrita nun papel... levábate axiña e xa esta!.

Si pero logo cando chegabas o pe do barco, como amañabas?

Pois coma ía facer, tes cada pregunta, chamaba a calquera mariñeiro de a bordo desde o embarcadoiro : veciño, son un compañeiro, avisa o capitán que teño que entregarlle a cartilla de navegación !. E ca mesma subía a bordo co macuto.

O pouco chegaba o capitán; eu presentábame, explicáballe de onde viña, de quen era eu e mais o meu oficio, a miña experiencia noutros barcos, e logo entregáballe a cartilla de navegación e uns documentos da armadora, acabábase así o conto, e a traballar.

Polo que me dis supoño cos capitáns era galegos, non si?

Os capitáns que eu coñecín daquela eran alemáns, holandeses, daneses, ou noruegueses...

Logo, me queres dicir como te entendías con eles para darlle tantas explicacións?.

Ti pareces parvo, como queres que me entendera, en galego!

Calei avergoñado. Xantamos os bocartes, e bebinmos un albariño pasable.

Feliciano sorrindo estrañamente botoume na dorna unha cantiga alamana que soaba moi ben,  e aínda que eu non sei alemán, cantaruxei  a música como se fai co himno español...