venres, 21 de novembro de 2014

O CASTAÑEIRO DE SANTO ANTONIO





O CASTAÑEIRO DE SANTO ANTÓNIO

Pasei desde Ayamonte ate Vila Real de Santo Antonio, en Portugal, nun pequeno transbordador que atravesa o Guadiana, e  que alí mesmo se une  co Océano Atlántico.

Na Rúa Teófilo Braga, merquei unhas castañas salgadas boísimas, e así coñecín a Abílio un castañeiro cas mans queimadas polo  oficio, ollos cansos e tristes, e un rostro torrado e avellado polo sol do Algarve.

 Tiña Abílio un carro branco con un  asador de latón, e  nun lateral do mesmo en letras de imprenta podíase ler: “Quentes e boas; as mellores da Cidade”.

 As castañas salgadas que saían de seu asador,  as entregaba con moito aquel ós clientes envolvidas en cucuruchos de papel branco.

 Unha ducia un euro señor, me dixo.

 Comenteille, por falar con el de algo, que de alí onde eu viña, o lombo de porco, as mazás e as castañas combinaban moi ben nun  prato típico e apreciado na  miña terra.

Respondeume con un sorriso e mirada  evocadora de tempos mellores :

 ─ Ese prato elle universal, so é preciso ter os ingredientes axeitados. Eu estou disposto a poñerlle a  vostede as mellores castañas e as mazás, se vostede pon unhas boas e abondosas  talladas de lombo de porco ben mantido…!

Rimos os dous xuntos, e, pregunteille despois cousas do seu  oficio…

─ Fíxenme castañeiro sabendo que aquel ao que non mata a fame, o  mata o frío, coma di unha canción; eu ben sei que   neste traballo non  vou morrer de frío, pero de talladas de lombo de porco nunca me verei farto. Tamén coido  que  poderei morrer dunha fartura de castañas, pero dunha fartura de  porco, asegúrolle a vostede, que non é posible, tal e como me vai a vida e o negocio.

Nestas andabamos cando me decatei que outro cartel  penduraba do seu  carro. Nel líase : “Existen follas de reclamación a disposición dos  distinguidos señores clientes”.

─ Iso das follas de reclamación é certo? Pregunteille sorprendido.

─ Si señor, e certo, e mais de un cliente reclama de cando en vez se lle saen algunhas castañas co bicho, ou mal asadas.

─ E logo que acontece, retruqueille ?.

─Eu sonlle un empresario serio e solvente. Doulles un novo cartucho de castañas, e pídolles humildemente desculpas.!

Igual que  na política e mais en moitos negocios do meu País, díxenlle,e, despois  me despedín con un sentido, ate sempre Don Abílio…








venres, 24 de outubro de 2014

AS FRASES ROTUNDAS DA AVOA MANOLITA

AS  FRASES ROTUNDAS DA AVOA MANOLITA

A avoa  Manolita, vive soa no primeiro piso do noso edificio,    e utiliza sempre  frases clásicas para explicarme canto acontece no mundo; comentou a miña veciña do quinto esquerda no ascensor, despois de falarme do mal tempo e a consecuencia do mesmo sobre a súa artrite reumática.

Xa pode ser un asunto económico, político, social ou gastronómico, que  ela,  amañase con esas poucas frases, e dáche cas mesmas, unha interpretación e solución aproximada ao que acontece, díxome.

 Intrigado por esa nova e perfecta simplificación literaria filosófica,  fun visitar, a Manolita para coñecer de primeira man o seu descubrimento lóxico- lingüístico.

Invitoume a unhas pastas de manteiga moi doces, especiais para diabéticos, e mentres servía un café chirlo o gusto de hipertensos e norteamericanos, me fixo saber, por anticipado, que ela da política actual, non entendía case nada de nada.

─ Case ninguén entende nada do que acontece, pero todo o mundo fala coma  se foran expertos na materia,  respondinlle.

A continuación, despois de falar de cousas de ir e vir e de xeito un pouco inconexo díxenlle: “ Señora Manolita, quen non discute hoxe  do fenómeno político Podemos”… ?.

Miroume de esguello, sorriu con picardia… e largou a primeira frase (ou iso entendín eu).

“Repútase de casta a aquela a quén ninguén requiriu en amores”.

─ E fan ben en facelo !. Os de Podemos  están virxinais . Non lles acontece ao que outros..—Botoume unha mirada acusadora que me fixo sentir un impuro ex representante público.

─ Eles poden presumir de inmaculados, vos non.!

Muller, respondinlle conciliador, sempre que se goberna pode haber algunhas  ovellas negras e descarriadas… Eles aínda non tiveron tentacións, nin ocasións de pecado.!.

─ Iso non invalida o meu aserto rapaz !, Son  puros, e polo tanto impenetrables…teñen o virgo a vista para que o entendas dunha vez, e xa sabes que iso escasea moito hoxe.

Pero señora Manolita, despois da voda e festa que se aveciña en forma de votos para eles, deberían, ademais de fachendear de pureza política,  dicir  algo mais ou  non. ?

─Polo momento o que  din eles é aquilo de  : “ Ó pan pan, o viño viño, e o que se caga merda”.  E dicir, falan claro do que acontece. Non lle chaman como fan outros camanduleiros: copago ao repago; ou interrupción do embarazo ao aborto; ou a baixada de salarios a  moderación de subidas. Vos xa  hai tempo que falades asi…e, claro falando como lambidos e apoucados, ninguén  vos entende.

Esta ben Manolita, pode vostede ter razón neso, aínda que estamos a cambiar, pero, coñece vostede que alternativas e solucións serias e reais  teñen eles  para resolver os problemas que nos aqueixan…?.

─Iso é o de menos. Tampouco as tiña Rajoy, ou Feijoo, e mais gañaron por maioría. Os asuntos importantes e claves non teñen solución co actual xeito de vida social e mais nesta económica global; e os asuntos triviais e superficiais, dan moito xogo para os que teñen credibilidade e saben argallalos ben.— E por riba aínda   non comprendedes que en boa medida, e mentres non se perciba unha fonda transformación no socialismo,   “vos,  sodes parte do problema, pero eles son parte da solución”.

Marchaba cavilando no dito, cando me abordou na súa porta e como tentando levantar o meu azos afundidos,  ollando cara o infinito me dixo : “coméntalle discretamente ao compañeiro ou compañeira que coides ti  debera gañar as vosas  primarias, que pase por aquí. Quizabes poida darlle algún consello sensato e útil para triunfar novamente…”.









venres, 17 de outubro de 2014

O FILLO DA CAROLINA

O FILLO DA CAROLINA

Ramiro, o  fillo pequeno da Carolina fíxose avogado.

A Carolina, traballaba na consulta do doutor Fontán ca súa bata branca sempre impoluta, abría sorrinte a porta da consulta, atendía o telefono, apuntaba nun libro as visitas e horarios, cobraba a minuta e, cando remataba ese traballo, sobre as dúas da tarde, limpaba o despacho e ia comer a súa casa.

As catro en punto, regresaba ao fogar particular do doutor, poñíase unha bata azul estampada e unha cofia, fregaba os pratos da comida e mais a cocina, facía a colada, pasaba o ferro a roupa, e atendía algún mandado da señora Rosa, a dona do prestixioso doutor.

O Ramiro estalle moi agradecido ao doutor Fontán.

 Díxome, que grazas ao doutor puido estudar a carreira, e coñecer mellor a natureza humana, porque  canto mais se trata a un ser bondadoso e xeneroso, como ese médico, mais se  comprenden as necesidades e razóns dos ricos, e mellor se  entende o inevitable da pobreza…

A fin de contas é moito mais inútil e dificil acabar cos ricos que cos pobres. Os primeiros non se deixan e teñen moitas razóns de peso, e, os segundos, que son moitos e bastante ignorantes, déixanse dirixir moi ben.  E ademais, si se lles sabe  orientar axeitadamente, dáselles  ocasión  de  exercer  a  solidariedade. Deste xeito aprenden a compartir as necesidades e os  recursos, que son virtudes públicas e contribúen a  paz social.

─A miña nai, como xa  lle expliquei varias veces, non é parte da solución desta crise actual, logo, ten que asumir, lle guste ou non, que é parte do problema. Ela  sempre  calaba, ate fai un mes.

E logo, que pasou  Ramiro?, pregunteille.

─Nada estraño. Miña nai ten xa  59 anos, vai un pouco maior, e algo torpe… E o doutor  encontrou unha enfermeira titulada, moi ben preparada, e  por certo de bastante bo ver, que o vai axudar no consultorio, e tamén está disposta a  facelo  na casa particular por algo menos do que lle pagan a mamá. O doutor Fontán estache moi desgustado pola medida que se ve obrigado a tomar , e xa me dixo que tiñamos que chegar a un pequeno acordo económico polo despido…

E. ?

─ E haberá que chegar a ese acordo, ou non?... así funcionan as cousas cas leis vixentes, aínda ca miña nai, que non ten os meus estudios superiores, non o comprenda…




mércores, 8 de outubro de 2014



DIALOGO DAS CADEIRAS

Cadeira 1─ Pois eu dígoche que aquí, xunto a nos,  hai moitos que din que  se poden resolver  os problemas mais complexos cas formulas mais simples, sen se decatar que nada importante se resolve de xeito sinxelo.
 ─Sonche polo visto moitos dos que se sentan entre nos,  especialistas, sabios, médicos, economistas, xuíces,  enxeñeiros, aspirantes a políticos…e  moralistas
─Todos din ser sinceros, honestos, cabais,  e homes  de palabra; o malo é co  dia seguinte comprobas por algunha conversa indiscreta,  que fixeron outra cousa ben diferente do aquí aseguraban e xuraban ían facer.

Cadeira  2─ Eu coido que a  maioría gasta máis tempo en falar de problemas que non coñecen, polo gusto de falar e discutir, que en resolver aqueles asuntos  que dependen deles exclusivamente.

Cadeira  3 ─ A moitos lles escoito frases feitas  coma : todos son iguales, facenda somos todos, falta democracia e transparencia, e  o  País e unha vergoña… e logo, séntanse e  comentan  que votaron os de sempre, que aforraron o IVE, e  que é mellor calar sobre algún negocio seu, porque que logo todo se sabe…
─E dicir, como lle escoitei dicir o carpinteiro que me fixo cando deixou a súa moza por outra mais repoluda e rica :” e mellor ir ca verdade por diante que presumir de bo  e  sincero”…





venres, 26 de setembro de 2014

CATARINA

CATARINA

Fai  anos lin unha historia de Eduardo Galeano, na que contaba que un picariño sen familia, moi pequeno e  moi enfermo, estaba internado nun sanatorio de Montevideo.

Ese cativo, unha noite, dirixiuse de xeito tímido e apoucado o médico  co atendía para dicirlle nun murmurio de voz:  “Dígalle a alguén, que eu estou aquí…”.

Ese berro silencioso de conmovedora soidade, recordoume a necesidade de afecto que todos temos, e  que interpretaba tan ben  a enfermeira  Catarina, aquela que  regalaba decote aos pequenos do noso hospital xeral  alegría en forma de caramelos, risas, e caricias.

Unha sema do pasado inverno a Catarina deu un paso persoal comprometido, sen pensalo moito.

 Ocorréuselle vestirse de fada madriña, con un traxe de mil cores, perruca vermella e verde, e un variña máxica de purpurina.

 A Catarina durante esa sema e  na súa quenda de noite, foi recorrendo así vestida unha a unha  as camas dos pequenos enfermos terminais, mentres lles comentaba que tiña un palacio agochado nunha nube, que: “esta cheo de xoguetes, lambetadas, e moitos nenos xogando ”.

 “ Ei levarvos na miña carroza voadora  a facer unha viaxe ate alí  para que o vexades por vos mesmos”…

Catarina fixo varios viaxes esas noites con algún cativo, que  collidos con forza da súa man e ollando para a variña máxica, se despedían do hospital para sempre con un sorriso feliz…

 Desde aquela ninguén sabe deles… nin dela…

xoves, 18 de setembro de 2014

OLLO CLÍNICO

OLLO CLÍNICO

Coñecín a Hortensia e o seu marido Manuel hai uns anos, xa de moi maiores. Tamén ao seu fillo Rufo, un encofrador que traballaba na construción cando se construían aquí mais casas, que fogares necesarios.

O marido de Hortensia, aló polos anos sesenta, enfermou o parecer do corazón. Ou iso foi o que lle dixo o médico a Hortensia nun aparte, despois de lle auscultar o Sr. Manuel os seus latexos co estetoscopio na  consulta privada.

─Seu marido estalle moi delicado, e de non tomar un medicamento que lle vou receitar, ten home para pouco tempo,─díxolle o doutor con un fío de voz conmovida e  moi profesional.

Cobroulle a consulta sen conmoverse nada, e prescribiulle nunha nota escrita a man co seu número de colexiado que dicía : “Persantín”. Unha pastilla ao xantar e outra ca cea”.

Na farmacia dixéronlle a Hortensia que era un bo tratamento para o corazón, pero era para sempre, e ademais moi caro.

Ela, días despois, mal vendeu unha guicha para atender os gastos farmacéuticos presentes e futuros, e mandou vir as pastillas de Santiago.

Pasados unhas semanas volveu a Hortensia  pola botica e Dona Clara, a boticaria, preguntoulle atentamente pola saúde do seu esposo o  Sr. Manuel de Reboredo.

─Estalle moi ben !. Anda rufo coma sempre…berrando con todos nos e traballando arreo no agro…

─ Moito me alegro. ─Dixolle a boticaria.— xa ve como os comprimidos sonlle moi eficaces e bos!.

─ As pastillas non as quixo nin probar!—Respondeulle a Hortensia…

─E logo?.

─Dixome que el non precisaba mais que unhas fregas con augardente do Ulla e unha aspirina. E así foi…!

─ Logo, as pastillas estragáronse, non si ?.

─ Nada de iso, fóronlle moi caras, e como vostede e o doutor  dixeron  que eran tan boas para o corazón, tomámolas meu fillo e mais eu, unhas ao xantar e outras ca cea…









luns, 8 de setembro de 2014

O XANTAR DOS MEUS NETOS

O XANTAR DOS MEUS NETOS
(Recomendación para avós e país desesperados)

Non sei a que se debe, pero os meus netos tiñan unha certa inapetencia gastronómica a hora do xantar na miña casa.

Mira que me esforzaba eu en ofrecerlles os cativos comidas ricas, cando viñan; comidas  feitas con todo  o intres de avó : zanco de polo, coellos, peixes, verduras, sopas…

A resposta dos pequenos era casa sempre a de desgana, queixas, acenos, e desculpas.

Un feliz día, lendo o concepto de  deconstrucción de Jacques Derrida descubrín a importancia entre o significado ou a imaxe mental  e o significante, e puxen en marcha un plan revolucionario e  innovador para darlles de comer; un  plan iluminado por un exemplo:

Non é o mesmo invitar a uns amigos ao ballet, o lago dos cisnes, que invitalos o lago dos porcos, entre outras razóns porque  os probes dos porcos teñen peo valroración conceptual cos cisnes, ou peor significado”…

Desde aquela, eles e mais eu temos un secreto gastronómico, o menú do avó é moi especial :

 Os peixes, son “ sardiñas de monte”;  os riles, “granadas explosivas”; tódalas verduras son “algas da praia de Coira ou das Furnas”; os bistés “pneumáticos de Ferrari”, os ovos fritidos pertencen as “galiñas velociraptores”, e as sopas son unha beberaxe  máxica que da poderes sobrehumanos, preparada  por min seguindo unha receita  que me entregou fai moitos anos o meu amigo o  druída  Panoramix.

 Estas sopas, eles saben ben que  as cociño con plantas salvaxes  que recollemos unha vez o ano na excursión que fago con eles ó Monte Pedroso, ou  ó Pico Sacro.

 ( As mellores herbas máxicas  son deste último).

No xantar, desde aquela importante innovación semántica, faise  un silencio respectuoso dos netos na mesa, que aproveitan para devorar ate o último anaco de comida con un sorriso misterioso e ilusiónante, diante do asombro dos seus pais e da avoa…


 Eu, simplemente síntome un extraordinario mestre-chef, e, o avó mais feliz do mundo. 

sábado, 2 de agosto de 2014

COLONIA DE BAÑO

COLONIA DE BAÑO

Daquela, unha farmacia da bisbarra de Betanzos tiña un escaparate enorme, e no mesmo anunciábanse os envases de medicamentos, coma Vick Vaporub mentol alcanfor, aceite de rícino, ou optalidon, todos eles con unha nota escrita a man, que   indicaba a súa utilidade terapéutica.

Recordo nela un gran frasco, de  dez litros, que contiña un liquido amarelo, e pegado no envase do mesmo unha cartolina na que se podía ler en  letras de imprenta:  “COLONIA DE BAÑO”.

A  Sabela, veciña dunha parroquia cércana, tivera un fillo moi  bonito, froito dun amor desacertado. Vivía a rapaza, que era orfa e algo cándida, do seu traballo coma xornaleira prestado en algunhas casas ricas.

 Nunha delas o fillo do propietario rouboulle o sentido con promesas e xuramentos embusteiros, e bastoulle a proba dun dia para preñala e despois esquecela, xusto o mesmo día no que se decatou do froito daquelas beiras…

O pequeno da Sabela tiña un sorriso engaiolante permanente o que lle daba un encanto especial, que  para súa nai era  e unha  ledicia e orgullo.

Souben pola farmacéutica que a Sabela roldaba tódolos fin de semana o redor do escaparate co neno nos brazos ollando simultaneamente o gran  frasco e mais o interior da botica, pero non remataba de entrar nela.

Por fin, nunha destas, a Sabela dirixiuse a boticaria e  a media voz preguntou canto custaba o litro de colonia de baño.

─ Pois cústalle 20 pesetas o litro, pero tamén pode levar menos cantidade…─  A iso retrucoulle a Sabela

─ E arrecende ben. ?

─ Moi ben ! ─ Díxolle a farmacéutica.

Logo  mollou un algodón na colonia e doulla a ulir a Sabela, que ruborizouse abraiada, dou as grazas e marchou co algodón agochado entre ela e o seu picariño.

Sabela traballou arreo varias semanas e non volveu pola farmacia ata polo visto conseguir aforrar 20 pesetas.

Unha mañá entrou moi  decidida na botica e pediu un litro de colonia de baño, coma quen pide unha aspirina ou un esparadrapo. E liscou co envase sen mediar palabra algunha con ninguén.

Pasado días a farmacéutica volveuna a ver ollando novamente o escaparate, saleu a porta e preguntoulle se lle gustara a colonia de baño.

─ Moito señora, gustoume moito… O malo e que sexa tan cara…

─ Pero si  dura moito. !

─ Non tanto señora, o litro me foi ben xustiño para poder bañar o meu neno…!  Pero pagou a pena, porque o meu cativo arrecendía  tan ben…!!



    



sábado, 19 de xullo de 2014

O TUCHO E MAIS A LAURA

 O TUCHO E MAIS A LAURA

O Tucho foi  aprendiz de carpinteiro con Don Xosé.

O Xosé tiña creto de seren o mellor ebanista- carpinteiro de toda a bisbarra. Andaba  polas casas do  concello reparando pisos, sollados, fiestras, e portas.
Tamén facía mobles a medida para algunha mansión rica, no seu pequeno taller situado nun cuberto ou galpón, a carón do seu fogar.

 O mestre carpinteiro  era viúvo, e  compartía casa ca súa filla  Laura, e ca súa irmán Adelina.

O aprendiz foille collendo mañas o seu  oficio a traveso da  serra, e  o cepillo, seguindo os consellos, advertencias, e técnicas do mestre.

 Foi pouco despois desto, cando Tucho entrou por vez primeira no taller e tamén  na casa de Don Xosé, ben en procura de  ferramentas e material esquecido para calquera obra, ou invitado a xantar ca familia.

Coñeceu así a Laura, unha  mociña intelixente, de pelo negro,  ollos grandes e  pispantes, sorriso acolledor, voz suave e  cantareira, e  pel moi fina.

O Tucho namorouse dela  nada mais vela, pero gardou o segredo no fondo do seu corazón.

 Nada podía ofrecerlle coma aprendiz de carpinteiro, e decidiu que tiña que seren o mellor do mundo  antes de declararlle o seu amor.

Pasados dous anos, o Tucho, superaba xa o mestre en habilidade e rendemento.

 Foi entón cando a traveso de Don Hixinio, o párroco de Guntín, chegoulle a noticia de que en Montevideo , tiña unha oferta de emprego inmediata, nunha gran carpintería industrial propiedade dun veciño rico da parroquia, que o reclamaba  coma encargado da mesma ofrecéndolle un bo soldo.

O Tucho foi  ver a Laura, e contoulle todo o que levaba gardado no seu maxín durante eses anos, primeiro  explicoulle canto amor sentía por ela, e despois   o asunto do emprego, e mais a necesidade de marchar axiña.
 A Laura abrazouno con agarimo, e o seu  sorriso pispante falou por ela sen lle falar…

Tedes que saber que daquela, para seren válido o matrimonio, tiña que seren oficiados pola igrexa, e seguindo as normas da mesma,  os sacerdotes  facían as amoestacións ou avisos de voda. Todo elo duraba un tempo que o noivo non tiña.

 O Tucho marchou para o Uruguai. E nada mais chegar alí comezou a arranxar os papeis para casar por “poderes” con Laura, e xunto con eles,  envioulle  unha fotografía súa na que se lle vía a porta da carpintería con traxe de domingo, e con unha expresión que talmente parecía estar chamando por ela…

 Deste xeito Laura e Tucho, convertéronse en matrimonio a pesares da  distancia.

O Tucho soñaba tódalas noites con Laura, a súa querida  dona de ollos pispantes, sorriso acolledor e pel tan fina…

 Reclamouna oficialmente,envioulle os cartos para a viaxe, e a Laura preparou un baúl, no que  meteu  a roupa nova da voda,  os traxes de andar por casa, un libro de poemas de Rosalía de Castro, e a fotografía enmarcada de seu Tucho.

Uns días antes de se embarcar, doulle a Don Xosé un ictus, pasou un mes no sanatorio e regresou a casa para encamar.

A Laura retrasou a viaxe, para poder coidar o seu pai.  E o Tucho comprendeuno…

Don Xosé viviu dependendo para  todo  da súa filla moitos anos… pero uns meses antes da súa morte, a Tia Adelina comezou a perder o sentido, con esa doenza que  antes chamábanlle  chochear, e  agora  dise  Alzheimer…

A Laura envioulle outra carta o Tucho contándolle a nova e volveu a retrasar a súa viaxe… e,   o Tucho tamén o comprendeu.

Cando morreu a Tia Adelina, o Tucho decidiu vir a buscar a súa Laura, e mandoulle unha carta advertíndolle da súa decisión.

Tiñan xa transcorridos  30 anos. E a Laura cumprira os 50.

 Aquela noite volveu ler novamente a carta de Tucho.

 Ela xa lle escribira unha  na que lle dicía en esencia: “meu querido Tucho, se me queres de verdade, non veñas por min… xa non paga a pena…”.


Mirouse  Laura  de paseniño no espello do seu cuarto, e votouse a chorar.
 So lle quedaba  o  seu sorriso acolledor no medio dunha pel moi engurrada e un corpo desfeito polo traballo, tamén  lle quedaba o recordo do seu grande  amor, o Tucho…

mércores, 9 de xullo de 2014

ROSALIA DE PARDACES

ROSALÍA DE PARDACES

(Adicado a Xosé , inmigrante, é tamén ós bos amigos de Burela)


Tiña o creto de seren a moza mais fermosa e leda dun  pequeno porto pesqueiro próximo a Burela.  Era Rosalía rica de seu, e muller moi pretendida polos mozos do lugar.

 Vivía cos seus pais a escasos metro do peirao, nunha casa de planta baixa e primeiro andar, dende onde  parecía entrar o mar ate o salón.

Aló polos anos setenta chegou a parroquia un mozo caboverdiano chamado  Obama Neves. Viña da República do Cabo Verde, estado soberano de África, que coma poucos saben está situada fronte as costas senegalesas, que tampouco situamos ben.

 Os amigos e compañeiros de traballo coñecen a Obama coma  Blanquiño, polo apelido Neves, aínda que é negro coma o carbón.

Empezou a traballar no mar co Tucho do  Curro na pesca de  baixura, e despois  na captura do bonito en altura, con outro patrón.

Tiña Obama instinto depredador, neso gañáballe o localizador  de peixes, chamado polos técnicos sonar.

Obama despois de outear un chisco a bordo, ollaba coma asexando fondamente cara  o mar, calculaba a velocidade do vento, e sabe Deus que cousas mais, e  dicía :

 ─ Patrón, mellor dúas millas e media mais ao nordés!.

Daquela poñíase rumbo o indicado por el, e case sempre  conseguíase encher as bodegas dun só golpe. Unha fartura !.

Cobrou moito creto, fixo gañar moitos cartos  e tamén  cobrou extras en pesetas e quiñóns para o xantar…

Mandou, despois de varios anos de campañas con bos resultados, facer unha casa: “encaixada no territorio e na paixase do que  son responsable; unha casa con fonda identidade galega”, díxolle antes de facela  a un arquitecto novo de Burela, que non dou creto o que escoitaba dun cliente…e, a construíu ademais con permiso municipal…

 Logo de rematada buscou moza no pobo, coma quen busca  facer a mellor campaña do pez espada. E dicir seleccionando zonas e capturas.

 E non procurou unha moza  calquera, foise despois de examinar os recursos humanos da bisbarra, directamente pola Rosalía coma se fora a única muller do mundo, pero situada dúas millas e media mais aló do que calquera veciño  nativo, houbera calculado coma sensato e posible.

Obama,é pequecho,e algo carrancholas. Polo tanto non moi agraciado. Aínda que sempre foi boa xente, nobre e honrado coma o mellor veciño da parroquia.

 Como conseguiu namorar a Rosalía segue a ser un misterio enigmático  no pobo, sobre o que aínda se especula hoxe, pero o feito é que ela, a interesada, segundo me contaron, comenta o respecto cas súas amigas que :

─  Xa sei que Obama no é  Sidney Poitier, pero, que pasa ?. Así son as cousas do amor!. Ou non?.

Obama xubilouse recentemente, mercou un bote a motor pequecho, e anda a pescar pola costa peixiños que entrega nunha ONG, segundo di, “para esquecer a fame que tiven de pequecho”.

O matrimonio tivo a pouco de se casar un fillo de color  café con leite, mais ben tirando a torrefacto.

 Saíu tan intelixente coma o pai, e tan guapo coma a nai. Herdou  a  intuición paterna para a “pesca de altura”, e,  a sedución da nai para engaiolar a quen fala con el.

Afiliouse o Partido Socialista onde fixo bos amigos entre os seus compañeiros, cousa tamén atípica  e  difícil de explicar.

 Licenciouse en dereito en Compostela, e fixo despois  a carreira diplomática en Madrid; casou con unha norteamericana e  traballa na embaixada de España de aquel País americano.

Dixéronme fai días que anda  a darlle voltas a idea de  presentarse ou non as próximas  primarias a presidencia do goberno.

 Coido eu, que é  mellor co intente en América.

 Alí xa teñen asimilado e dixerido o asunto…Aquí disimulamos, pero estamos aínda moi serodios cos inmigrantes e os seus fillos.…!