martes, 27 de xaneiro de 2015

GALERIA DE ALCALDES

GALERIA DE ALCALDES I
(Dedicado ós candidatos as alcaldías)


Daquela, fai agora dez anos, veume  ver a Asociación  xuvenil “ Nova Mocidade”. Estaba formada por case  dous centos mozos fillos e netos dos meus veciños, e tiña unha actividade deportiva e cultural moi notable no meu Concello.

Supoñían, nada menos que  un cinco por cento do censo de poboación.

Coñecía eu que algúns deses mozos tíñanme certa aversión, por varias razóns : levaba  moitos anos o fronte do municipio, e dicían de min que era un alcalde  de pouco dialogo e contrario a participación cidadán.

Recordo cos recibín  no Salón de Plenos, mandei traer unhas xerras de café, leite, e uns bolos de pan do restaurante o Cornecho de Remedios.

Dinlle os bos días, manifesteille a miña alegría pola súa visita, e sen mais pregunteille a que se debía a mesma. Tomou a palabra o Presidente da Asociación, un fillo dos de Cambeiro, que con xesto serio e grave espetoume:

─ Sr. Alcalde, a Asociación quere dispor dunha piscina pública cuberta e climatizada onde poder practicar natación e outras actividades deportivas.

 Eu, que sempre tiven a costume de escoitar o que se di, e non quen o di, díxenlle o que me pareceu sinceramente.

─ Moi boa idea!.Sempre entendín co deporte a mais o ocio teñen moito que ver ca saúde e co emprego do futuro.

─ Prometo agora mesmo, e  diante de todos vos,  traer un técnico da Deputación e un anteproxecto tipo, en menos de quince días.

E así foi.

 Volvín reunir a executiva da Asociación, e despois doutro café e unha introdución para presentar o enxeñeiro, este, estendeu uns planos e comezou por explicar polo miúdo :  A dimensión  da piscina, o aforo do vaso, bombeo e tratamento da auga, eficiencia enerxética incluíndo placas solares, desinfección, normas e persoal necesario e obrigatorio, memoria do presuposto, etc.

Os presentes seguimos con moita atención esas explicacións técnicas  e unha vez  rematadas, tomei a palabra para asegurarlle a todos que non se preocuparan polo custe da mesma.

─ O teño falado e comprometido previamente co Presidente da Deputación e mais ca Consellería. Pódese executar en dous anos. O Concello pode asumir un creto do cinco por cento do total.  Agora ben,  quixera preguntar algo que considero importante:

─ Sr. Enxeñeiro, cal é o custo de mantemento e conservación  da piscina cada ano?.

Dounos a cifra. Creo recordar que supoñía algo menos dun dez por cento do investimento da mesma. Non era unha cantidade moi grande, pero era inabarcable  polo concello.

Volvín a falar para manifestarlles os presentes unha evidencia:  calquera novo servizo como podedes comprobar  axuda a mellorar a calidade de vida dos veciños, pero ten uns gastos.

─ En boa política de participación  solidaria, o que temos que facer é decidir entre todos estes gastos e outros, e  repartir  de xeito equitativo, ecuánime e ponderado entre os veciños o seu custo. E para facelo posible so temos que consultar nas casas si se está disposto a contribuír con unha pequena cantidade económica  mensual, en función da renda de cada familia claro está.

─ Ide a facer a consulta cas vosas familias,  mentres  nos imos preparando os pregos para o proxecto da piscina.
 Quedamos logo a espera do resultado do voso referendo previo, antes de acordar o contrato cos veciños  que desexen facer uso deste servizo a traveso dunha nova ordenanza.

Grazas pola vosa idea, e pola vosa colaboración e participación.

Pasaron uns días e na misa do domingo  fun abordado por moitos pais de familia que me dedicaron frases agarimosas coma: 
Sei que te volviches socialista!; Toleaches alcalde, agora de vello dáseche por quentar as cabezas e o lombo dos nosos fillos con auga quente!; E logo alcalde, canto levas de comisión ?;  e outras lindezas menos finas  que nin che conto.

O que pasa, pensei entón, e que non se pode ser solidario e mais eficaz o mesmo tempo. Caín nesa conclusión co conto da piscina, e comprendín que tiña no Concello unha boa mocidade chea de novos  proxectos.

Tamén caín na conta que eu tiña mais escusas que ilusións.

 E foi entón cando acordei deixalo … pouco despois dimitín como alcalde!
  



     






 



luns, 15 de decembro de 2014

ENTREVISTA CON DON PABLO IGLESIAS

ENTREVISTA CON DON PABLO IGLESIAS


Custoume un bo traballo dar con el.

 Claro que é difícil crer  que pode vivir un home con 164 anos, pero a miña fonte insistía unha e outra vez con moita vehemencia  que vivia…

Consultei nos arquivos de Cunqueiro, na biografía de Juan José Morato  e, nas actas do cemiterio da Almudena.

Constaba enterrado alí, na Almudena, pero diante da dubida científica, ou de crenza, optei por esta última.

 E porqué non ?. Tamén cre  moita xente na Santísima Trindade, ou nas bondades do capital e do mercado libre.

 Aprendín desde moi mozo que para seren auténticos galegos, e preciso crer nos prodixios. Aquí  dáse o fenómeno frecuente de  persoas intelixentes que apoian co seu voto, intereses contrarios ós propios, simplemente porque cren nas milagres dos políticos…e dos santiños.

Esta é terra de portentos onde nada é o que parece. Unha terra onde hai amigos que din unha cousa, pensan outra e fan case sempre  o contrario, como comportamento xenuíno e diferenciado.

E porque non ía vivir aínda Don Pablo Iglesias en algún lugar  da nosa Terra ?.

A historia conta que Don Pablo, perdera a súa  cabeza de bronce na guerra Civil, pero esta foi atopada nos xardíns de Cecilio Rodríguez do Parque do Retiro en Madrid, corenta anos mais tarde. O resto do corpo non apareceu xamais. Él era de Ferrol, a morriña é a morriña… unha cousa levou a outra, e púxenme a buscalo por Ferrolterra adiante.

Non direi onde o atopei, por discreción e mais por evitarlle  sobresaltos a Pedro Sánchez, pero atopar, atopeino!.

 Sorprendeuse Don Pablo  moito de que quixera entrevistalo.

─Teño moitos anos,─ me dixo. Non me  preguntes esa parvada  de  coma me conservo tan ben. Xa che adianto que o segredo son as papas de millo con azucre. E a boa vida que levei.

─ O importante para vivir moitos anos ben e, conservar  a  cabeza,  ter certa  autonomía económica e  poder ir mexar so. Si é así, aquí estase ben,  a pesares dos gobernos de merda que temos  que fan o truco de facer pensar ao pobo que é quen  goberna e, o pobo se deixa mansamente gobernar.

Pero Don Pablo, dise que vostede perdeu a cabeza, que eu ben o sei…dixenlle de broma.

─ Pois non a perdín, agocheina para conservala, que é  ben diferente…
Sabe vostede que outro político chamado Pablo Iglesias anda en procura do poder político. ?

─ Seino. E convén serlle fiel admirador mentres non  teña o  poder. Despois, cando dispoña del, e sexa popular , volverase antipático, porque o poder e moi pouco simpático.  Eu, non teño poder, nin son popular, e por riba  déronme por morto moitos anos, agora so teño influencia sobre o meu can, unha ovella, e unha guicha de terra, con iso abonda.

Que lle parece a vostede a situación do PSOE.?

─Se che digo a verdade oficial do Goberno, mentiría ! Ti xa me entendes…

Don Pablo, permítame preguntarlle como solucionaría  vostede o problema económico e  mais do paro  no País.?

─Mira rapaz, os problemas económicos soluciónanse sempre  con cartos, e,o desemprego, é simplemente unha estratexia do mercado libre  para lograr salarios baixos e beneficios altos. Logo, xa sabes…pero ninguén te  vai facer caso. Así que é mellor que esteas calado coma min, para non trabucarte moito.

Quixera preguntarlle se no seu tempo andaban os socialistas a greña uns cos outros. ?

─ Sempre. Os socialistas somos dos que tradicionalmente mantemos  dúas opinións cheas de tensión no cerne das agrupacións:  a propia e a equivocada. A equivocada é a de aqueles compañeiros que non nos dan a razón. A novidade é que  uns e outros fan chegar as discrepancias por mensaxes telefónicos aos medios de comunicación da dereita, incluso antes de rematar as reunións… A ese comportamento chámanlle agora transparencia, antes chamabámoslle traizón a nosa causa.
  
─Pola contra os conservadores teñen a mellor opinión sobre si mesmos, e nunca dubidan conxuntamente dos asuntos do seu intres e opinión, sobre todo si o  intres é  económico.

Pódeme contar algunha cousa que non  se saiba da súa vida.?

─Poder podo, pero non sei porque tes ese intres, ademais non hai moito que contar: militei na UGT e na Agrupación de Ferrol ate a guerra civil,e ocupei un posto de vogal.

─ Despois, agochoume Hermosínda, a criada do cura e  a miña moza, no sobrado da casa do párroco, co consentimento do mesmo, e alí, pasei quince anos pechado ollando pola pequena fiestra e  lendo a enciclopedia Espasa, tomo a tomo… Despois, saín a rúa,  con un certificado de boa conduta do sacerdote, e   recuperei a chabola dos meus pais, amañeina, casei con Hermosínda. E traballei a terra a reo para poder comer o caldo e as papas. Iso e todo.

Pero logo vostede non é Pablo Iglesias. ?

─ Coma que non son!. Son Pablo Iglesias Louzao, de 94 anos, fillo de Sara Louzao  e  de Antonio Iglesias Sobrado. Quen carallo criches que era eu?...


Respondinlle de xeito indirecto: “tódolos grandes descubrimentos fanse por error Don Pablo”. E vostede, é para min un gran descubrimento .!

venres, 21 de novembro de 2014

O CASTAÑEIRO DE SANTO ANTONIO





O CASTAÑEIRO DE SANTO ANTÓNIO

Pasei desde Ayamonte ate Vila Real de Santo Antonio, en Portugal, nun pequeno transbordador que atravesa o Guadiana, e  que alí mesmo se une  co Océano Atlántico.

Na Rúa Teófilo Braga, merquei unhas castañas salgadas boísimas, e así coñecín a Abílio un castañeiro cas mans queimadas polo  oficio, ollos cansos e tristes, e un rostro torrado e avellado polo sol do Algarve.

 Tiña Abílio un carro branco con un  asador de latón, e  nun lateral do mesmo en letras de imprenta podíase ler: “Quentes e boas; as mellores da Cidade”.

 As castañas salgadas que saían de seu asador,  as entregaba con moito aquel ós clientes envolvidas en cucuruchos de papel branco.

 Unha ducia un euro señor, me dixo.

 Comenteille, por falar con el de algo, que de alí onde eu viña, o lombo de porco, as mazás e as castañas combinaban moi ben nun  prato típico e apreciado na  miña terra.

Respondeume con un sorriso e mirada  evocadora de tempos mellores :

 ─ Ese prato elle universal, so é preciso ter os ingredientes axeitados. Eu estou disposto a poñerlle a  vostede as mellores castañas e as mazás, se vostede pon unhas boas e abondosas  talladas de lombo de porco ben mantido…!

Rimos os dous xuntos, e, pregunteille despois cousas do seu  oficio…

─ Fíxenme castañeiro sabendo que aquel ao que non mata a fame, o  mata o frío, coma di unha canción; eu ben sei que   neste traballo non  vou morrer de frío, pero de talladas de lombo de porco nunca me verei farto. Tamén coido  que  poderei morrer dunha fartura de castañas, pero dunha fartura de  porco, asegúrolle a vostede, que non é posible, tal e como me vai a vida e o negocio.

Nestas andabamos cando me decatei que outro cartel  penduraba do seu  carro. Nel líase : “Existen follas de reclamación a disposición dos  distinguidos señores clientes”.

─ Iso das follas de reclamación é certo? Pregunteille sorprendido.

─ Si señor, e certo, e mais de un cliente reclama de cando en vez se lle saen algunhas castañas co bicho, ou mal asadas.

─ E logo que acontece, retruqueille ?.

─Eu sonlle un empresario serio e solvente. Doulles un novo cartucho de castañas, e pídolles humildemente desculpas.!

Igual que  na política e mais en moitos negocios do meu País, díxenlle,e, despois  me despedín con un sentido, ate sempre Don Abílio…








venres, 24 de outubro de 2014

AS FRASES ROTUNDAS DA AVOA MANOLITA

AS  FRASES ROTUNDAS DA AVOA MANOLITA

A avoa  Manolita, vive soa no primeiro piso do noso edificio,    e utiliza sempre  frases clásicas para explicarme canto acontece no mundo; comentou a miña veciña do quinto esquerda no ascensor, despois de falarme do mal tempo e a consecuencia do mesmo sobre a súa artrite reumática.

Xa pode ser un asunto económico, político, social ou gastronómico, que  ela,  amañase con esas poucas frases, e dáche cas mesmas, unha interpretación e solución aproximada ao que acontece, díxome.

 Intrigado por esa nova e perfecta simplificación literaria filosófica,  fun visitar, a Manolita para coñecer de primeira man o seu descubrimento lóxico- lingüístico.

Invitoume a unhas pastas de manteiga moi doces, especiais para diabéticos, e mentres servía un café chirlo o gusto de hipertensos e norteamericanos, me fixo saber, por anticipado, que ela da política actual, non entendía case nada de nada.

─ Case ninguén entende nada do que acontece, pero todo o mundo fala coma  se foran expertos na materia,  respondinlle.

A continuación, despois de falar de cousas de ir e vir e de xeito un pouco inconexo díxenlle: “ Señora Manolita, quen non discute hoxe  do fenómeno político Podemos”… ?.

Miroume de esguello, sorriu con picardia… e largou a primeira frase (ou iso entendín eu).

“Repútase de casta a aquela a quén ninguén requiriu en amores”.

─ E fan ben en facelo !. Os de Podemos  están virxinais . Non lles acontece ao que outros..—Botoume unha mirada acusadora que me fixo sentir un impuro ex representante público.

─ Eles poden presumir de inmaculados, vos non.!

Muller, respondinlle conciliador, sempre que se goberna pode haber algunhas  ovellas negras e descarriadas… Eles aínda non tiveron tentacións, nin ocasións de pecado.!.

─ Iso non invalida o meu aserto rapaz !, Son  puros, e polo tanto impenetrables…teñen o virgo a vista para que o entendas dunha vez, e xa sabes que iso escasea moito hoxe.

Pero señora Manolita, despois da voda e festa que se aveciña en forma de votos para eles, deberían, ademais de fachendear de pureza política,  dicir  algo mais ou  non. ?

─Polo momento o que  din eles é aquilo de  : “ Ó pan pan, o viño viño, e o que se caga merda”.  E dicir, falan claro do que acontece. Non lle chaman como fan outros camanduleiros: copago ao repago; ou interrupción do embarazo ao aborto; ou a baixada de salarios a  moderación de subidas. Vos xa  hai tempo que falades asi…e, claro falando como lambidos e apoucados, ninguén  vos entende.

Esta ben Manolita, pode vostede ter razón neso, aínda que estamos a cambiar, pero, coñece vostede que alternativas e solucións serias e reais  teñen eles  para resolver os problemas que nos aqueixan…?.

─Iso é o de menos. Tampouco as tiña Rajoy, ou Feijoo, e mais gañaron por maioría. Os asuntos importantes e claves non teñen solución co actual xeito de vida social e mais nesta económica global; e os asuntos triviais e superficiais, dan moito xogo para os que teñen credibilidade e saben argallalos ben.— E por riba aínda   non comprendedes que en boa medida, e mentres non se perciba unha fonda transformación no socialismo,   “vos,  sodes parte do problema, pero eles son parte da solución”.

Marchaba cavilando no dito, cando me abordou na súa porta e como tentando levantar o meu azos afundidos,  ollando cara o infinito me dixo : “coméntalle discretamente ao compañeiro ou compañeira que coides ti  debera gañar as vosas  primarias, que pase por aquí. Quizabes poida darlle algún consello sensato e útil para triunfar novamente…”.









venres, 17 de outubro de 2014

O FILLO DA CAROLINA

O FILLO DA CAROLINA

Ramiro, o  fillo pequeno da Carolina fíxose avogado.

A Carolina, traballaba na consulta do doutor Fontán ca súa bata branca sempre impoluta, abría sorrinte a porta da consulta, atendía o telefono, apuntaba nun libro as visitas e horarios, cobraba a minuta e, cando remataba ese traballo, sobre as dúas da tarde, limpaba o despacho e ia comer a súa casa.

As catro en punto, regresaba ao fogar particular do doutor, poñíase unha bata azul estampada e unha cofia, fregaba os pratos da comida e mais a cocina, facía a colada, pasaba o ferro a roupa, e atendía algún mandado da señora Rosa, a dona do prestixioso doutor.

O Ramiro estalle moi agradecido ao doutor Fontán.

 Díxome, que grazas ao doutor puido estudar a carreira, e coñecer mellor a natureza humana, porque  canto mais se trata a un ser bondadoso e xeneroso, como ese médico, mais se  comprenden as necesidades e razóns dos ricos, e mellor se  entende o inevitable da pobreza…

A fin de contas é moito mais inútil e dificil acabar cos ricos que cos pobres. Os primeiros non se deixan e teñen moitas razóns de peso, e, os segundos, que son moitos e bastante ignorantes, déixanse dirixir moi ben.  E ademais, si se lles sabe  orientar axeitadamente, dáselles  ocasión  de  exercer  a  solidariedade. Deste xeito aprenden a compartir as necesidades e os  recursos, que son virtudes públicas e contribúen a  paz social.

─A miña nai, como xa  lle expliquei varias veces, non é parte da solución desta crise actual, logo, ten que asumir, lle guste ou non, que é parte do problema. Ela  sempre  calaba, ate fai un mes.

E logo, que pasou  Ramiro?, pregunteille.

─Nada estraño. Miña nai ten xa  59 anos, vai un pouco maior, e algo torpe… E o doutor  encontrou unha enfermeira titulada, moi ben preparada, e  por certo de bastante bo ver, que o vai axudar no consultorio, e tamén está disposta a  facelo  na casa particular por algo menos do que lle pagan a mamá. O doutor Fontán estache moi desgustado pola medida que se ve obrigado a tomar , e xa me dixo que tiñamos que chegar a un pequeno acordo económico polo despido…

E. ?

─ E haberá que chegar a ese acordo, ou non?... así funcionan as cousas cas leis vixentes, aínda ca miña nai, que non ten os meus estudios superiores, non o comprenda…




mércores, 8 de outubro de 2014



DIALOGO DAS CADEIRAS

Cadeira 1─ Pois eu dígoche que aquí, xunto a nos,  hai moitos que din que  se poden resolver  os problemas mais complexos cas formulas mais simples, sen se decatar que nada importante se resolve de xeito sinxelo.
 ─Sonche polo visto moitos dos que se sentan entre nos,  especialistas, sabios, médicos, economistas, xuíces,  enxeñeiros, aspirantes a políticos…e  moralistas
─Todos din ser sinceros, honestos, cabais,  e homes  de palabra; o malo é co  dia seguinte comprobas por algunha conversa indiscreta,  que fixeron outra cousa ben diferente do aquí aseguraban e xuraban ían facer.

Cadeira  2─ Eu coido que a  maioría gasta máis tempo en falar de problemas que non coñecen, polo gusto de falar e discutir, que en resolver aqueles asuntos  que dependen deles exclusivamente.

Cadeira  3 ─ A moitos lles escoito frases feitas  coma : todos son iguales, facenda somos todos, falta democracia e transparencia, e  o  País e unha vergoña… e logo, séntanse e  comentan  que votaron os de sempre, que aforraron o IVE, e  que é mellor calar sobre algún negocio seu, porque que logo todo se sabe…
─E dicir, como lle escoitei dicir o carpinteiro que me fixo cando deixou a súa moza por outra mais repoluda e rica :” e mellor ir ca verdade por diante que presumir de bo  e  sincero”…