luns, 2 de novembro de 2015

CARME, A AFILLADA DO SEÑOR CURA



Carme, cando nena, igual que moitos de nos, pasaba fame de certos alimentos.

 Caldo, touciño,  boroa, verduras, algún ovo… e pouco mais era a dieta común e diaria da miña aldea.

Carme era a afillada do cura. Na festa da parroquia, sempre estaba invitada.
 Sentábase entón a mesa da reitoral co traxe dos domingos, zapatos novos e trenzas adornadas con margaridas. Logo agardaba en silencio e ca mirada perdida no prato baleiro. 

A criada do cura servía a sopa, e a Carme a rexeitaba con un xesto firme de cabeza. E por moito que lle insistiran negábase a probala.

Recordo unha ocasión, na que eu tamén fun de invitado, a Don Vicente, o párroco, acercándose solícito a Carme e preguntándolle:  Carmiña non tes fame ?.

A Carme negouse a responderlle.

Porque non comes pequena?.

A Carme mirando para o mantelo seguiu sen lle contestar.

Don Vicente preocupado coma se fora o seu pai, - e a Carmiña parecíase moito a el -, preguntoulle finalmente : Que queres comer Carmiña.?

Ela levantou os ollos mirouno con moita firmeza, e logo  espetoulle : Eu quero chicha !!!.

 E servíronlle un zanco enteiro de capón, por orde do cura.

Daquela os que tiñan cartos, comían o que lles apetecía e cando lles petaba. E os que non tiña cartos comía o que podían, e cando cadraba.

 A nosa mestra Dona Remedios, unha muller mirrada con aspecto de famenta, pero sempre de moi  bo humor, dicíanos na aula moitas veces, facéndonos un chiste ou graza : “os  que somos ricos ou de casa grande descendemos comemos tarde ou non comemos”.  Ríamos todos a cachón.

A miña nai, dábame para lle entregar a mestra de cando en vez uns ovos, ou unha proba do porco cando a matanza. Noutras casas, incluso as mais humildes sei que  facían o mesmo. Hoxe entendo a razón de elo.

 Pero daquela todos queriamos  seren de casa grande. Como a do Sr. Cura. Ou da señora mestra.

O tempo pasou e neste novo que vivimos, todo empeza a parecerse a aquel outro, salvo que agora mídenche o colesterol,  os trigliceridos, e nos  recomendan  comer pouca carne.

 Parvadas!!!.



mércores, 21 de outubro de 2015

XUSTO DE CODESEDA E O SEXO



Xusto de Codeseda, foi compañeiro de estudios no Instituto Xelmirez.
 Daquela o Xusto pasaba por seren un pouco raro.

 Mentres xogabamos o fútbol ou a ovo, pico ou araña, el  pasábase o recreo lendo libros, ou mantendo  discusións   co profesor de filosofía Don Ceferino.

Hoxe, o Xusto, xa xubilado, forma parte da nosa cuadrilla, e parécenos xa menos anormal. Incluso moi normal cando invita a outra rolda do que sexa.

Onte, o Xusto, estivo pesadísimo precisándonos as diferenzas filosóficas entre o ideal e mais o real na política.

─ O certo é que a política sen ideais convertese nun traballo de contables, como estades a ver,  pero non é menos certo que o ideal cando hai moitas necesidades non é mais cunha parvada frustrante, sobre todo se non se resolven os problemas importantes. Iso pódelles pasar factura aos novos, que están moi postos  na ideoloxía, nos diagnósticos, nos seus magníficos discursos e nas promesas por eles feitas con tanta paixón.

A min, respondeulle rapidamente o Raul, pásame un pouco deso relacionado ca paixón e a súa factura domestica . Explícome:

─ Quen goberna miña casa é a miña dona Carme. Coma nas vosas, aínda que digades o contrario. (Calamos todos).

─ Alí, na miña casa, son eu quen fago os  discursos  sobre os ideais: o fermoso do amor,  da vida e  da amizade, da natureza, ou das necesidades matrimoniais básicas, xa me entendedes…

E qué che di a túa dona, preguntámoslle.

─ Pois  dime  que a miña idade, as paixóns e as  necesidades básicas son comer, vestir, pasear,  andar ben do ventre, e tomar o café con vos… e que esas cousas xa as teño cubertas de abondo.

─ Total que a Carme non entende, as miñas pulsións  ideolóxicas-sexuais, nin os meus discursos desde fai meses.!

O certo é que – dinos interrompendo a Raul ó Xusto-  eu non ia por ese camiño. O que quería dicirvos é que:

─ As ideoloxías levan case sempre a presentar as cousas perfectas, pero na vida real iso non se dá ou non é posible case nunca, logo, os políticos cheos de boa vontade e pouca experiencia practica, poden rematar por causar  unha fonda frustración colectiva entre os seus votantes.

Intervín eu, para arrimar a miña sardiña ideolóxica e respondinlle:

─ O certo Xusto, e que precisamos dos ideais para ir tirando, logo en tanto que ideais,o certo é que  danse case sempre no entorno do socialismo, e non do capitalismo, que é, o estades a comprobar, cruel, inmoral e inhumano.! (Quedei ate emocionado despois do meu caloroso parrafeo ideolóxico).

Pero estragoume ese momento de gloria o  noxento do Raul.

─ Moita leria a túa Luis, pero a miña dona,  que non é nada capitalista, actúa comigo de xeito inhumano, cruel, e  inmoral  desde hai mais de seis meses! Ou non?.

(Teño algún compañeiro que no fondo  pensa igual cos capitalistas…somentes en foder !).


   

mércores, 23 de setembro de 2015

AMIGOS DO VERÁN




AMIGOS DO VERÁN


É ben raro coñecer nun par de meses de verán a persoas tan singulares coma as que eu coñecín este ano, durante as vacacións.

Ao Sabino,  fun atopalo facendo sendeirismo no  monte Iroite. A fermosura da Ría de Muros e Noia agrandase coa distancia, me dixo desde o cumio da montaña.

Fíxate, talmente parece desde aquí que todo está ben ordenado.

Os pequenos pobos, os lugares, a Illa da Quebra, Monte Louro… logo cando separas o grao da palla, e dicir conforme te acercas a costa, a cousa cambia. Praias estragadas e  mordidas polo asfalto, construcións fora de escala con grandes edificios  en primeira liña que rouban as vistas a tódolos demais. O fermoso e mais  a calidade, non parece sexan  unha prioridade para ninguen…

O Sabino foi promotor de grandes  urbanizacións e sabe do que fala…!

Primitivo é xuíz. Ten sona de seren un grande xurista. Gústalle  pescar a cana no peirao polas noites. A min tamén. Nestas andabamos os dous  cando o Primitivo  pillou un  congro, que debeu confundise de lugar e de carnaza e de súpeto entroulle con forza o engano.

Axudeino con un truel a sacámolo moi cabreado do mar…

 Expliqueille ao Primitivo con frialdade de cirurxián esperto, que cortándolle aquí e ala no pescozo, deixaría de meter medo.

Axustizámolo de duas navalladas.!

 Logo quedamos mirando un bo rato para el con remorsos de conciencia. Non tiña que estar aquí lle  dixen.

 Nos pescamos unicamente  lorchos, algún choco e muxes cheos de gasoil, non si ?,  comentei…

 Iso é, me contestou.

 Puxo a sua vista nos ollos do peixe  e murmurou como en confesión : Eu cando teño que ditar sentenza case nunca teño peixes tan grandes que xuzgar…

O  Primitivo é xuíz e sabe do que fala…

Almudena, é unha bañista que non se baña no mar.

 Di que a reuma e a súa relixión se llo impiden.
 Leva no bolso sempre un lector de libros electrónicos cheo de obras mestras e novelas novas ao café de Xusto, lugar onde coincidimos tódalas mañás. Eu teño outro lector e por aí empezaron a nosas conversas literarias.

 Fai uns días me dixo no café entre tostadas de pan de Cea regadas con abondosa manteiga :

Acabo de rematar tal libro, de tal escritor, fai tres anos que se publicou, pero eu nunca leo nada que non teña polo menos dous anos de soleira. Si  se sigue a vender, ou escoito falar moito del, o baixo de internet e o empezo.

Se despois de ter lidos un par de capítulos non me gusta, o borro axiña e listo.  Non teño tempo para dedicarlle aos que non saben mentir ben as verdades da vida ou da morte, nunhas poucas  paxinas…

Almudena é escritora e sabe do que fala…

Rematou o verán e comezan as miñas vacacións de outono.

Tranquilas, sen coches, sen queimaduras do sol, sen decibelios esaxerados, sen apuros nin competencias na cafetería, con toda a praia para min… recordando con certa  tristura o verán que  pasou tan axiña e aos amigos que xa se foron, algúns para sempre.

Son xubilado e tamén sei do que falo.!




martes, 21 de xullo de 2015

AKEM

AKEM

   O Akem é do Camerún, e faena  polas nosas  rías  desde fai anos. O  coñecín a traveso de Don Venancio, un mestre xubilado de Ribeira, que lle dera gratis clases de español e galego nada mais chegar a nosa Terra.

 O Akem é comprensivo, e dicir culto. Improdutivo, e dicir alegre. Co rostro e mirada nobre da boa xente. Gran conversador, e dicir reflexivo. Lector de ciencia ficción e  afeccionado o cine, e dicir imaxinativo.

Comeza a súa parolada falando comigo do seu traballo.
  
─  Agora ca crise moitos compatriotas teus queren ir traballar ao mar. Eu cheguei aquí  cando case  ninguén quería ir  a pescar  sardiña ao cerco co traiñón ou ca tarrafa.

─  Vivín moito tempo con medo,  con morriña, e  de Rodríguez, como vos decides.

─  Ca crise  ─  ségueme contando  ─  convertinme nun  “chedebo”, igual que moitas familias de aquí.

Pregunteille que era iso dos “chedebo”.


É unha nova especie de persoas e tamén de contabilidade, cóntoche : cando non teño cartos vou a tenda da señora Isolina e dígolle:  levo estas  cousas para o xantar e mais  para casa, apúntamas no “chedebo”.

─E vai a Isolina toma nota dos meus pedidos, igual que os de moitos outros, no caderno dos ”chedebo”, e nel pon a data, os produtos, e o prezo da cada un deles con letra moi clara. Logo cando teño cartos págolle todo xunto.
  
─ A tenda da Isolina ven  sendo como un banco bo no que non se desafiúza a ninguén, e por riba sen cobrar  intres.

Akem, fala inglés, fulfulde, e o galego con acento cantareiro das Rías Baixas.

O inglés e o francés ven, segundo me di, da época da  colonización. Foi a escola falando inglés e alí o ensino foi nesta lingua. O fulfulde, como era a  lingua do seu avó, aprendeuna na casa.

Akem estudou na Universidade de Yaundé do Camerum, alí rematou os estudios de bioloxía. Igual podía telos rematado en física nuclear,porque  na súa terra non hai traballo, aínda que  teñen un  bo fútbol, o que permite equilibrar as necesidades e a miseria ca foliada, e ca diversión.

─ Vivo  agora  sen medo e sen fame ─ me di ─, pero, sen me facer o valente no traballo e  comendo moita xarda.

No mar aprendín a rezar, e nas  festas  a xantar e beber de mais. Trato de vivir, e non so de estar vivo. Teño poucos amigos, pero os que teño quérenme por min, non polo que eu son.

Estou  tratando de construír a miña felicidade ca paisaxe, coas xentes que coñezo; cos libros que leo e a música que escoito; e tamén co agarimo dunha moza que sabe de peixes e peixiños coma min, mais co patrón da lonxa. !

Onte fun pescar con Akem nun bote prestado por un mariñeiro coñecido del. Levamos unha lata grande de sardiñas, un molete de pan e unha bota de viño tinto.

Pesquei eu de primeiro un fermoso robalo de uns dous quilos moi largos. Daba gusto velo.!

 Aken, pediumo, dinllo, colleuno con delicadeza, sacoulle o anzol con coidado e  murmuroulle: “alla mobbu”,  e  logo devolveuno ao mar.

 ─ Por riba de estragalo, que raios de  explicacións tiñas que darlle?   pregunteille molesto pola perda.

 ─ Tiña, segundo a vella tradición que devolver o mar o primeiro peixe, e desexarlle  ca sorte o acompañe na súa longa viaxe, ─ me dixo moi serio.

 Pasóuseme de súpeto o incomodo, e comprendín  que aquí tamén sabemos seren agradecidos, e coñecemos moi ben  a emigración.

 Foi entón, cando vin coma o robalo despois de dar un brinco sobre unha onda tomaba ledo rumbo cara o sur en procura dunha nova vida…






luns, 15 de xuño de 2015

SEÑOR ALCALDE

SEÑOR ALCALDE

Estimado Sr. Alcalde: moito me folgo e mais  participo da explosión de alegría popular nas rúas, debido ao tan  desexado  cambio político que se produzo no noso País.

Escríbolle porque teño unhas dubidas que me preocupan e quixera darlle a miña opinión, (impulsada pola súa insistente chamada a necesaria participación dos cidadáns),  e por se vostede estimara  tela en conta.

Non sei se coñece aquilo de que:  “as eleccións volven soberbios aos que as gañan, e rancorosos aos que as perden”.

  Ben sei que vostede é unha persoa ecuánime, humilde, e con moita vontade de servizo. Tamén sei que a oposición falou de lealdade, de cooperación e colaboración nos asuntos importantes para a cidade.

 Pero como coñezo un chisco a natureza humana e mais a política, teño os meus temores que lle explico de onde proceden.

Vostede Sr Alcalde fixo moito fincapé durante toda a campaña, e antes tamén, do rexeitamento a todo comportamento persoal inadecuado, a falla de transparencia, e sobre todo, as imputacións xudiciais,  das que dixo mais de  mil veces: “terán unha consecuencia inmediata, a dimisión do imputado”!. 

Agora vai ter que cumprir o seu programa e dar resposta a moitas urxencias e asuntos importantes que ten tan comprometidos ca cidadanía.

Coido eu,  que calquera actuación do seu goberno que ofreza a mínima dubida nos aspectos formais, ou de procedemento legal e interpretativo, poderá ter serias consecuencias xudiciais, sempre ca  oposición, ou calquera cidadán, se lle dea por denunciar nun xulgado o que considere pouco axustado a lei, asunto este que ademais están na súa obriga  facer.

Vostede sabe Sr. Alcalde neste sentido, cos xuíces, garantes do cumprimento da legalidade, a menor sospeita, abren dilixencias e imputan, se o consideran necesario  para investigar o acontecido, a  calquera alcalde ou concelleiro.

Nesas circunstancias, e atendendo as súas manifestacións, e sobre todo a súa palabra, non  quedara outra que dimitir ou facer dimitir aos imputados por simple coherencia política.

A conclusión temerosa  a que chego é : A partires de agora ou  ten vostede un extraordinario equipo técnico-xuridico que lle prepare polo miúdo os asuntos municipais, ou terá problemas derivados sobre todo do seu afán por atender  as urxencias e os  asuntos importantes da cidade.

Tome, Sr. Alcalde, xa que logo con calma estes catro anos, porque as eleccións non se gañan por facer moitas cousas, senón por facer poucas pero ben, polo tanto apresúrese  pouco a pouco; faga discursos  prudentes, porque o importante non é  o que faga, senón saber falar do que teña feito; asista a tódolos actos sociais populares que poida co seu mellor sorriso, pero procure non comer fora da súa casa; non fale por telefono de asuntos importantes, porque é preferible facelo en directo  cos interlocutores,  ademais debera organizalo diante de un par de funcionarios que poidan dar fe, chegado o caso, do  falado; bórrese de tódalas redes sociais porque  non son nada de fiar; procure non facer  amigos entre os poderosos, os grandes empresarios,os financeiros, e os  construtores, porque nunca o consideraran a vostede mais que un instrumento dos seus intereses; non participe nin directa nin indirectamente de  ningunha contratación, e decrete que  sexa asinado o informe final da mesma por varios técnicos de xeito claro e contundente; teña moito coidado cas licencias de obra, esixa que se axusten estritamente o planeamento, apróbeas a seren posible por unanimidade nos plenos  e asinadas co informe dos técnicos correspondentes; viaxe pouco fora da cidade e sempre moi xustificadamente; póñase unha retribución semellante ao seu soldo profesional,  sempre por baixo do que gañan os funcionarios mellor pagados do concello,  porque  aínda que isto é unha parvada sen lóxica algunha, é unha parvada gustosa en tempos de crise.

 E sobre todo encoméndese a  Santa Rita, que ten moita man para causas imposibles, se vostede é crente, ou ao azar cuántico, se non o é.

Aínda así, e a pesares de todo o devandito, entendo ca súa supervivencia como alcalde é unha cuestión de sorte e tempo, que naturalmente lle desexo …

Atentamente ca miña admiración, lle saúda…


venres, 12 de xuño de 2015

A PEDRO ZEROLO

A PEDRO ZEROLO

Contaba María Teresa que dúas tias súas, Jimena e mais Elisa,   tiñan destacado na facultade de medicina de Compostela coma estudantes, aló pola  primeira e segunda décadas do século XX. Foron das primeiras mulleres que se converterían en médicos na nosa Universidade.

 Jimena chegou a seren unha moi boa  especialista en xenética, premio extraordinario de carreira, alumna distinguida de Novoa Santos e de Marañon, e profesora de patoloxía xeral en Madrid.

María Teresa, estaba de visita en Compostela. Tocoume acompañala unhas horas. Principiamos polos os tellados da Catedral.

 Desde alí podese observar toda a Cidade Histórica : Rúas e rueiros, hortas, igrexas, muros e fachadas, fiestras, prazas e praciñas, cubertas cas súas esaxeradas e rotundas chemineas…

Chovera un pouco, pero xa  lucia  o sol, e quizabes o exceso de osixeno, ou o mal de alturas fíxome recitar unha estrofa que pouco viña  a conto: 

“Chove en Santiago/ meu doce amor/camelia branca do ar/ brilla entebrecida ao sol”...

Preguntoume a María Teresa, de quen era ese poema ?.

─ De Federico García Lorca ─ respondinlle ─

─ En galego ? ─ retrucoume con certo asombro ─

─ Si, en galego.

─E como foi iso?

Entón, expliqueille que Lorca viñera a Compostela a coñecer a Cidade e a darlle unha aperta ao seu amigo Eduardo Blanco Amor.

 Amizades de un tempo escuro. Amizades case secretas entre homosexuais.

Federico entregoulle ao Eduardo unhas paxinas escritas polos reversos duns recibos. “ Son uns poemas en galego” lle dixo. “Non me fales mais desto ate que me traias o libro”.

Anoitecía, seguía a chover, Eduardo non lle fixo caso e  sacou un dos recibos que leu baixo o arco de Xelmirez :

─ Chove es Santiago/ na noite escura/herbas de prata e de sono/cobren a valeira lúa. Olla a choiva pola rúa/laio de pedra e cristal/olla no vento esvaido/ soma e cinza do teu mar.Soma e cinza do teu mar/ Santiago,lonxe do sol; agoa de mañá anterga/trema no meu corazón.

 Tiveron que pasar mais de oitenta anos para que Pedro Zerolo conseguira xunto co Presidente Zapatero e mais ti mesma María Teresa, que empezaran a florecer aquelas herbas de prata…

Regaleille a María Teresa Fernández de la Vega o libro cos Seis Poemas Galegos de Lorca.

 Abriuno por unha paxina calquera, e recitou con un fío de voz :  “Érguete miña amiga /que xa cantan os galos do día “ !

  Entón, soubemos os dous que era certo que a lúa podía bailar sobre a Quintana de mortos, porque os tempos xa  foran chegados…!

Co meu fondo ríspeto.

     


  

luns, 4 de maio de 2015

CATRO VELLAS MOZAS

CATRO VELLAS MOZAS

 Palmira ten 82 anos. Tamén ten unha chea de pequenas enfermidades, e un bastón elegante co puño de prata.

Pasea tódolos días  pola alameda   con tres  amigas mais novas que ela.

 Van  peiteadas de  perruquería con reflexos, traxes de alivio, e unha  maquillaxe discreta. Parecen talmente  unhas mozas festeiras.

  Entre as catro suman mais de 315 anos, e aínda reciben piropos de algún xubilado romántico ou  miope.

Falan de cotío  do bos, xenerosos, e agarimosos, que foron os seus maridos. Todos eles morreron fai   anos.

O meu home tiña un carácter  apaixonado e  un  bo corazón. Non sabía nunca que me regalar polos aniversarios de voda, ou polo meu santo, di  a Palmira ─.

 Regalos recordo eu  que poucos te facía, salvo os teus seis fillos: e morrer, morreu daquel infarto, mentres trataba de facer o que non se debe repetir tres veces ó día con setenta anos por moi bo corazón que se teña, e moi agarimoso que se queira seren… retrúcalle a Maruxa ─.
(Hai mulleres que non saben gardar un segredo)

Pois o meu, xa sabedes que era o mellor médico do vello hospital, nunca deixou de atender, incluso polas noites, os seus enfermos nas súas casas particulares, e cobrándolle unha miseria, ─ coméntalles Xosefina .

  Sabémolo ben. retruca outra vez  a Maruxa As veces quedábase toda a noite, sobre todo si a doente era bonita e  nova, non si ?.
A segunda amiga, a Amelia, quedou solteira. Sostén desde sempre  que ela veu o mundo para namorarse dun  só  home. Pero non o dou atopado.

 Quixen confiar nun pretendente  pasante de avogado, que  sabedes tiven a proba varios anos, chamábase Euloxio. Máis tiven algunhas dubidas del.

E para amar de verdade xa sabedes que débese crer cegamente na parella, porque o amor non é unha ciencia,  é só confianza e fe.

As amigas non din nin chus nin mus, especialmente a Maruxa, porque a  Amelia lle gaña o corazón,  e sabe moito de sentimentos frustrados.

A terceira amiga é a  Sofia, unha farmacéutica retirada moi respectada no grupo,  que  ben sendo para todas  a  conselleira nos tratamentos para os osos e reuma, cremas contra as engurras e pocións contra o estrinximento.

 A Sofia, foi a primeira en quedar viúva. Seu home morreu cando ela quedou embarazada do seu fillo Carlos.

 Despois de escoitala falar do seu marido é doado facerlle eloxios sen telo coñecido. “Xeneroso, sensible, atento,culto, e mil calidades mais”.
Todas  fora do alcance e memoria das amigas, pois non chegaron a coñecelo  ningunha.

A Maruxa limitase a dicir  entre dentes e con certo retintín  que : “e unha magoa non ter tratado de primeira man a un home tan especial, incrible, asombroso e amoroso como o teu…”
      
 Palmira sorrí e pon sempre final as discusións  apostando  polos consensos.

─ Queridas amigas estou con Amelia, eu nunca crin por comenencia  no meu esposo, senón por amor.

─O certo é que sempre estiven disposta  a crer no meu marido e tamén en vos, miñas amigas, ese é o único xeito de  conseguir os  afectos dos demais.

─ Agora incluso estou disposta a crervos todo o que me contedes, sempre que mintades con algo de graza, e por iso comprendo os comentarios de Maruxa, porque despois de tres anos de matrimonio, seu home, que non soubo apreciar as súas moitas virtudes, deixouna sen leito nin teito por unha pendanga, non si Maruxa? . (Rinse todas menos a Maruxa).

─  Descubrín fai tempo que sen as vosas pequenas mentiras e maldades viviría moi aburrida e asustada, porque falades moitas veces de cousas que ben mereceríamos foran verdades, aínda que non se  poidan crer, pero son lerias que a min me axudan a soportar con ilusión os anos que teño, e me amparan na actual incerteza  na que vivo.

As catro amigas van xuntas os  domingos a cafetería do Ensanche a mollar as palabras.   Piden uns vermús con oliva, e falan con emoción dos finados, o mesmo tempo que  coquetean co primeiro cabaleiro que lles dirixe unha mirada…


Quedoume claro observándoas, que a elas, a idade non as protexe do amor… pero quizabes  ese mesmo amor, as fai esquecer  da súa  idade…

luns, 20 de abril de 2015

O LIXO DAS ESTRELAS

O LIXO DAS ESTRELAS

(Dedicado ao Profesor Marcos González, amigo e avó)

 Ermelindo naceu un pouco eivado. Un ollo birollo, carrancholas, e algo chepudo.

Tiña tan mala sorte nas actividades deportivas e xogos que cando caía de lombo no recreo rompía sempre  o nariz.

Os compañeiros do colexio o alcumaban “o paspallás”, por aquilo de pas-pas por ai ven vas.!

A profesora queríao ben.

 Chamábao “Erme”, nun intento de evitaren risas crueis, e o ponderaba diante de todos como o alumno mais intelixente  da clase. Iso axudaba para que os  colegas, lle colleran mais animaversión e  lle fixeran mais pullas.

O Ermelindo calaba e aguantaba as bromas pesadas ca resignación dos que se aceptan a si mesmos. Ríase das  chanzas que lle facían  coma se non foran con el. Iso desconcertaba a moitos dos seus  compañeiros.

Tiña un bo amigo, o Marcos, un intelixente rapazote de complexión forte que espantaba aos alumnos  mais agresivos e crueis con Erme.

Fixo Ermelindo o bacharelato con  facilidade sorprendente. E marchou a estudar  a fora de Galicia.

Ala polo anos oitenta se soubo que o Ermelindo era un brillante  catedrático de física na universidade de Madrid.

O Marcos, quedou no pobo e traballou sempre de enterrador da parroquia e xornaleiro. Nunca  perdeu o contacto co seu vello amigo e agora profesor.

Un mal día Marcos enfermou, e os poucos meses morreu.

 A filla de Marcos, entregoume a última  carta que recibira seu pai do Ermelindo, pouco antes do seu pasamento, e  doume permiso para facela pública no meu blog.   A carta di así :

“Meu querido amigo Marcos:

Souben pola túa filla da doenza que te afecta , sei tamén por ela  que non lle tes medo a morte, será, penso eu, polo habito  no teu traballo, que fai do natural dos teus clientes algo tamén teu.

 Comentoume  que o qué  tes é  claustrofobia, e que pola mesma non queres quedar pechado nun cadaleito e nun  nicho por ben soleado que estea, nin aínda que teña  fermosas vistas ó Pico Sacro.

Hoxe podo dicirche cientificamente que morrer non é o final. Nin ten nada que ver con ir ver a deus ou ao demo. Crer nestas cousas, coma unha certeza indiscutible é un erro ou un  placebo.

Non sei si sabes que estamos feitos da mesma sustancia da que están feitas as estrelas, somos simplemente lixo das estrelas.

 Se nos puideran cortar en cachiños, cada vez mais pequenos, chegariamos a unha esencia que se chama átomo. Igual lle sucede aos animais, as plantas e as pedras. Estamos feitos dese material forxado no corazón dos astros.

 Esta carta é para dicirche que descubrín hai ben pouco no meu laboratorio que esa materia básica da que está composta noso corpo, ten certa vida independente, memoria propia, pode  comunicarse  entre ela, e incluso tomar algunhas decisións cando xa non forma parte do nosa “carrozaría holistica”,  que  de mortos se encontra sempre moi espallada.

 Así coma cho conto podes créelo, porque o teño confirmado, aínda que como isto forma parte da  teoría cuántica, quédanme algúns detalles miúdos por aclarar no acelerador de partículas de Suíza.

Vai tranquilo, que pronto comprobarás que teño razón e nos imos seguir comunicando.

  PD.-  Desde aquela, a filla de Marcos me dixo que recibe noticias do seu pai anualmente a traveso do Ermelindo.

Polo visto nunha cámara de burbullas do laboratorio do profesor, que é un aparello no que se detectan e rexistran as partículas sub atómicas, aparece puntualmente, en cada cabo de ano do Marcos, unha pequena nube de fotóns que pestanexa na linguaxe morse, e así, facéndolle a tradución oportuna, chegan  as súas mensaxes  de non se sabe onde. Pero chegan!.


 A última foi para expresar a  alegría do Marcos, ou do que queda del, polo nacemento de Rosiña, a súa primeira neta, en forma de faíscas de cores a ritmo de muiñeira dentro da cámara, e  segundo di a mensaxe, a picariña, sei que leva un feixe inmenso de átomos do seu avó, especialmente nos ollos, e no seu corazón.