mércores, 25 de novembro de 2020
xoves, 19 de novembro de 2020
A BENIGNA E O RISCO
A señora Benigna, menciñeira e compoñedora, tiña creto de seren bruxa desde fai mais de setenta anos.
O certo é que lle correron esa fama na parroquia despois de descubrirlle nun ollo unha mancha ca forma dunhas patas de sapo.
Segundo o médico, era unha mancha sen importancia chamada melanoses, pero as razóns científicas non convenceron a ninguén,
A Benigna cando era nova, pasaba por seren unha muller moi guapa e namoradeira.
Tivo dous mozos en tres anos, e, os dous morreron ao pouco de ter relacións con ela, síntoma claro, pensaron os veciños, das súas malas artes, ou peor aínda, por celos do demo, o que ratificou a súa condición de bruxa coma indicaba a pata de sapo do seu ollo.
Fai moitos anos disto e un día despois de atender na súa consulta a miña bisavoa Rosalía, que tiña caída a espiñela, advertiulle, con certo misterio, que se gardase cedo na casa, pois unha desas noites tiña escoitado dun veciño, que a Estadea ou Santa Compaña ía facer unha aparición preto do seu fogar.
Un home do lugar ía morrer, e, a pesares de que ela non cría nestas cousas, mellor era o confinamento preventivo, coma diríamos hoxe.
O certo é, que dias despois finou don Lourenzo, o home mais rico da bisbarra que estaba polo visto coma un buxo de saúde.
Esta inexplicable morte repentina foi atribuída por toda a parroquia ao mal de ollo de Benigna.
Debateuse esta situación entre o alcalde, o crego e o farmacéutico do concello, coñecido coma o Risco, e non se chegou a una conclusión definitiva, porque o cura quería excomungala e ate queimala,(porque a pesares de non existir xa inquisición o párroco era un Torquemada en pequeno), e o farmacéutico, pola contra, sostiña que don Lourenzo morrera seguramente dun enchente de cocido e viño, porque tiña a tensión moi alta e padecía do corazón, cousa que el coñecía de abondo polas medicacións receitadas polo cardiólogo de Compostela, e que don Lourenzo compraba regularmente na botica.
O alcalde, ao non acadar acordo entre estas “autoridades”, nin ter a quen colocarlle a responsabilidades da súa decisión final, fixo o que tiña que facer, e dicir, nada de nada, ao igual que algúns políticos fan hoxe mesmo con bo resultado electoral.
Foi o primeiro choque entre relixión e ciencia que se dou naquel Concello.
Despois chegou a guerra civil, e da señora Benigna e mais o farmacéutico Risco nunca mais se soubo na parroquia.
Uns dicían que foran os dous “paseados” ela por bruxa, el por ateo; outros xuraban que os viran entre os mortos da Santa Compaña, pero, a miña bisavoa, comentaba que se escribía con eles, e que vivían en Bos Aires, el ao fronte dunha farmacia, e ela, de enfermeira, axudando sabiamente a un traumatólogo porteño, que gracias aos coñecementos de Rosalía implantou unhas novas técnicas de rehabilitación e cobrou celebridade internacional, ademais de cobrar moitísimos pesos polas consultas, gracias a sona de “compoñedor titulado pola Universidade de Compostela”.
Casaron o Risco e a Benigna, e tiveron un fillo e unha filla.
O fillo, fíxose, físico nuclear e piloto de guerra; chegou a colaborar no proxecto Manhattan, e dicían que andaba por aquel entón disposto a bombardear a aldea do seu pai con unha ou dúas bombas atómicas, e, a filla, coma medico psiquiatra, publicou un libro que leva por titulo : “A maxia na Galicia. A incrible arte desa Terra para producir resultados contrarios as leis naturais”.
Parece un conto de meigas, non si?
Pero así foi, e mais en boa medida, así é!
venres, 13 de novembro de 2020
ROBERTO DE CASTREXE
Teño por costume, coma moitas persoas, quedar de cando en vez cos amigos nun bar, nunha rúa, ou na súa casa. Por mor da pandemia os frecuento menos, pero falo con eles de seguido por teléfono.
O amigo Roberto, non sei porqué razón nunca quixo ter teléfono, e, no seu caso, teño por forza que iren a súa casa se quero falar con el.
Roberto de Castrexe, vive no Sardiñeiro, e nunca me deixa marchar do seu fogar sen unhas maragotas, unhas fanecas ou no mellor dos casos unha ou dúas fermosas robalizas.
Eu afíxenme a levarlle sempre unha torta de Santiago, das de verdade, feitas con améndoa, azucre e ovo. Devece por elas!
O meu amigo pasou moitos anos traballando nas plataformas petrolíferas do Mar do Norte, entre : galegos, portugueses, italianos, noruegueses, alemáns, e marroquís.
Despois faenou en cargueiros, que tiñan a súa base en Hamburgo, e finalmente, xa de xubilado, sae a pescar en solitario na súa dorna “Cuca” polas augas de Estorde.
Se lle preguntas como se entendía nese babel de etnias e de idiomas, móstrase perplexo e dime con toda naturalidade: e como ía ser?... en galego!
—A bordo todos falaban mellor ou peor o galego, desde o capitán, case sempre alemáns, ate os compañeiros estranxeiros.
—É, o que teñen os idiomas, as persoas, e as institucións, cando hai maioría de falantes, me di.
Se ademais esas persoas, ou institucións, as ocupan, coma nos, postos clave na cociña, no mantemento, e nas máquinas, tense moito resolto a bordo, igual pasa na política, cas leis, ou na xustiza, ou non?
— Naquelas longas campañas, do mesmo xeito que facemos nas casas e nas nosas festas familiares unha vez rematada a xornada, na sala do persoal nas plataformas, e no salón de popa nos cargueiros, contabamos e cantabamos historias da nosa terra que chegaban ate emocionar aos compañeiros de outras nacións.
Contoume o Roberto, nesta ocasión, unha anécdota convertida en chiste, dun dos grandes animadores daquelas reunións, o seu amigo Ma-Ma-Manuel, asi coma sona, porque con ese nome constaba no seu carné e cartilla de embarque.
— Ma-Ma-Manuel Ro-Rodriguez, dime o Roberto, explicaba sempre nesas reunións, antes de contar brincadeiras, e para aqueles que non coñecían a historia do seu nome, que cando se tiña que presentar aos diferentes capitáns, estes, obrigábanlle a repetir o seu nome de viva voz, para logo preguntarlle de seguido se era tatexo.
—Ma-Ma-Manuel, contestáballes que o tatexo era o seu pai, e o encargado do rexistro civil un fillo de puta, asi a cousa quedaba aclarada.
Nos abordo chamabámoslle, polas dubidas, Manolo, e morra o conto!
O Roberto agasalloume, nesta ocasión, ademais de ca súa conversa, con un congro polo aberto e un robalo, en caldeirada, eu correspondinlle ca torta de Santiago coma lambetada.
Falamos nese xantar da nosa vida, dos nosos desexos, da familia, para compartir deste xeito a nosa memoria, porque somos o que recordamos.
Despedímonos con unha fonda aperta.
Eu marchei cavilando despois do xantar, que saber conservar e coidar aos amigos, é facelos sempre mais amigos... e, a gastronomía axuda moito a practicar os cinco sentidos a carón dos sentimentos.
martes, 3 de novembro de 2020
O ARCA DE NOE
sábado, 10 de outubro de 2020
UNHA HISTORIA DE AMOR
Naceu con dous ollos – como case todo o mundo- pero de cor diferente cada un.
A iso chámanlle os especialistas heterocromía.
Pero o que non se explica cientificamente é porqué Rosalía vía –segundo por que ollo mirase – o mundo e as persoas dun xeito ou de outro.
Co ollo da dereita, de cor azul, vía o mundo coma ti ou eu, e co outro esculcaba as persoas por dentro e dicir as súas intencións e ate os seus pensamentos.
Por un ollo vía o mundo e as persoas, e polo outro ollo comprendía o mundo.
Iso, pasa as veces coa intuición e con unha cabeza ben adestrada, pero ela o fai sinxelamente co seu ollo verde.
A Rosalía contoume este verán que estaba moi namorada dun mozo chamado Lois, pero nunca quixo miralo solo co ollo verde por medo a descubrir que non era o home indicado, e porque para ela, o amor non debía ser imposto nin pescudado.
Ademais, me dixo con convicción, que o seu corazón latexaba con serenidade e alegría.
Fai unha sema e paseando da man co seu mozo, sei que subiron ate o faro a hora do solpor, que era cando os primeiros destelos do mesmo iluminaban con forza o mar.
Na punta do cabo Rosalía xirouse para verlle o rostro ao seu amado e un raio de luz da lanterna feriu o seu ollo azul e a cegou, perdendo a visión do mesmo por uns instantes.
Cando se volveu a mirar a Lois, a Rosalía so podía velo a traveso do seu ollo verde, e descubriu entón o sorriso do seu rostro, e nese sorriso, díxome emocionada, agochábase un mundo enteiro cheo de incertezas, dubidas, alegrías e de penas, pero xuntos!
Mais tarde a Rosalía confesoume que cando se bicaron comprendeu co amor era algo cego, pero aquelo que sentía sen dubida, era o que xa lle anunciara seu corazón.
domingo, 13 de setembro de 2020
O TIO ANTÓN E A LINGUAXE DOS ANIMAIS
(Para contarlle aos netos ou aos fillos pequenos)
O noso tío Anton, éravos un home que falaba cos animais da aldea onde naceron os meus pais.
Cando nenos, contábanos as historias de algúns deles que el coñecía ben, e mais explicábanos cos mesmos, tiñan a súa linguaxe propia e que podía seren traducida ao galego sabendo entendelos.
O tío Anton sabía estas cousas porque os animais e mais el entendíanse cacarexando, ladrando, muxindo, ou gruñindo, moitas veces.
As galiñas tiñan pouca fala, dicía, pero a súa expresión, xestos, e movementos cadenciosos completaban esa carencia.
Cando cacarexan, dicíanos tío Anton, non é unicamente porque puxeron un ovo, o que nos queren advertir tamén e dun problema e reclamación que teñen cos seus pes espidos desde sempre.
Canto cantan din: “co-cocorocooo, cocoroocoo, co cocorocooo!!! o que quere dicir: “por, porporpoñer ando descaaalza!!!..” e o galo, que as entende cando as escoita lles resposta sempre, “kikiriquiiiiiiiiiiii- poisporiso, poisporiso!
E deste xeito dálles xentilmente a razón.
Nos, imitabamos o canto das galiñas e dos galos, e despois dun rato de practicas afinando entendiamos que era así mesmo, sen dubida algunha.
Cos contos dos paxaros pimpíns e chaschás o tío Antón explicábanos mellor que na catequeses da parroquia coma eses paxaros, cando as tropas de Nerón preguntaban por Xesús neno e polos seus pais na súa fuxida, os axudaban a se esconder.
Nesa historia, os soldados, nunha viaxe no tempo e no espazo, perseguindo a familia de Xesús, facíanlle a pregunta aos veciños do lugar se os viran pola bisbarra, e os pimpíns anticipábanse a eles e contestábanlle antes de que falaran os paisanos, dicíndolles: “pimpín por aquí non os vin” e o chaschás desde lonxe o ratificaba, “chaschás por hai ben vas” e así enganaban as tropas que collían o camiño equivocado.
Os pimpíns e os chaschás fixéronse nosos súper heroes bíblicos, cando non existían os cómics.
Os cans, segundo o tío Antón non son “cheiracus” porque lles guste, ou axude a identificarse uns a outros, coma se non fora de abondo mirarse aos ollos e as orellas para se coñecer, o fan, porque dende hai moitos anos nunha festa de sociedade, o mesmo cos homes sacan o sombreiro, os cans deixaban os rabos no colgadoiro.
Un incendio no casino obrigounos a todos a saír correndo, e cada can colleu o primeiro rabo que atopou.
–Agora cando se atopan uns cans con outros, non van a cheirarse o cu, senón a comprobar se o rabo que leva ese can é, ou non, o del.
Hoxe xa non hai case ninguén que saiba falar cos animais, e as historias que lemos na prensa contan o que sucedeu (mais o menos segundo quen mande), pero a imaxinación destes contos, explica o que debería ter sucedido.
Xa sabemos que aquelas historias son parte de lendas galegas coñecidas, pero daquela, para nos, eran simplemente historias marabillosas.
A min, agora de vello, resúltanme mais cribles esas historias do tío Antón, que moitas das novas dos medios de comunicación.
Porqué na vida a ilusión, a imaxinación e a esperanza contan mais que certas verdades interesadas.
Eu, ao meu neto, penso contarlle os contos sobre os rabos dos cans, a axuda dos pimpíns e chaschás, e, os significado do cacarexo das galiñas, gústelle ou non aos meus fillos...!
xoves, 10 de setembro de 2020
COSME O AGUARDENTEIRO ADESTRADOR DO FUNGUEIRO CLUB
O Cosme é un home sentencioso feito a si mesmo.
Foi a escola dous anos e o resto aprendeuno da educación que se deu a si mesmo.
Ten uns 50 anos e traballou sempre de augardenteiro na bisbarra, que é terra de mal viño e bo augardente.
Vive na parroquia de Cerdeira, e no cartel anunciador da mesma puiden ler escrito con aerosol “cerdos”, en castelán; non polos porcos que habelos hainos, senón por un tradución trabucada que debeu confundir cerdeira, de cereixas, con porcos.
O Cosme, e bo amigo do párroco e faille de sancristán os domingos.
O sacerdote, don Crisanto, é un home de ben, de ben e vai, porque levase ben co alcalde do concello, co de agora e co de antes, cando mandaba Franco.
Un veciño deses que presumen agora de esquerdas, me conta o Cosme, desas malas linguas que hai, cando fala do sacerdote, separa ao falar na taberna, diante dos amigos, o “sa” de “cerdote”.
Iso non quere dicir o que pensades, pois don Manuel, e home limpo de corazón aínda que ten moi estragada a sotana e ate por non ter non ten cuarto de baño con ducha na reitoral.
O Cosme, non quería seren alcalde de barrio de ningún xeito, e foi iso o motivo suficiente para que todos na parroquia llo pediran ao alcalde do municipio, home moi popular que leva trinta anos ao fronte do concello.
Fai un ano, o Cosme, me explica con orgullo, axudei a montar o equipo de fútbol da parroquia, o “Fungueiro Club”, metinme a adestrador, presidente, e fisioterapeuta do mesmo, facendo unha escolma entre os mozos afeccionados do lugar.
As lesións melloran moito con augardente, me comenta, e os ánimos para gañar os encontros, con un pequeno grolo do mesmo antes de saír ao campo.
No ultimo partido contra os xogadores mimados da alcaldía e da parroquia sede do municipio, houbo de todo, malos modos, patadas, e sobre todo moitos xuramentos dos futbolistas do Fungueiro Club, que fixeron baixar a tódolos santos ao campo.
Aquelo, diante da autoridade eclesiástica presente de don Crisanto, moi afeccionado ao balón pé, foi demasiado, recorreu a garda civil, detivose o partido, que xa estaba roto, e propuxo a federación unha sanción de 1000 euros coma penitencia.
Ao non ter medios para pagar a cantidade, o Cosme, e todo o equipo recorreron ao alcalde que amablemente os recibiu no salón de plenos.
Prometeulles nun discurso que se recordará coma rotundo e claro axudar a pagar ou evitar a sanción, e advertiulles que non estaba ben xurar, nin comportarse dese xeito no campo de fútbol, e rematou a súa disertación dicíndolles :
—Sodes a hostia, non tedes nin educación, nin sabedes o que é o xogo limpo, me cago en tódolos santos e mais no dios que vos fixo.
Veña ide para casa castróns, que xa falarei eu con don Crisanto e co sarxento da garda civil.
E despois, a cousa amañouse a mar de ben!