sábado, 2 de agosto de 2014

COLONIA DE BAÑO

COLONIA DE BAÑO

Daquela, unha farmacia da bisbarra de Betanzos tiña un escaparate enorme, e no mesmo anunciábanse os envases de medicamentos, coma Vick Vaporub mentol alcanfor, aceite de rícino, ou optalidon, todos eles con unha nota escrita a man, que   indicaba a súa utilidade terapéutica.

Recordo nela un gran frasco, de  dez litros, que contiña un liquido amarelo, e pegado no envase do mesmo unha cartolina na que se podía ler en  letras de imprenta:  “COLONIA DE BAÑO”.

A  Sabela, veciña dunha parroquia cércana, tivera un fillo moi  bonito, froito dun amor desacertado. Vivía a rapaza, que era orfa e algo cándida, do seu traballo coma xornaleira prestado en algunhas casas ricas.

 Nunha delas o fillo do propietario rouboulle o sentido con promesas e xuramentos embusteiros, e bastoulle a proba dun dia para preñala e despois esquecela, xusto o mesmo día no que se decatou do froito daquelas beiras…

O pequeno da Sabela tiña un sorriso engaiolante permanente o que lle daba un encanto especial, que  para súa nai era  e unha  ledicia e orgullo.

Souben pola farmacéutica que a Sabela roldaba tódolos fin de semana o redor do escaparate co neno nos brazos ollando simultaneamente o gran  frasco e mais o interior da botica, pero non remataba de entrar nela.

Por fin, nunha destas, a Sabela dirixiuse a boticaria e  a media voz preguntou canto custaba o litro de colonia de baño.

─ Pois cústalle 20 pesetas o litro, pero tamén pode levar menos cantidade…─  A iso retrucoulle a Sabela

─ E arrecende ben. ?

─ Moi ben ! ─ Díxolle a farmacéutica.

Logo  mollou un algodón na colonia e doulla a ulir a Sabela, que ruborizouse abraiada, dou as grazas e marchou co algodón agochado entre ela e o seu picariño.

Sabela traballou arreo varias semanas e non volveu pola farmacia ata polo visto conseguir aforrar 20 pesetas.

Unha mañá entrou moi  decidida na botica e pediu un litro de colonia de baño, coma quen pide unha aspirina ou un esparadrapo. E liscou co envase sen mediar palabra algunha con ninguén.

Pasado días a farmacéutica volveuna a ver ollando novamente o escaparate, saleu a porta e preguntoulle se lle gustara a colonia de baño.

─ Moito señora, gustoume moito… O malo e que sexa tan cara…

─ Pero si  dura moito. !

─ Non tanto señora, o litro me foi ben xustiño para poder bañar o meu neno…!  Pero pagou a pena, porque o meu cativo arrecendía  tan ben…!!