sábado, 15 de maio de 2021

MANUEL DE BRAIS



Manuel de Brais é unha persoa de idade con unha cute dourada polo sol e unha mirada franca e limpa, dono dunha pequena casa con horta na aldea onde vive desde fai anos, e  que  sóubome dar unha lección de trato persoal inesquecible.


 Un domingo de maio fai agora catro anos, acompañado  da miña dona, visitamos na parroquia de Vilariño a uns amigos  onde  aconteceu o seguinte:


 O Manuel, que alí se atopaba, foime presentado polos nosos coñecidos coma un  amigo e  veciño dunha casa próxima.

 Dirixinme a el cordialmente con trato chan, e díxenlle mais ou menos : 


—Moito gusto en coñecerte Manuel!


Paroume en seco  e sorrindo díxome:


—Se non lle molesta tráteme de  señor Manuel, ou don Manuel, porque a vostede non lle costa nada e a min gústame moito!


Comprendín axiña que a necesidade de ter ríspeto no trato cos demais é importante, sobre de todo,  con aquelas persoas que teñen a súa  dignidade coma único patrimonio.


Tratei desde entón a Manuel de don, el mo agradece, e eu síntome fondamente recompensado ca súa amizade.


Ten don Manuel dous fillos  traballando no estranxeiro.

 

Aos dous, contoume seu pai que sempre lles aconsellou: 


—Quédavos por  construír o voso futuro, magoa non poder facelo na vosa terra, elo a pesares dos desprezables do pasado, e  dos raposos oportunistas do presente, eses, que en algúns casos, levan incluso os tratamentos de señorías,  ilustrísimos, de excelentísimos, honorable, eminentísimos, santidade,  ou de alteza...tratade a todos con moita educación, xa sabedes que eu estou por  nos tratar  entre todos de  señor tal  ou de  don fulano, con elo abonda si se é digno de elo, porque como sabedes queridos fillos, non é o tratamento o que fai mais grande ou mellores aos homes, senón os homes os que dignifican os tratamentos, e temos hoxendia unha fartura de títulos inmerecidos.


Eu non podo mais que darlle a razón a Manuel!