martes, 27 de xaneiro de 2015

GALERIA DE ALCALDES

GALERIA DE ALCALDES I
(Dedicado ós candidatos as alcaldías)


Daquela, fai agora dez anos, veume  ver a Asociación  xuvenil “ Nova Mocidade”. Estaba formada por case  dous centos mozos fillos e netos dos meus veciños, e tiña unha actividade deportiva e cultural moi notable no meu Concello.

Supoñían, nada menos que  un cinco por cento do censo de poboación.

Coñecía eu que algúns deses mozos tíñanme certa aversión, por varias razóns : levaba  moitos anos o fronte do municipio, e dicían de min que era un alcalde  de pouco dialogo e contrario a participación cidadán.

Recordo cos recibín  no Salón de Plenos, mandei traer unhas xerras de café, leite, e uns bolos de pan do restaurante o Cornecho de Remedios.

Dinlle os bos días, manifesteille a miña alegría pola súa visita, e sen mais pregunteille a que se debía a mesma. Tomou a palabra o Presidente da Asociación, un fillo dos de Cambeiro, que con xesto serio e grave espetoume:

─ Sr. Alcalde, a Asociación quere dispor dunha piscina pública cuberta e climatizada onde poder practicar natación e outras actividades deportivas.

 Eu, que sempre tiven a costume de escoitar o que se di, e non quen o di, díxenlle o que me pareceu sinceramente.

─ Moi boa idea!.Sempre entendín co deporte a mais o ocio teñen moito que ver ca saúde e co emprego do futuro.

─ Prometo agora mesmo, e  diante de todos vos,  traer un técnico da Deputación e un anteproxecto tipo, en menos de quince días.

E así foi.

 Volvín reunir a executiva da Asociación, e despois doutro café e unha introdución para presentar o enxeñeiro, este, estendeu uns planos e comezou por explicar polo miúdo :  A dimensión  da piscina, o aforo do vaso, bombeo e tratamento da auga, eficiencia enerxética incluíndo placas solares, desinfección, normas e persoal necesario e obrigatorio, memoria do presuposto, etc.

Os presentes seguimos con moita atención esas explicacións técnicas  e unha vez  rematadas, tomei a palabra para asegurarlle a todos que non se preocuparan polo custe da mesma.

─ O teño falado e comprometido previamente co Presidente da Deputación e mais ca Consellería. Pódese executar en dous anos. O Concello pode asumir un creto do cinco por cento do total.  Agora ben,  quixera preguntar algo que considero importante:

─ Sr. Enxeñeiro, cal é o custo de mantemento e conservación  da piscina cada ano?.

Dounos a cifra. Creo recordar que supoñía algo menos dun dez por cento do investimento da mesma. Non era unha cantidade moi grande, pero era inabarcable  polo concello.

Volvín a falar para manifestarlles os presentes unha evidencia:  calquera novo servizo como podedes comprobar  axuda a mellorar a calidade de vida dos veciños, pero ten uns gastos.

─ En boa política de participación  solidaria, o que temos que facer é decidir entre todos estes gastos e outros, e  repartir  de xeito equitativo, ecuánime e ponderado entre os veciños o seu custo. E para facelo posible so temos que consultar nas casas si se está disposto a contribuír con unha pequena cantidade económica  mensual, en función da renda de cada familia claro está.

─ Ide a facer a consulta cas vosas familias,  mentres  nos imos preparando os pregos para o proxecto da piscina.
 Quedamos logo a espera do resultado do voso referendo previo, antes de acordar o contrato cos veciños  que desexen facer uso deste servizo a traveso dunha nova ordenanza.

Grazas pola vosa idea, e pola vosa colaboración e participación.

Pasaron uns días e na misa do domingo  fun abordado por moitos pais de familia que me dedicaron frases agarimosas coma: 
Sei que te volviches socialista!; Toleaches alcalde, agora de vello dáseche por quentar as cabezas e o lombo dos nosos fillos con auga quente!; E logo alcalde, canto levas de comisión ?;  e outras lindezas menos finas  que nin che conto.

O que pasa, pensei entón, e que non se pode ser solidario e mais eficaz o mesmo tempo. Caín nesa conclusión co conto da piscina, e comprendín que tiña no Concello unha boa mocidade chea de novos  proxectos.

Tamén caín na conta que eu tiña mais escusas que ilusións.

 E foi entón cando acordei deixalo … pouco despois dimitín como alcalde!