venres, 2 de xuño de 2017

DON VIRXILIO MOURE, O MESTRE







Don Virxilio, mestre de mestres, cumpriu case 94 anos e medio. Está feito un mozo. Ten a intelixencia, a curiosidade e  o brillo dos seus ollos tan espertos coma aos vinte anos, ademais conta con unha  prodixiosa  memoria  que permítelle recordar o nome da  practica totalidade dos que foron os  seus alumnos.
 
É,  o Virxilio, un home  da xeración doutros grandes mestres como  Varela Jácome, Francisco Rio Barja,  Avelino Abuín, ou Carlos Criado entre outros.
Todos eles extraordinarios docentes de Compostela e aínda de Galicia.

O Virxilio, contoume ca intensidade e paixón que lle pon a todo canto fai e di, varias experiencias recentes:

—Agora invítanme as veces  os vellos alumnos, aos seus encontros da promoción a que pertencen.
 Os coñezo a case todos, aínda que os anos non  pasan en balde, e ate me despistan algúns deses mozos canosos e pais de familia, que me saúdan co afecto dos bos amigos.

—Home Virxilio, —lle retruquei — corenta anos de ensino e sete promocións de alumnos dan para moito. A ti coñécenche porque fuches o seu profesor, ti  coñecelos porque foron discípulos, pero a desproporción en número e moi  grande.

—O caso é que fai un mes, —me sigue a contar  o Virxilio— fun a unha destas conmemoracións. A da promoción do ano 1959-1965, e alí ocupei ao azar unha mesa e unha  cadeira a carón dun alumno que non recoñecín.
Ten cara de boa persoa, pensei. Fun saudado por el  con moito ríspeto, e comezamos a falar de cousas de ir e vir... Pronto se deu a coñecer, chámome Fúlano de tal, e vostede deume clase durante varios anos... Sonábame aquel nome...

—Mira Toxo, aquel que fora meu alumno mostrouse durante toda a comida como unha persoa, sinxela,  modesta  e  tímida.
Estabamos na sobremesa cando lle preguntei  de súpeto:

E logo onde estás traballando ?.

No Tribunal Supremo Don Virxilio. Sonlle maxistrado alí, con outros sete compañeiros. Estoulle na Sala do Contencioso.

—Quedei abraiado !.
 Mo dixo coma se me  pedira desculpas, baixando a voz, e ate se puxo un pouco ruborizado.
 Aquel  alumno, érache unha autoridade xudicial en España, e eu  fora seu mestre cando estudiaba o bacharelato aquel...
Porqué será, que a xente importante de verdade ten tanta sinxeleza, me preguntei sempre. ?

—Nesta, Luis, sonou o seu telefono móbil, desculpouse e apartouse uns pasos para ter maior cobertura. Regresou con un sorriso e me comentou con recato:

—Estou contento, chamáronme os fillos para ver como o estaba a pasar nesta xuntanza, e díxenlle  que moi ben e que  ademais  era afortunado  por estar a carón dun querido profesor.
 Para min é un honor moi grande ter compartido estas horas con vostede Don Virxilio.

—Fixen, - me dixo- que me sonaba co pano da man, pero o  aproveitei para secar unhas bagoas de emoción que non puiden conter... e recordei aquelo de que aos  mestres os fan sempre os seus  bos alumnos.