sábado, 19 de marzo de 2016

ADICADO A TODOLOS XOSES, FILLOS E PAIS.





Xosé, e pai, avó, e amigo dos seus amigos.

Hoxe anda de santo. Na súa casa celebrase mais a onomástica co cumpreanos. E coma esta festa é do seu desexo e do gusto da  súa dona, fixo dela unha tradición caseira de calidade, a que asisto por invitación persoal desde sempre.

 Eu, Xosé, díxenlle ao chegar a súa casa, vin coma tódolos anos a celebralo con vos, a felicitarche,  e mais a traer a lambetada mellor de Galicia.

Agradézocho. E mais se ves sempre con un agasallo, coma a túa torta de Santiago,  ao marxe de que acabes roendo a metade dela ti só…

Rimos todos, comemos a fartar entre contos, e,  chegados ao café, o Xosé ergueuse lentamente, fíxose silencio, e dirixíndose a todos nos  dounos este pequeno discurso:

Hoxe todos os pais son Xosés, incluso aquel dos evanxeos que pasou caladamente por cornudo por culpa dunha pomba ou pombo que din  fixo posible ter un fillo de xeito milagreiro. Os pais temos que ter as veces a sabedoría necesaria para calar prudentemente.

─ Vos desexo de corazón que no futuro teñades sempre os luxos que para nos eran e son necesidades básicas; Unha casa ou piso propio onde vivir de xeito independente; un traballo a tempo completo que vos dea para vivir modestamente; unha calefacción para quentarvos no inverno, unha sanidade e mais unha educación públicas, e, uns fillos tan bos coma teño eu, ou meu amigo Luis.

─ Se vos equivocades, igual podedes contar con nos; se as veces vos esquecedes de chamar por telefono ou de nos visitar, non vos preocupedes, ímolo a compensar falando dos fillos con moito orgullo e agarimo cos nosos  amigos.

─ E si algunha vez – Deus non o queira polo momento- non estivera en condición de facer a festa, ou simplemente non estivera,celebrádea todos xuntos no meu nome, seguídevos contando as boas historias, rir  a cachón con elas, e recordade sempre  aquilo que dicía meu amigo Alberti: “ aínda que o vento xa pasou, aínda está vivo no vento, o que o vento se levou..”.

Isi pensei eu... é o que teñen as boas tradicións…!