venres, 24 de outubro de 2014

AS FRASES ROTUNDAS DA AVOA MANOLITA

AS  FRASES ROTUNDAS DA AVOA MANOLITA

A avoa  Manolita, vive soa no primeiro piso do noso edificio,    e utiliza sempre  frases clásicas para explicarme canto acontece no mundo; comentou a miña veciña do quinto esquerda no ascensor, despois de falarme do mal tempo e a consecuencia do mesmo sobre a súa artrite reumática.

Xa pode ser un asunto económico, político, social ou gastronómico, que  ela,  amañase con esas poucas frases, e dáche cas mesmas, unha interpretación e solución aproximada ao que acontece, díxome.

 Intrigado por esa nova e perfecta simplificación literaria filosófica,  fun visitar, a Manolita para coñecer de primeira man o seu descubrimento lóxico- lingüístico.

Invitoume a unhas pastas de manteiga moi doces, especiais para diabéticos, e mentres servía un café chirlo o gusto de hipertensos e norteamericanos, me fixo saber, por anticipado, que ela da política actual, non entendía case nada de nada.

─ Case ninguén entende nada do que acontece, pero todo o mundo fala coma  se foran expertos na materia,  respondinlle.

A continuación, despois de falar de cousas de ir e vir e de xeito un pouco inconexo díxenlle: “ Señora Manolita, quen non discute hoxe  do fenómeno político Podemos”… ?.

Miroume de esguello, sorriu con picardia… e largou a primeira frase (ou iso entendín eu).

“Repútase de casta a aquela a quén ninguén requiriu en amores”.

─ E fan ben en facelo !. Os de Podemos  están virxinais . Non lles acontece ao que outros..—Botoume unha mirada acusadora que me fixo sentir un impuro ex representante público.

─ Eles poden presumir de inmaculados, vos non.!

Muller, respondinlle conciliador, sempre que se goberna pode haber algunhas  ovellas negras e descarriadas… Eles aínda non tiveron tentacións, nin ocasións de pecado.!.

─ Iso non invalida o meu aserto rapaz !, Son  puros, e polo tanto impenetrables…teñen o virgo a vista para que o entendas dunha vez, e xa sabes que iso escasea moito hoxe.

Pero señora Manolita, despois da voda e festa que se aveciña en forma de votos para eles, deberían, ademais de fachendear de pureza política,  dicir  algo mais ou  non. ?

─Polo momento o que  din eles é aquilo de  : “ Ó pan pan, o viño viño, e o que se caga merda”.  E dicir, falan claro do que acontece. Non lle chaman como fan outros camanduleiros: copago ao repago; ou interrupción do embarazo ao aborto; ou a baixada de salarios a  moderación de subidas. Vos xa  hai tempo que falades asi…e, claro falando como lambidos e apoucados, ninguén  vos entende.

Esta ben Manolita, pode vostede ter razón neso, aínda que estamos a cambiar, pero, coñece vostede que alternativas e solucións serias e reais  teñen eles  para resolver os problemas que nos aqueixan…?.

─Iso é o de menos. Tampouco as tiña Rajoy, ou Feijoo, e mais gañaron por maioría. Os asuntos importantes e claves non teñen solución co actual xeito de vida social e mais nesta económica global; e os asuntos triviais e superficiais, dan moito xogo para os que teñen credibilidade e saben argallalos ben.— E por riba aínda   non comprendedes que en boa medida, e mentres non se perciba unha fonda transformación no socialismo,   “vos,  sodes parte do problema, pero eles son parte da solución”.

Marchaba cavilando no dito, cando me abordou na súa porta e como tentando levantar o meu azos afundidos,  ollando cara o infinito me dixo : “coméntalle discretamente ao compañeiro ou compañeira que coides ti  debera gañar as vosas  primarias, que pase por aquí. Quizabes poida darlle algún consello sensato e útil para triunfar novamente…”.









venres, 17 de outubro de 2014

O FILLO DA CAROLINA

O FILLO DA CAROLINA

Ramiro, o  fillo pequeno da Carolina fíxose avogado.

A Carolina, traballaba na consulta do doutor Fontán ca súa bata branca sempre impoluta, abría sorrinte a porta da consulta, atendía o telefono, apuntaba nun libro as visitas e horarios, cobraba a minuta e, cando remataba ese traballo, sobre as dúas da tarde, limpaba o despacho e ia comer a súa casa.

As catro en punto, regresaba ao fogar particular do doutor, poñíase unha bata azul estampada e unha cofia, fregaba os pratos da comida e mais a cocina, facía a colada, pasaba o ferro a roupa, e atendía algún mandado da señora Rosa, a dona do prestixioso doutor.

O Ramiro estalle moi agradecido ao doutor Fontán.

 Díxome, que grazas ao doutor puido estudar a carreira, e coñecer mellor a natureza humana, porque  canto mais se trata a un ser bondadoso e xeneroso, como ese médico, mais se  comprenden as necesidades e razóns dos ricos, e mellor se  entende o inevitable da pobreza…

A fin de contas é moito mais inútil e dificil acabar cos ricos que cos pobres. Os primeiros non se deixan e teñen moitas razóns de peso, e, os segundos, que son moitos e bastante ignorantes, déixanse dirixir moi ben.  E ademais, si se lles sabe  orientar axeitadamente, dáselles  ocasión  de  exercer  a  solidariedade. Deste xeito aprenden a compartir as necesidades e os  recursos, que son virtudes públicas e contribúen a  paz social.

─A miña nai, como xa  lle expliquei varias veces, non é parte da solución desta crise actual, logo, ten que asumir, lle guste ou non, que é parte do problema. Ela  sempre  calaba, ate fai un mes.

E logo, que pasou  Ramiro?, pregunteille.

─Nada estraño. Miña nai ten xa  59 anos, vai un pouco maior, e algo torpe… E o doutor  encontrou unha enfermeira titulada, moi ben preparada, e  por certo de bastante bo ver, que o vai axudar no consultorio, e tamén está disposta a  facelo  na casa particular por algo menos do que lle pagan a mamá. O doutor Fontán estache moi desgustado pola medida que se ve obrigado a tomar , e xa me dixo que tiñamos que chegar a un pequeno acordo económico polo despido…

E. ?

─ E haberá que chegar a ese acordo, ou non?... así funcionan as cousas cas leis vixentes, aínda ca miña nai, que non ten os meus estudios superiores, non o comprenda…




mércores, 8 de outubro de 2014



DIALOGO DAS CADEIRAS

Cadeira 1─ Pois eu dígoche que aquí, xunto a nos,  hai moitos que din que  se poden resolver  os problemas mais complexos cas formulas mais simples, sen se decatar que nada importante se resolve de xeito sinxelo.
 ─Sonche polo visto moitos dos que se sentan entre nos,  especialistas, sabios, médicos, economistas, xuíces,  enxeñeiros, aspirantes a políticos…e  moralistas
─Todos din ser sinceros, honestos, cabais,  e homes  de palabra; o malo é co  dia seguinte comprobas por algunha conversa indiscreta,  que fixeron outra cousa ben diferente do aquí aseguraban e xuraban ían facer.

Cadeira  2─ Eu coido que a  maioría gasta máis tempo en falar de problemas que non coñecen, polo gusto de falar e discutir, que en resolver aqueles asuntos  que dependen deles exclusivamente.

Cadeira  3 ─ A moitos lles escoito frases feitas  coma : todos son iguales, facenda somos todos, falta democracia e transparencia, e  o  País e unha vergoña… e logo, séntanse e  comentan  que votaron os de sempre, que aforraron o IVE, e  que é mellor calar sobre algún negocio seu, porque que logo todo se sabe…
─E dicir, como lle escoitei dicir o carpinteiro que me fixo cando deixou a súa moza por outra mais repoluda e rica :” e mellor ir ca verdade por diante que presumir de bo  e  sincero”…