sábado, 19 de xullo de 2014

O TUCHO E MAIS A LAURA

 O TUCHO E MAIS A LAURA

O Tucho foi  aprendiz de carpinteiro con Don Xosé.

O Xosé tiña creto de seren o mellor ebanista- carpinteiro de toda a bisbarra. Andaba  polas casas do  concello reparando pisos, sollados, fiestras, e portas.
Tamén facía mobles a medida para algunha mansión rica, no seu pequeno taller situado nun cuberto ou galpón, a carón do seu fogar.

 O mestre carpinteiro  era viúvo, e  compartía casa ca súa filla  Laura, e ca súa irmán Adelina.

O aprendiz foille collendo mañas o seu  oficio a traveso da  serra, e  o cepillo, seguindo os consellos, advertencias, e técnicas do mestre.

 Foi pouco despois desto, cando Tucho entrou por vez primeira no taller e tamén  na casa de Don Xosé, ben en procura de  ferramentas e material esquecido para calquera obra, ou invitado a xantar ca familia.

Coñeceu así a Laura, unha  mociña intelixente, de pelo negro,  ollos grandes e  pispantes, sorriso acolledor, voz suave e  cantareira, e  pel moi fina.

O Tucho namorouse dela  nada mais vela, pero gardou o segredo no fondo do seu corazón.

 Nada podía ofrecerlle coma aprendiz de carpinteiro, e decidiu que tiña que seren o mellor do mundo  antes de declararlle o seu amor.

Pasados dous anos, o Tucho, superaba xa o mestre en habilidade e rendemento.

 Foi entón cando a traveso de Don Hixinio, o párroco de Guntín, chegoulle a noticia de que en Montevideo , tiña unha oferta de emprego inmediata, nunha gran carpintería industrial propiedade dun veciño rico da parroquia, que o reclamaba  coma encargado da mesma ofrecéndolle un bo soldo.

O Tucho foi  ver a Laura, e contoulle todo o que levaba gardado no seu maxín durante eses anos, primeiro  explicoulle canto amor sentía por ela, e despois   o asunto do emprego, e mais a necesidade de marchar axiña.
 A Laura abrazouno con agarimo, e o seu  sorriso pispante falou por ela sen lle falar…

Tedes que saber que daquela, para seren válido o matrimonio, tiña que seren oficiados pola igrexa, e seguindo as normas da mesma,  os sacerdotes  facían as amoestacións ou avisos de voda. Todo elo duraba un tempo que o noivo non tiña.

 O Tucho marchou para o Uruguai. E nada mais chegar alí comezou a arranxar os papeis para casar por “poderes” con Laura, e xunto con eles,  envioulle  unha fotografía súa na que se lle vía a porta da carpintería con traxe de domingo, e con unha expresión que talmente parecía estar chamando por ela…

 Deste xeito Laura e Tucho, convertéronse en matrimonio a pesares da  distancia.

O Tucho soñaba tódalas noites con Laura, a súa querida  dona de ollos pispantes, sorriso acolledor e pel tan fina…

 Reclamouna oficialmente,envioulle os cartos para a viaxe, e a Laura preparou un baúl, no que  meteu  a roupa nova da voda,  os traxes de andar por casa, un libro de poemas de Rosalía de Castro, e a fotografía enmarcada de seu Tucho.

Uns días antes de se embarcar, doulle a Don Xosé un ictus, pasou un mes no sanatorio e regresou a casa para encamar.

A Laura retrasou a viaxe, para poder coidar o seu pai.  E o Tucho comprendeuno…

Don Xosé viviu dependendo para  todo  da súa filla moitos anos… pero uns meses antes da súa morte, a Tia Adelina comezou a perder o sentido, con esa doenza que  antes chamábanlle  chochear, e  agora  dise  Alzheimer…

A Laura envioulle outra carta o Tucho contándolle a nova e volveu a retrasar a súa viaxe… e,   o Tucho tamén o comprendeu.

Cando morreu a Tia Adelina, o Tucho decidiu vir a buscar a súa Laura, e mandoulle unha carta advertíndolle da súa decisión.

Tiñan xa transcorridos  30 anos. E a Laura cumprira os 50.

 Aquela noite volveu ler novamente a carta de Tucho.

 Ela xa lle escribira unha  na que lle dicía en esencia: “meu querido Tucho, se me queres de verdade, non veñas por min… xa non paga a pena…”.


Mirouse  Laura  de paseniño no espello do seu cuarto, e votouse a chorar.
 So lle quedaba  o  seu sorriso acolledor no medio dunha pel moi engurrada e un corpo desfeito polo traballo, tamén  lle quedaba o recordo do seu grande  amor, o Tucho…

mércores, 9 de xullo de 2014

ROSALIA DE PARDACES

ROSALÍA DE PARDACES

(Adicado a Xosé , inmigrante, é tamén ós bos amigos de Burela)


Tiña o creto de seren a moza mais fermosa e leda dun  pequeno porto pesqueiro próximo a Burela.  Era Rosalía rica de seu, e muller moi pretendida polos mozos do lugar.

 Vivía cos seus pais a escasos metro do peirao, nunha casa de planta baixa e primeiro andar, dende onde  parecía entrar o mar ate o salón.

Aló polos anos setenta chegou a parroquia un mozo caboverdiano chamado  Obama Neves. Viña da República do Cabo Verde, estado soberano de África, que coma poucos saben está situada fronte as costas senegalesas, que tampouco situamos ben.

 Os amigos e compañeiros de traballo coñecen a Obama coma  Blanquiño, polo apelido Neves, aínda que é negro coma o carbón.

Empezou a traballar no mar co Tucho do  Curro na pesca de  baixura, e despois  na captura do bonito en altura, con outro patrón.

Tiña Obama instinto depredador, neso gañáballe o localizador  de peixes, chamado polos técnicos sonar.

Obama despois de outear un chisco a bordo, ollaba coma asexando fondamente cara  o mar, calculaba a velocidade do vento, e sabe Deus que cousas mais, e  dicía :

 ─ Patrón, mellor dúas millas e media mais ao nordés!.

Daquela poñíase rumbo o indicado por el, e case sempre  conseguíase encher as bodegas dun só golpe. Unha fartura !.

Cobrou moito creto, fixo gañar moitos cartos  e tamén  cobrou extras en pesetas e quiñóns para o xantar…

Mandou, despois de varios anos de campañas con bos resultados, facer unha casa: “encaixada no territorio e na paixase do que  son responsable; unha casa con fonda identidade galega”, díxolle antes de facela  a un arquitecto novo de Burela, que non dou creto o que escoitaba dun cliente…e, a construíu ademais con permiso municipal…

 Logo de rematada buscou moza no pobo, coma quen busca  facer a mellor campaña do pez espada. E dicir seleccionando zonas e capturas.

 E non procurou unha moza  calquera, foise despois de examinar os recursos humanos da bisbarra, directamente pola Rosalía coma se fora a única muller do mundo, pero situada dúas millas e media mais aló do que calquera veciño  nativo, houbera calculado coma sensato e posible.

Obama,é pequecho,e algo carrancholas. Polo tanto non moi agraciado. Aínda que sempre foi boa xente, nobre e honrado coma o mellor veciño da parroquia.

 Como conseguiu namorar a Rosalía segue a ser un misterio enigmático  no pobo, sobre o que aínda se especula hoxe, pero o feito é que ela, a interesada, segundo me contaron, comenta o respecto cas súas amigas que :

─  Xa sei que Obama no é  Sidney Poitier, pero, que pasa ?. Así son as cousas do amor!. Ou non?.

Obama xubilouse recentemente, mercou un bote a motor pequecho, e anda a pescar pola costa peixiños que entrega nunha ONG, segundo di, “para esquecer a fame que tiven de pequecho”.

O matrimonio tivo a pouco de se casar un fillo de color  café con leite, mais ben tirando a torrefacto.

 Saíu tan intelixente coma o pai, e tan guapo coma a nai. Herdou  a  intuición paterna para a “pesca de altura”, e,  a sedución da nai para engaiolar a quen fala con el.

Afiliouse o Partido Socialista onde fixo bos amigos entre os seus compañeiros, cousa tamén atípica  e  difícil de explicar.

 Licenciouse en dereito en Compostela, e fixo despois  a carreira diplomática en Madrid; casou con unha norteamericana e  traballa na embaixada de España de aquel País americano.

Dixéronme fai días que anda  a darlle voltas a idea de  presentarse ou non as próximas  primarias a presidencia do goberno.

 Coido eu, que é  mellor co intente en América.

 Alí xa teñen asimilado e dixerido o asunto…Aquí disimulamos, pero estamos aínda moi serodios cos inmigrantes e os seus fillos.…!