sábado, 19 de xullo de 2014

O TUCHO E MAIS A LAURA

 O TUCHO E MAIS A LAURA

O Tucho foi  aprendiz de carpinteiro con Don Xosé.

O Xosé tiña creto de seren o mellor ebanista- carpinteiro de toda a bisbarra. Andaba  polas casas do  concello reparando pisos, sollados, fiestras, e portas.
Tamén facía mobles a medida para algunha mansión rica, no seu pequeno taller situado nun cuberto ou galpón, a carón do seu fogar.

 O mestre carpinteiro  era viúvo, e  compartía casa ca súa filla  Laura, e ca súa irmán Adelina.

O aprendiz foille collendo mañas o seu  oficio a traveso da  serra, e  o cepillo, seguindo os consellos, advertencias, e técnicas do mestre.

 Foi pouco despois desto, cando Tucho entrou por vez primeira no taller e tamén  na casa de Don Xosé, ben en procura de  ferramentas e material esquecido para calquera obra, ou invitado a xantar ca familia.

Coñeceu así a Laura, unha  mociña intelixente, de pelo negro,  ollos grandes e  pispantes, sorriso acolledor, voz suave e  cantareira, e  pel moi fina.

O Tucho namorouse dela  nada mais vela, pero gardou o segredo no fondo do seu corazón.

 Nada podía ofrecerlle coma aprendiz de carpinteiro, e decidiu que tiña que seren o mellor do mundo  antes de declararlle o seu amor.

Pasados dous anos, o Tucho, superaba xa o mestre en habilidade e rendemento.

 Foi entón cando a traveso de Don Hixinio, o párroco de Guntín, chegoulle a noticia de que en Montevideo , tiña unha oferta de emprego inmediata, nunha gran carpintería industrial propiedade dun veciño rico da parroquia, que o reclamaba  coma encargado da mesma ofrecéndolle un bo soldo.

O Tucho foi  ver a Laura, e contoulle todo o que levaba gardado no seu maxín durante eses anos, primeiro  explicoulle canto amor sentía por ela, e despois   o asunto do emprego, e mais a necesidade de marchar axiña.
 A Laura abrazouno con agarimo, e o seu  sorriso pispante falou por ela sen lle falar…

Tedes que saber que daquela, para seren válido o matrimonio, tiña que seren oficiados pola igrexa, e seguindo as normas da mesma,  os sacerdotes  facían as amoestacións ou avisos de voda. Todo elo duraba un tempo que o noivo non tiña.

 O Tucho marchou para o Uruguai. E nada mais chegar alí comezou a arranxar os papeis para casar por “poderes” con Laura, e xunto con eles,  envioulle  unha fotografía súa na que se lle vía a porta da carpintería con traxe de domingo, e con unha expresión que talmente parecía estar chamando por ela…

 Deste xeito Laura e Tucho, convertéronse en matrimonio a pesares da  distancia.

O Tucho soñaba tódalas noites con Laura, a súa querida  dona de ollos pispantes, sorriso acolledor e pel tan fina…

 Reclamouna oficialmente,envioulle os cartos para a viaxe, e a Laura preparou un baúl, no que  meteu  a roupa nova da voda,  os traxes de andar por casa, un libro de poemas de Rosalía de Castro, e a fotografía enmarcada de seu Tucho.

Uns días antes de se embarcar, doulle a Don Xosé un ictus, pasou un mes no sanatorio e regresou a casa para encamar.

A Laura retrasou a viaxe, para poder coidar o seu pai.  E o Tucho comprendeuno…

Don Xosé viviu dependendo para  todo  da súa filla moitos anos… pero uns meses antes da súa morte, a Tia Adelina comezou a perder o sentido, con esa doenza que  antes chamábanlle  chochear, e  agora  dise  Alzheimer…

A Laura envioulle outra carta o Tucho contándolle a nova e volveu a retrasar a súa viaxe… e,   o Tucho tamén o comprendeu.

Cando morreu a Tia Adelina, o Tucho decidiu vir a buscar a súa Laura, e mandoulle unha carta advertíndolle da súa decisión.

Tiñan xa transcorridos  30 anos. E a Laura cumprira os 50.

 Aquela noite volveu ler novamente a carta de Tucho.

 Ela xa lle escribira unha  na que lle dicía en esencia: “meu querido Tucho, se me queres de verdade, non veñas por min… xa non paga a pena…”.


Mirouse  Laura  de paseniño no espello do seu cuarto, e votouse a chorar.
 So lle quedaba  o  seu sorriso acolledor no medio dunha pel moi engurrada e un corpo desfeito polo traballo, tamén  lle quedaba o recordo do seu grande  amor, o Tucho…

Ningún comentario:

Publicar un comentario