sábado, 25 de decembro de 2021

AQUELES EMPRENDEDORES


Fai moitos anos, nunha vila da comarca do Bergantiños, houbo un matrimonio que tivo 12 fillos e un fogar onde viviron todos ate facerse mozos, para despois, ir marchando aos poucos buscando independencia e traballo.

Dous deses fillos, o Amador e o Manuel, quedaron na casa, e  dedicáronse a dous oficios: un, as pompas fúnebres, o outro,  o de  taxista. 

A casa  era coñecida en toda a vila coma a dos “cadaleitos”  e tamén coma a “casa do taxi”, que tanto da para o conto que vou contarvos.

Un daqueles fillos, o Amador, preparou o baixo do edificio coma funeraria, derrubando varios tabiques e ampliando espazos para non faltara de nada na exposición de : ataúdes, sudarios,  e cirios...

Nun recuncho aparte, o Manuel, tiña a oficina do seu cuartel permanente de taxista ou cocheiro. 

O pai de ámbolos dous, o señor Benigno, os   axudaba no negocio  por entreterse,  facendo pequenos traballos auxiliares de loxística empresarial.

Éravos o Benigno, pai dos emprendedores, home practico e afeito a buscar solucións aos problemas cos poucos recursos daquela época.

 Tiñan, entón, os parentes dos defuntos e encomenda de levar a funeraria a talle morto, e adoitábase facelo con un cordel, e un nó, que indicaba a altura exacta do falecido,  o Benigno con esa referencia métrica, buscaba na funeraria o cadaleito de tamaño axeitado entre os tres ou catro modelos que se fabricaban.

 As veces, poucas veces, o defunto tiña unha  dimensión superior ao normal da que daba conta o nó, e non habendo caixa axustada ao mesmo, o señor Benigno, primeiro, desfacía o nó de xeito subrepticio e o rebaixaba uns centímetros, para cubrir as posibles reclamacións da familia, e logo, acomodaba ao defunto no féretro mais grande, pero escaso, con moito mimo dobrándolle os xeonllos  un chisco, e talmente parecía que mais que morto  estaba a descansar relaxado  e de xeito informal, que para o caso é o mesmo.

 Deste modo, nin os achegados protestaban, nin o defunto estaba en condicións de facelo.

O negocio mixto destes emprendedores  ía ben porque a xente morrer morre  seguro, antes ou despois, e viaxa por necesidade ou pracer.

Os cortos períodos nos que na vila e contornos  non se producían decesos, co señor Benigno  denominaba, “epidemias de saúde”,  desaparecían a fume de carozo, porque o que é novo pode morrer, pero os velliños van morrendo axiña por calquera peleirada.

O malo é, que aos que morren se lles dá  por facelo as veces a horas intempestivas, e dicir cando lle peta a súa natureza ou enfermidade, e os viaxantes teñen  apuros e urxencias  a calquera hora.

Tamén iso o tiña organizado o señor Benigno, e, para levantar da cama a só un dos fillos, adoitaba preguntarlle desde dentro ao cliente que golpeaba no chamador da porta a esas horas,  e para gañar tempo: 

Taxi ou caixa!!!

Logo, pasaba axiña ca información facilitada, a espertar ao profesional correspondente.

Así, naquela casa, e comarca, fai moitos anos descubriuse  coma se organizaba conxuntamente o traballo da morte e o viaxar, que compleméntanse, porque forman parte dun asunto común, que  case sempre é un  negocio para uns e non para outros...

 



       

   


luns, 6 de decembro de 2021

O BOLO DE LEITE

 A familia dos Mariño coido que  son ricos, aínda que  non teñen un euro de mais. Explícome.

 O pai da familia, o señor Manuel, traballa de albanel cando cadra; a nai, a señora Rosa, vende nas feiras do contorno algúns produtos da súa horta de Cacheiras: unhas galiñas, ovos, verduras, e froitas da tempada.

E, por estas datas do nadal, leva a Silleda tres capóns preciosos e ben mantidos que vende moi ben aos clientes ca coñecen.

E así vai remando esta familia sen pasar fame mais  que de peixes finos, carne de primeira, e algunha lambetada.

O matrimonio ten tres fillas, a Olga, Pilar, e a  Carme.

O Manuel é optimista, sempre ten proxectos de futuro e agarda dende fai trinta anos a que os seus soños se convertan en realidade sen perder nunca a esperanza. 

Os seus soños, segundo me ten contado, son darlle estudios as fillas, ter unha enciclopedia, facer un arranxo para ampliar a cociña, unha habitación mais,  e ter un escusado e  unha ducha de prato en condicións...

Sei, que recentemente, cando a  súa filla maior, a Olga, pediulle a súa nai un abrigo novo para o frío, a señora Rosa prometeulle que: “se teño un boa feira mércocho Olguiña”. 

O Manuel retrucoulle axiña a súa dona: “ mércalle a nena o gabán  muller, será por cartos”!

A señora Rosa leva a Pilar e a Carme a feira unha vez ao mes, para que se vaian afacendo a este traballo por se veñen tempos difíciles. 

Ao remate da mesma as leva a confeitaría da Crega e lles compra a cada unha das pequenas un bolo de leite. 

A Pilar e a Carme o comen aos poucos, a cachiños de cada vez, e cada anaco sábelles a gloria. O señor Manuel sempre lles dixo: “Nenas, para collerlle o gusto ao bolo de leite ai que comelo solo unha vez ao mes!”. 

E as fillas  rin e  saben que seu pai ten razón.

Eu coido que a alegría desa familia amiga ten que ver mais cos centavos de euro, que cos euros, ou quizabes sexa pola xenerosidade que teñen entre eles desfrutando das pequenas cousas.

 Fai tempo lin una reflexión de Savater  que ven dicir : “O secreto da felicidade é ter gustos sinxelos nunha mente complexa, o problema é  que as veces  a mente é sinxela, e os gustos son complexos”. 

Será verdade?