sábado, 25 de decembro de 2021

AQUELES EMPRENDEDORES


Fai moitos anos, nunha vila da comarca do Bergantiños, houbo un matrimonio que tivo 12 fillos e un fogar onde viviron todos ate facerse mozos, para despois, ir marchando aos poucos buscando independencia e traballo.

Dous deses fillos, o Amador e o Manuel, quedaron na casa, e  dedicáronse a dous oficios: un, as pompas fúnebres, o outro,  o de  taxista. 

A casa  era coñecida en toda a vila coma a dos “cadaleitos”  e tamén coma a “casa do taxi”, que tanto da para o conto que vou contarvos.

Un daqueles fillos, o Amador, preparou o baixo do edificio coma funeraria, derrubando varios tabiques e ampliando espazos para non faltara de nada na exposición de : ataúdes, sudarios,  e cirios...

Nun recuncho aparte, o Manuel, tiña a oficina do seu cuartel permanente de taxista ou cocheiro. 

O pai de ámbolos dous, o señor Benigno, os   axudaba no negocio  por entreterse,  facendo pequenos traballos auxiliares de loxística empresarial.

Éravos o Benigno, pai dos emprendedores, home practico e afeito a buscar solucións aos problemas cos poucos recursos daquela época.

 Tiñan, entón, os parentes dos defuntos e encomenda de levar a funeraria a talle morto, e adoitábase facelo con un cordel, e un nó, que indicaba a altura exacta do falecido,  o Benigno con esa referencia métrica, buscaba na funeraria o cadaleito de tamaño axeitado entre os tres ou catro modelos que se fabricaban.

 As veces, poucas veces, o defunto tiña unha  dimensión superior ao normal da que daba conta o nó, e non habendo caixa axustada ao mesmo, o señor Benigno, primeiro, desfacía o nó de xeito subrepticio e o rebaixaba uns centímetros, para cubrir as posibles reclamacións da familia, e logo, acomodaba ao defunto no féretro mais grande, pero escaso, con moito mimo dobrándolle os xeonllos  un chisco, e talmente parecía que mais que morto  estaba a descansar relaxado  e de xeito informal, que para o caso é o mesmo.

 Deste modo, nin os achegados protestaban, nin o defunto estaba en condicións de facelo.

O negocio mixto destes emprendedores  ía ben porque a xente morrer morre  seguro, antes ou despois, e viaxa por necesidade ou pracer.

Os cortos períodos nos que na vila e contornos  non se producían decesos, co señor Benigno  denominaba, “epidemias de saúde”,  desaparecían a fume de carozo, porque o que é novo pode morrer, pero os velliños van morrendo axiña por calquera peleirada.

O malo é, que aos que morren se lles dá  por facelo as veces a horas intempestivas, e dicir cando lle peta a súa natureza ou enfermidade, e os viaxantes teñen  apuros e urxencias  a calquera hora.

Tamén iso o tiña organizado o señor Benigno, e, para levantar da cama a só un dos fillos, adoitaba preguntarlle desde dentro ao cliente que golpeaba no chamador da porta a esas horas,  e para gañar tempo: 

Taxi ou caixa!!!

Logo, pasaba axiña ca información facilitada, a espertar ao profesional correspondente.

Así, naquela casa, e comarca, fai moitos anos descubriuse  coma se organizaba conxuntamente o traballo da morte e o viaxar, que compleméntanse, porque forman parte dun asunto común, que  case sempre é un  negocio para uns e non para outros...

 



       

   


Ningún comentario:

Publicar un comentario