venres, 22 de xaneiro de 2021

 A BENIGNA E O RISCO





A señora Benigna, menciñeira e compoñedora, tiña creto de seren bruxa fai mais de  setenta  anos.
 O certo é que lle correron esa fama na parroquia despois de descubrirlle  nun ollo unha mancha ca forma dunhas patas de sapo.
 
Segundo o médico, era unha mancha sen importancia chamada melanoses, pero as razóns científicas non convenceron a ninguén. 

A Benigna cando era nova, pasaba por seren unha muller moi  guapa  e namoradeira. 

 Tivo dous mozos en tres anos, e, os dous morreron ao pouco de ter relacións con ela, síntoma claro, pensaron os veciños, das súas malas artes, ou peor aínda, por celos do demo,  o que ratificou a súa condición de bruxa coma indicaba a pata de sapo do seu ollo.

Fai moitos anos disto, e un día despois de atender na súa consulta a miña bisavoa Rosalía que tiña caída a espiñela, advertiulle, con certo misterio, que se gardase cedo  na casa, pois unha desas noites tiña escoitado dun veciño, que a Estadea ou Santa Compaña ía facer unha aparición preto do seu fogar. 
 Un home do lugar ía morrer, a Santa Compaña viña por el, e, a  pesares de que ela non cría nestas cousas, mellor era o confinamento preventivo, coma diríamos hoxe.

 O certo é,  que  dias despois finou don Lourenzo, o home mais rico da bisbarra que estaba polo visto coma un buxo de saúde.
 Esta inexplicable morte repentina foi atribuída por toda a parroquia ao mal de  ollo de Benigna.

Debateuse  esta situación entre o alcalde, o crego e o farmacéutico do concello, este último coñecido coma o Risco, e non se chegou a una conclusión definitiva, porque o cura quería excomungala e ate  queimala,(porque a pesares de non existir xa inquisición o párroco era un Torquemada en  pequeno), e o farmacéutico, pola contra, sostiña que don Lourenzo morrera seguramente dun enchente de cocido  e viño, porque tiña a tensión moi alta e padecía do corazón, cousa que el coñecía de abondo  polas medicacións receitadas polo cardiólogo de Compostela, e, que don Lourenzo compraba regularmente na botica. 

 O alcalde, ao non acadar acordo entre estas “autoridades”, nin ter a quen atribuírlle a responsabilidades da súa decisión final, fixo o que tiña que facer, e dicir, nada de nada, ao  igual que algúns políticos fan hoxe mesmo e  con moi bo resultado electoral.

Foi o primeiro choque entre relixión e ciencia que se dou naquel Concello.
 Despois chegou a guerra civil, e da señora Benigna e mais o farmacéutico Risco nunca mais se soubo na parroquia. 

Uns dicían que foran os dous “paseados” ela por bruxa, el por  ateo; outros xuraban que os viran  entre os mortos da Santa Compaña, pero, a miña bisavoa, comentábanos que  se escribía con eles, e que vivían  en Bos Aires, el ao fronte dunha farmacia, e ela, de enfermeira, axudando sabiamente a un traumatólogo porteño, que gracias aos coñecementos prácticos de Rosalía implantou  unhas novas técnicas de rehabilitación e cobrou celebridade internacional, ademais de percibir moitísimos pesos polas consultas, gracias a  sona de “compoñedor”, iso si,  titulado pola Universidade de Bos Aires. 

 Casaron o Risco e a Benigna, e tiveron un fillo e unha filla.

 O fillo, fíxose, físico nuclear e piloto de guerra; chegou a colaborar  no proxecto Manhattan, e dicían del que andaba por aquel entón disposto a bombardear a aldea do seu pai con unha ou dúas bombas atómicas, e, a filla, coma socióloga, publicou un libro que leva por titulo : “A maxia na Galicia. A incrible arte desa Terra para producir resultados contrarios as leis naturais”.

 Parece un conto de meigas!

 Pero así foi, e mais en boa medida aínda segue a seren así!


  

     

mércores, 20 de xaneiro de 2021

  MEU  INCOMPRENDIDO AMIGO ARMANDO, QUE DI PADECER MOITAS DOENZAS


Díxome o amigo Armando, que atopei  no centro de saúde: 

—O  médico de cabeceira sostén que eu  son  hipocondríaco.

E, explicouche o que era iso? pregunteille.

—Comentoume que eu estaba convencido de padecer enfermidades a partires de calquera sensación ou signo físico corporal, pero que estaba ben a  miña analítica, as miñas placas, e  “a  miña clínica”. 

—Non lle discutín ca analítica e as placas estiveran ben, pero a clínica  “non era miña”, senón do Sergas.

 Si me diagnostica atribuíndome cousas que non teño, mala cousa. Non si?

Home tal e coma ti o ves...

—Eu, son home de costume sans, non fumo, so bebo viño da casa sen química, lavo as mans antes de mexar e despois de comer, apenas traballo, e, teño sexo comigo mesmo por non me contaxiar.

—Agora co asunto ese do Covid a  preocupación disparóuseme, e de nada me serviu que lle esixira ao médico me vacinara axiña contra o bicho por seren suxeito de risco. 

E que respondeu? 

Díxome: “niso señor Armando ten razón, vostede é o paciente de mais risco de toda a miña lista do seguro, pero ten que agardar  a súa quenda”.

—Logo, comenteille algo alterado, sendo coma son de risco e vostede mesmo recoñece, por prevención, deberíame   receitarme unha desas PCR diaria, e unha revisión médica semanal.

Ademais de me vacinar antes que a outros recomendados seus.

E que  contestou?

Retrucoume moi serio e cabreado:

—Armando creo que lle iría mellor unha lavativa, para o  seu estrinximento cerebral.

—Por fin, me dixo algo real da enfermidade que teño! Non cres?

—Informeille ademais, por se non estaba ao tanto, que os medicamentos son bos ou malos en relación co seu custo.

Canto mais caros sexan, son mellores, isto é pura lóxica económica de mercado.

 “Recéiteme por favor uns que non sexan xenéricos, pedinlle educadamente”...

—Miroume  coma se houbera dito outra parvada. É un faltón do carallo!

 —Tamén lle dixen que  xa se sabía cientificamente que canto mais grande fora a pastilla ou cápsula mellor.

 Puxo unha cara abraiada iso que lle argumentei que as abondosas pastillas tiñan mais chicha para curar, e incluso adorneillo co vello  e sabio dito: “barco grande ande ou non ande” para co entendera mellor. 

—Botoume da consulta con malos modos, chamoume ignorante e  logo espetoume, que eu non sabía nada nin das chamadas prestacións sociais sanitarias en España, nin de moléculas farmacolóxicas.

Coma podes entender é  un fala barato, e  un lerchán  coma moitos dos políticos de hoxe!

Certo é, que  eu abuso un pouco del, pero non ten porque pórse así. Este mes  o visitei catro veces, e todas por causas xustificadas, e sobre todo por mellor telo ao tanto das últimas, como podes comprender. 

—Vou denuncialo diante da inspección, e antes de nada quero colgalo no muro de Facebook e publicalo no meu twitter, porque estes malos modos dun profesional que pagamos entre todos, e que  por riba atende mal,  non  tendo outra cousa que facer nestes momentos, non pode deixarse pasar polo ben de todos, e hai que dalos a coñecer aos internautas.

Pero home, mellor dálle unha volta ao asunto! Aconselleille.

—Nada, nada, nisto da saúde son intransixente, como pasa co voto cando hai eleccións, hai que ter claras as ideas, os feitos, e os conceptos, coma min!