luns, 5 de novembro de 2018

AS PATACAS




AS PATACAS

O Monchiño naceu na Galicia do interior nos finais dos anos 50.

Daquela no seu concello non se vía a televisión. Por non ver nin tan sequera se vía polas noites na súa casa nada, sen  un candil de carburo.

A súa nai, viúva,  e xornaleira, tivera catro fillos, herdou una chabola pequecha e unha horta de pouco mais  dun ferrado.

Nesa guicha plantaba tódolos anos, patacas, e algunhas verduras.

Tiñan tamén a finca un par de cereixos, unha maceira,  unha nogueira e media ducia de galiñas poñedoras.

O Monchiño era o pequeno dos irmáns, un rapaz sempre con fame, un omnívoro que o mesmo comía  das cereixas, das mazás, que  das noces as mais das veces, con un pouco de boroa; e nas festas, unha tallada de porco ou polo, pero iso si, que non faltara nunca o caldo  da súa nai, feito con algo de unto, grelos ou repolos, e moitas, moitas patacas da súa horta.

O Monchiño era un comedor de patacas brancas, amarelas, ou marróns, o asunto era comelas de abondo para encher o bandullo. O Monchiño soñaba dia e noite cas patacas do caldo.

Unha mestra  nova decidiu levar a varios nenos a Coruña a ver a cidade e o mar, para todos eles, este, era  un gran descoñecido.

Despois  dunha viaxe de  unhas dúas horas, arribaron a capital da provincia, e  unha vez alí  os nenos abraiados non sacaban os ollos das rúas e das altas edificacións, dos trolebuses, dos escaparates, e das moitas persoas que circulaban ao seu carón.

Chegaron camiñando ate a Torre de Hércules, e desde alí puideron veren  o mar, que aquel día estábavos como un prato, de cor azul e verde, e  moi calmo...

Os  picariños non daban abarcado o que vían.

O Monchiño apampado, acercouse paseniñamente a profesora e díxolle con moita emoción na voz :

Mestra, isto todo plantado de patacas estaría moi ben, non si?

A fame  produce desexos moi poéticos, incluso na gastronomía.