mércores, 17 de marzo de 2021

 A SEÑORA PILAR DA CERDEIRA


(Dedicado as nosas  marabillosas avoas)


A señora Pilar, veciña e amiga da miña avoa, vive nun lugar do concello de Vedra ca súa familia.

 Antes da pandemia vivía  co  fillo vinculeiro, a súa dona  e catro netos. 

Ten ademais Pilar unha filla e mais un fillo casados traballando en Santiago, pero desde que empezou esta peleirada, perderon os traballos, e para aforrar polo menos o aluguer viñeron a vivir con ela cos sete netos dos matrimonios.


A  Pilar dispón dunha casa grande, e de  moitos ferrados de terra, catro porcos, dúas vacas leiteiras e medio cento de galiñas poñedoras. 

De comer non ha faltar!, me di sorrindo.


 Ten por costume a Pilar dar consellos que ninguén lle solicita, moraliza cos  seus fillos e os once netos na casa familiar con frases feitas, e  recita ou canta coplas dos cancioneiros e refráns  que utiliza veñan a conto ou non, para razoar ca familia. 

E mais prepara filloas e orellas  durante todo o ano.


 Aos netos gústanlle moito  as filloas e as orellas da avoa, as  suas cancións, e, a festa diaria que supón comer dezaoito persoas na mesa da propia cociña, e mais aínda xogar todos xuntos coma equipo que eles chaman “os convivintes”,  no agro de diante da casa.


Sempre que visito a miña avoa, fágolle outra visita  a señora Pilar, converso  con ela, contándolle as novas de Compostela, e as lerias que mais lle gustan, e lévolle unhas Pedras de Santiago, que veñen sendo uns bombóns con amendoas polos que ela da a vida.  


Contoume onte  que  unha das suas netas maiores, a Rosa, deixouse co mozo co que vivía dende fai dez meses: “agora chámanlles parellas de feito, no meu tempo eran os amancebados, e díxome un veciño cubano casado ca miña curmá, que alí chámanlle “marinovios”.  


—Eu aviseinos desde o principio, -ségueme a contar a Pilar-,   o pouco que me gustaba ese marinovio, e xa ves, pasou o que tiña que pasar, deixouna despois duns  meses de troula, cando se decatou que lle quedaban a Rosa  nove meses de penar, tres semanas na cama e dous anos de arrolar. 


—Logo, para co entenderan mellor os fillos, canteilles aquelo de : Eu caseime por un ano, por saber que vida era, o ano vaise acabando, quen solteiriña me dera...

Cabreáronse todos comigo, coma se eu tivera a culpa de que a Rosiña lle dera por durmir acompañada do mozo con dereito a facerlle as beiras.  


O caso é,  respondinlle eu, que hoxe  pódese desfacer o feito se é recente a cousa, e claro está, segundo desexe a nai do que ai ven... 


Nunca houbera dito tal cousa!


—Pero que raios dis, estas tolo ou ves de planificador familiar, agora vai ter culpa o meniño das parvadas da Rosa e do irresponsable do seu pai.


— Fillos e pitos nunca serán moitos!


 —Un neto  mais nesta casa nin se nota, míraos alí xogando o fútbol, dan para dous equipos de primeira división, non si? 

 

—Coidaremos todos del o dela, xa o temos falado, e eu, preparareille papas de millo miúdo!


Marchei avergoñado. Todo é circunstancial e relativo no ser humano.


 Un neno tan  desexado, coma di a Pilar, será agardado con ilusión, será  acariñado polos curmáns e tíos, e crecerá moi feliz con tantos pais, nais, e irmáns.

 

 E, a bisavoa Pilar, terá un motivo mais para facer moitas filloas para ese novo picariño, para  sentirse útil e necesaria, e non estar sola...