venres, 26 de maio de 2017

RAMON DE CHAS E ANXO DA CERDEIRA




O Ramón de Chas e mais o Anxo da Cerdeira sonvos desde que eu os coñezo dous persoeiros singulares. Cheos de imaxinación, e con un fondo xeito de entender a vida, é sempre unha delicia escoitalos falar de calquera asunto.

—Pois eu amigo Ramón, teño unha vista tan aguda, que cando dirixo a mirada cara ao Outeiro da Con,  que estache a unha legua  de distancia, distingo  perfectamente as ovellas das cabras.
—Home Anxo, estache ben, pero non é nada do outro mundo, cando eu me fixo ben no Outeiro, ate distingo as cabras dos castróns !
— Esa foi boa Ramón !
—Pois a túa chegoulle ben!

O caso é que onte  deixeilles caer, nunha visita que lles fixen, que eu tiña certa capacidade para prognosticar, e que era quen de facer con moito acerto proxeccións sobre o futuro.

Picados polo dito por min, miráronse un ao outro,  e pareceume que se entendían ben  sen falar, logo con moito aquel, preguntáronme  se podían presentarme cada un deles unha cuestión cara a ese futuro.

—Naturalmente podédesme preguntar o que queirades, salvo cuestións de política, porque desa materia coma sabedes  ninguén da pé con bola...

 O Ramón de Chas, fixo a súa primeira aportación:

—E logo, saberías dicirme se nese futuro teu,  vas convencerme mellor con  imaxes e mais emocións que con razóns e argumentos?.

O Anxo, despois, expúxome:

—Eu quixera saber se no futuro imos cobrar sen traballar...!

—A resposta a pregunta de Ramón é ben sinxela, si.
 A de Anxo e  tamén si.
E despois quedei cheo de razón ollando para eles con moita fachenda.

Calaron os dous, e despois dun anaco, o Ramón facendo de voceiro deixoume caer:

—Creémosche, non si Anxo ?. Pero  tes que concordar con nos, que agora se nos invitaras  a un café e copa no bar do Mouriño, faríaste moito mais crible, a corto prazo...

E ala fomos, e cumpríronse os prognósticos meus, porque a emoción do bar e do café con gotas convenceu ao Ramón, e os dous aforraron unha ronda sen traballar...





xoves, 18 de maio de 2017

A BOMBA LAFITTE





A BOMBA LAFITTE


Contoume fai moitos anos Carlos Casares unha historia, que creo aconteceu na realidade.
 O conto dicía mais o menos isto :

“Nos, pasabamos algún tempo no vran na casa do meu tío o cura párroco de Beiro, na provincia de Ourense.  Esta vivenda estaba a carón da dun  veciño chamado Roque.

O fillo deste veciño, acabada a guerra civil, retornou a casa con unha granada de man no peto.

Recordo que Xosé, o meu tío, tíñalle preguntado en mais de unha  ocasión a este mozo, porqué razón  de Dios levaba a bomba sempre enriba, tanto nas  festas, coma na misa, e ate na taberna...

O rapaz sei que lle contestou:

–Por estes camiños da aldea un nunca  sabe o que pode pasar  Don Xosé ?...

Unha noite escoitamos un estoupido moi violento na casa destes veciños. Un estrondo que fixo abanear a nosa propia vivenda.

Corremos cara  alí todos os da casa a atopamos ao Roque, o pai do rapaz, conmocionado e  recollendo os restos mortais do seu fillo nun caldeiro.

 As paredes da casa  estaban derrubadas e cheas de restos do defunto, o teito e tellas volatilizados, a fiestras esnaquizadas, e  a porta da casa queimada...

Nos  horrorizados   non sabiamos que  facer diante desta traxedia.

Nestas, o meu tío preguntoulle ao pai do mozo, supoño que  levado polos nervios...

—Non sería unha bomba lafitte. ?

Aquel pai, ollando  para o meu tío  con moita serenidade lle  dixo con solvencia, naquel tempo tan feliz no que eramos todos tan desgraciados:

 Que ía ser unha lafitte Don Xosé, se chega a ser unha lafitte  o escaralla.!”.








sábado, 13 de maio de 2017

ROSA DO COUTO



Rosa do Couto é unha  moza socialista compostelán moi  intelixente e comprometida, que a min sempre me   pareceu un pouco inxenua.

 Comentoume  fai  uns días, nun encontro político en Vigo, o que  eu entendín coma unha confidencia persoal.
 Díxome,  con unha  mirada soñadora moi tenra, que ela “estaba por un fondo cambio de rumbo, e  que xa  estaba a voar  na súa imaxinación  para que iso acontecera axiña”.

—Vamos, que ti xa sabes que toleo polo  Pedro... e devezo por darlle a miña confianza. Vaime a cambiar a vida!

— Ti ten coidado Rosiña co que dis, non me  sexas tan explícita, e si che pregunta algún compañeiro: “ti de quen ves sendo?”,  é porque case sempre  queren saber coma te  convencer  que polo norte vaise ao sur,...coma se foras a pomba aquela  do poema de Alberti. E, ademais xa sabes que o Pedro non lle cae ben a todos...

 A Rosa miroume con sorpresa e botouse a rir a cachón...

— Paréceme que non me entendiches ben Luis; eu dareille o si ao meu Pedro, sempre que mo pida e o acompañe  dun anel aínda que sexa de latón... Falábache de  Pedro,  o doutor que atende a túa reuma...o meu mozo de sempre.
 Estades tan obsesionados cas primarias que todo o entendedes o revés...

E mais debe ter razón cavilei para min, pero sospeitando que me tiña interrogado arteiramente sen eu decatarme...

Xa  non te podes fiar nin dos mais novos...!