sábado, 13 de maio de 2017

ROSA DO COUTO



Rosa do Couto é unha  moza socialista compostelán moi  intelixente e comprometida, que a min sempre me   pareceu un pouco inxenua.

 Comentoume  fai  uns días, nun encontro político en Vigo, o que  eu entendín coma unha confidencia persoal.
 Díxome,  con unha  mirada soñadora moi tenra, que ela “estaba por un fondo cambio de rumbo, e  que xa  estaba a voar  na súa imaxinación  para que iso acontecera axiña”.

—Vamos, que ti xa sabes que toleo polo  Pedro... e devezo por darlle a miña confianza. Vaime a cambiar a vida!

— Ti ten coidado Rosiña co que dis, non me  sexas tan explícita, e si che pregunta algún compañeiro: “ti de quen ves sendo?”,  é porque case sempre  queren saber coma te  convencer  que polo norte vaise ao sur,...coma se foras a pomba aquela  do poema de Alberti. E, ademais xa sabes que o Pedro non lle cae ben a todos...

 A Rosa miroume con sorpresa e botouse a rir a cachón...

— Paréceme que non me entendiches ben Luis; eu dareille o si ao meu Pedro, sempre que mo pida e o acompañe  dun anel aínda que sexa de latón... Falábache de  Pedro,  o doutor que atende a túa reuma...o meu mozo de sempre.
 Estades tan obsesionados cas primarias que todo o entendedes o revés...

E mais debe ter razón cavilei para min, pero sospeitando que me tiña interrogado arteiramente sen eu decatarme...

Xa  non te podes fiar nin dos mais novos...!

Ningún comentario:

Publicar un comentario