mércores, 23 de setembro de 2015

AMIGOS DO VERÁN




AMIGOS DO VERÁN


É ben raro coñecer nun par de meses de verán a persoas tan singulares coma as que eu coñecín este ano, durante as vacacións.

Ao Sabino,  fun atopalo facendo sendeirismo no  monte Iroite. A fermosura da Ría de Muros e Noia agrandase coa distancia, me dixo desde o cumio da montaña.

Fíxate, talmente parece desde aquí que todo está ben ordenado.

Os pequenos pobos, os lugares, a Illa da Quebra, Monte Louro… logo cando separas o grao da palla, e dicir conforme te acercas a costa, a cousa cambia. Praias estragadas e  mordidas polo asfalto, construcións fora de escala con grandes edificios  en primeira liña que rouban as vistas a tódolos demais. O fermoso e mais  a calidade, non parece sexan  unha prioridade para ninguen…

O Sabino foi promotor de grandes  urbanizacións e sabe do que fala…!

Primitivo é xuíz. Ten sona de seren un grande xurista. Gústalle  pescar a cana no peirao polas noites. A min tamén. Nestas andabamos os dous  cando o Primitivo  pillou un  congro, que debeu confundise de lugar e de carnaza e de súpeto entroulle con forza o engano.

Axudeino con un truel a sacámolo moi cabreado do mar…

 Expliqueille ao Primitivo con frialdade de cirurxián esperto, que cortándolle aquí e ala no pescozo, deixaría de meter medo.

Axustizámolo de duas navalladas.!

 Logo quedamos mirando un bo rato para el con remorsos de conciencia. Non tiña que estar aquí lle  dixen.

 Nos pescamos unicamente  lorchos, algún choco e muxes cheos de gasoil, non si ?,  comentei…

 Iso é, me contestou.

 Puxo a sua vista nos ollos do peixe  e murmurou como en confesión : Eu cando teño que ditar sentenza case nunca teño peixes tan grandes que xuzgar…

O  Primitivo é xuíz e sabe do que fala…

Almudena, é unha bañista que non se baña no mar.

 Di que a reuma e a súa relixión se llo impiden.
 Leva no bolso sempre un lector de libros electrónicos cheo de obras mestras e novelas novas ao café de Xusto, lugar onde coincidimos tódalas mañás. Eu teño outro lector e por aí empezaron a nosas conversas literarias.

 Fai uns días me dixo no café entre tostadas de pan de Cea regadas con abondosa manteiga :

Acabo de rematar tal libro, de tal escritor, fai tres anos que se publicou, pero eu nunca leo nada que non teña polo menos dous anos de soleira. Si  se sigue a vender, ou escoito falar moito del, o baixo de internet e o empezo.

Se despois de ter lidos un par de capítulos non me gusta, o borro axiña e listo.  Non teño tempo para dedicarlle aos que non saben mentir ben as verdades da vida ou da morte, nunhas poucas  paxinas…

Almudena é escritora e sabe do que fala…

Rematou o verán e comezan as miñas vacacións de outono.

Tranquilas, sen coches, sen queimaduras do sol, sen decibelios esaxerados, sen apuros nin competencias na cafetería, con toda a praia para min… recordando con certa  tristura o verán que  pasou tan axiña e aos amigos que xa se foron, algúns para sempre.

Son xubilado e tamén sei do que falo.!