luns, 15 de decembro de 2014

ENTREVISTA CON DON PABLO IGLESIAS

ENTREVISTA CON DON PABLO IGLESIAS


Custoume un bo traballo dar con el.

 Claro que é difícil crer  que pode vivir un home con 164 anos, pero a miña fonte insistía unha e outra vez con moita vehemencia  que vivia…

Consultei nos arquivos de Cunqueiro, na biografía de Juan José Morato  e, nas actas do cemiterio da Almudena.

Constaba enterrado alí, na Almudena, pero diante da dubida científica, ou de crenza, optei por esta última.

 E porqué non ?. Tamén cre  moita xente na Santísima Trindade, ou nas bondades do capital e do mercado libre.

 Aprendín desde moi mozo que para seren auténticos galegos, e preciso crer nos prodixios. Aquí  dáse o fenómeno frecuente de  persoas intelixentes que apoian co seu voto, intereses contrarios ós propios, simplemente porque cren nas milagres dos políticos…e dos santiños.

Esta é terra de portentos onde nada é o que parece. Unha terra onde hai amigos que din unha cousa, pensan outra e fan case sempre  o contrario, como comportamento xenuíno e diferenciado.

E porque non ía vivir aínda Don Pablo Iglesias en algún lugar  da nosa Terra ?.

A historia conta que Don Pablo, perdera a súa  cabeza de bronce na guerra Civil, pero esta foi atopada nos xardíns de Cecilio Rodríguez do Parque do Retiro en Madrid, corenta anos mais tarde. O resto do corpo non apareceu xamais. Él era de Ferrol, a morriña é a morriña… unha cousa levou a outra, e púxenme a buscalo por Ferrolterra adiante.

Non direi onde o atopei, por discreción e mais por evitarlle  sobresaltos a Pedro Sánchez, pero atopar, atopeino!.

 Sorprendeuse Don Pablo  moito de que quixera entrevistalo.

─Teño moitos anos,─ me dixo. Non me  preguntes esa parvada  de  coma me conservo tan ben. Xa che adianto que o segredo son as papas de millo con azucre. E a boa vida que levei.

─ O importante para vivir moitos anos ben e, conservar  a  cabeza,  ter certa  autonomía económica e  poder ir mexar so. Si é así, aquí estase ben,  a pesares dos gobernos de merda que temos  que fan o truco de facer pensar ao pobo que é quen  goberna e, o pobo se deixa mansamente gobernar.

Pero Don Pablo, dise que vostede perdeu a cabeza, que eu ben o sei…dixenlle de broma.

─ Pois non a perdín, agocheina para conservala, que é  ben diferente…
Sabe vostede que outro político chamado Pablo Iglesias anda en procura do poder político. ?

─ Seino. E convén serlle fiel admirador mentres non  teña o  poder. Despois, cando dispoña del, e sexa popular , volverase antipático, porque o poder e moi pouco simpático.  Eu, non teño poder, nin son popular, e por riba  déronme por morto moitos anos, agora so teño influencia sobre o meu can, unha ovella, e unha guicha de terra, con iso abonda.

Que lle parece a vostede a situación do PSOE.?

─Se che digo a verdade oficial do Goberno, mentiría ! Ti xa me entendes…

Don Pablo, permítame preguntarlle como solucionaría  vostede o problema económico e  mais do paro  no País.?

─Mira rapaz, os problemas económicos soluciónanse sempre  con cartos, e,o desemprego, é simplemente unha estratexia do mercado libre  para lograr salarios baixos e beneficios altos. Logo, xa sabes…pero ninguén te  vai facer caso. Así que é mellor que esteas calado coma min, para non trabucarte moito.

Quixera preguntarlle se no seu tempo andaban os socialistas a greña uns cos outros. ?

─ Sempre. Os socialistas somos dos que tradicionalmente mantemos  dúas opinións cheas de tensión no cerne das agrupacións:  a propia e a equivocada. A equivocada é a de aqueles compañeiros que non nos dan a razón. A novidade é que  uns e outros fan chegar as discrepancias por mensaxes telefónicos aos medios de comunicación da dereita, incluso antes de rematar as reunións… A ese comportamento chámanlle agora transparencia, antes chamabámoslle traizón a nosa causa.
  
─Pola contra os conservadores teñen a mellor opinión sobre si mesmos, e nunca dubidan conxuntamente dos asuntos do seu intres e opinión, sobre todo si o  intres é  económico.

Pódeme contar algunha cousa que non  se saiba da súa vida.?

─Poder podo, pero non sei porque tes ese intres, ademais non hai moito que contar: militei na UGT e na Agrupación de Ferrol ate a guerra civil,e ocupei un posto de vogal.

─ Despois, agochoume Hermosínda, a criada do cura e  a miña moza, no sobrado da casa do párroco, co consentimento do mesmo, e alí, pasei quince anos pechado ollando pola pequena fiestra e  lendo a enciclopedia Espasa, tomo a tomo… Despois, saín a rúa,  con un certificado de boa conduta do sacerdote, e   recuperei a chabola dos meus pais, amañeina, casei con Hermosínda. E traballei a terra a reo para poder comer o caldo e as papas. Iso e todo.

Pero logo vostede non é Pablo Iglesias. ?

─ Coma que non son!. Son Pablo Iglesias Louzao, de 94 anos, fillo de Sara Louzao  e  de Antonio Iglesias Sobrado. Quen carallo criches que era eu?...


Respondinlle de xeito indirecto: “tódolos grandes descubrimentos fanse por error Don Pablo”. E vostede, é para min un gran descubrimento .!