venres, 21 de xuño de 2013

UN ASASINO INVISIBLE



UN ASASINO INVISIBLE


Os profesores da USC Barros, Ruano, Montes e Pombar; xunto co pioneiro profesor Quindós da Universidade de Cantabria, levan décadas tentando romper o silencio e a inacción das autoridades sanitarias sobre un inimigo invisible chamado gas radon, que produce e contribúe a producir cancro, e, levan advertíndonos moito tempo como evitar ese risco de xeito sinxelo e, moi económico.

Este asasino invisible, incoloro, e inodoro, actúa potenciando a enfermidade especialmente nos fumadores ou ex-fumadores.
Xa se coñece que un 4.5% do total dos cancros de pulmón en Galicia atribuíse exclusivamente ó gas radon.
Se ademais da exposición ó radon, o paciente é fumador, ou ex-fumador, - principal causa deste cancro - este gas actúa elevando o risco de padecer esta enfermidade de xeito moi alarmante.

Mais de 3000 propietarios de vivendas en Galicia, nas que foi medida a concentración deste gas, permitiron por en evidencia que un 18% dos fogares da nosa Terra superan o límites aceptados como inofensivos polos organismos internacionais. E mais, varias comarcas da nosa Terra teñen altas e perigosas concentracións de radon que afectan directamente un 30% das vivendas.

As medicións xa efectuadas, permitiron tamén elaborar un completoMapa do Radon de Galicia”,que axuda a identificación de zonas concretas do territorio con valores elevados deste gas.
Abondaría en Galicia medir o radon nas vivendas destas zonas con alto risco, certos centros de traballo e nos colexios, e adoptar, se e o caso, medidas elementais , para evitar moitas destas mortes.
O lamentable desinterese deste asunto polo Goberno Galego, pola maioría dos concellos e polos sindicatos, pon en evidencia a indiferenza pola preservación da saúde dos cidadáns, e, manifestan un serio deixamento dos responsables políticos e sindicais polos resultados das investigacións.
O poder político está neste asunto, coma en outros mais, a producir dano evitable con un mínimo de prevención e custo.

Xa non poden invocar descoñecemento do problema despois de tantos anos de investigación, informes, entrevistas, e mais evidencias científicas o respecto, tanto propias coma internacionais.

Xa non poden alegar que as solucións a aplicar son difíciles e custosas para a redución deste risco, por non ser certo na inmensa maioría dos casos.

Tal e coma afirman os investigadores citados :
Sen transferencia a sociedade, dos nosos resultados científicos, coma produtos de valor engadido que melloren a saúde da nosa cidadanía, noso traballo carece, en boa medida, de sentido.
Este é un bo exemplo dun circuíto que comeza a pecharse, no que a investigación e innovación se alían coa imprescindible visión empresarial para crear o circulo virtuoso que nos facilite sustentar o sistema.

Moito me temo que seguiremos escoitando de xeito moi simplificado parvadas como as que sosteñen que :

Morreu fulano de cancro de pulmón, e mais non fumaba!.

Dicía Sócrates que :si alguén busca saúde pregúntalle antes si está disposto a evitar as causas da enfermidade.

O malo é, que a intelixencia humana ten mecanismos que actúan en contra do seu propio interese...


martes, 11 de xuño de 2013

LINO E NEMIÑA

LINO E NEMIÑA

Lino e Nemiña teñen moitas semellanzas. Foron pescadores, un de altura outro de baixura; devotos de A Virxe do Carme o Lino, e de San Roque, o Nemiña, esa devoción debíanlla, segundo eles, a ter viaxado tanto polo mar.

Pais de familia numerosa; os dous con mulleres moi rosmonas, de a súa mentalidade estoica, ademais, ambos seareiros do equipo de fútbol do seu Concello.

Lino pasa por seren unha especia de experto home do tempo na súa parroquia.
Tantos anos embarcado pendente do mar picado, e rizado ; das borrascas, dos temporais e dos vendavais, déronlle creto no seu prognostico coma meteorólogo local.
Pouco despois de se xubilar preguntábanlle decote os veciños a súa opinión sobre o tempo vindeiro.
Lino con moito aquel, cuspia na man, a levantaba, e de paseniño xiraba trescentos sesenta grados, e afirmaba case sempre con enorme seguridade e a voz un pouco tomada polo tabaco :Mañá se chove, chove, e se non chove non chove. E quedaba tan pancho.

Nemiña, sae con frecuencia na súa dorna a pescar con Lino coma axudante,mais que nada por entretelo e porque ten tempo agora de abondo,dille a todo o mundo....
Pero é o Lino quen vai polo cebo, quen prepara os aparellos, e ate quen leva sempre as cervexas e uns bocadillos de queixo con anchoas de Riveira.

Contoume fai uns días Lino que o Nemiña, nunha destas saídas, encomendouse coma sempre a San Roque e ofreceulle - como é vella tradición - devolver ó mar o primeiro peixe que collera.

Andaban a faenar os dous entre o Cabo da Nave e o Centolo de Fisterra, e foi daquela cando o Nemiña pillou un enorme robalo, que, a ollo de bo cubeiro debera pesar uns catro quilos...

O Nemiña ergueuse abraiado na dorna, cas palmas da man e os ollos en branco mirando cara o ceo dixo:
San Roque querido, non che é o mesmo que che devolva o segundo peixe ?.

Nese mesmo instante un pequeno golpe de mar bandeou a dorna e fixo caer de cu o meu amigo.
E pódesme crer, lanzou axiña pola borda o robalo mentres con un fío de voz e con faciana de medo murmuraba...

San Roquiño querido, non se che pode gastar una broma carallo!...

Non sei porque me recorda esta historia ó actual goberno. Non falla un prognostico ni el, nin os seus expertos, e, promete todo aquelo que non ten intención cumprir, mentres sigamos calados, ou non chegue a onda de San Roque...