luns, 15 de xuño de 2015

SEÑOR ALCALDE

SEÑOR ALCALDE

Estimado Sr. Alcalde: moito me folgo e mais  participo da explosión de alegría popular nas rúas, debido ao tan  desexado  cambio político que se produzo no noso País.

Escríbolle porque teño unhas dubidas que me preocupan e quixera darlle a miña opinión, (impulsada pola súa insistente chamada a necesaria participación dos cidadáns),  e por se vostede estimara  tela en conta.

Non sei se coñece aquilo de que:  “as eleccións volven soberbios aos que as gañan, e rancorosos aos que as perden”.

  Ben sei que vostede é unha persoa ecuánime, humilde, e con moita vontade de servizo. Tamén sei que a oposición falou de lealdade, de cooperación e colaboración nos asuntos importantes para a cidade.

 Pero como coñezo un chisco a natureza humana e mais a política, teño os meus temores que lle explico de onde proceden.

Vostede Sr Alcalde fixo moito fincapé durante toda a campaña, e antes tamén, do rexeitamento a todo comportamento persoal inadecuado, a falla de transparencia, e sobre todo, as imputacións xudiciais,  das que dixo mais de  mil veces: “terán unha consecuencia inmediata, a dimisión do imputado”!. 

Agora vai ter que cumprir o seu programa e dar resposta a moitas urxencias e asuntos importantes que ten tan comprometidos ca cidadanía.

Coido eu,  que calquera actuación do seu goberno que ofreza a mínima dubida nos aspectos formais, ou de procedemento legal e interpretativo, poderá ter serias consecuencias xudiciais, sempre ca  oposición, ou calquera cidadán, se lle dea por denunciar nun xulgado o que considere pouco axustado a lei, asunto este que ademais están na súa obriga  facer.

Vostede sabe Sr. Alcalde neste sentido, cos xuíces, garantes do cumprimento da legalidade, a menor sospeita, abren dilixencias e imputan, se o consideran necesario  para investigar o acontecido, a  calquera alcalde ou concelleiro.

Nesas circunstancias, e atendendo as súas manifestacións, e sobre todo a súa palabra, non  quedara outra que dimitir ou facer dimitir aos imputados por simple coherencia política.

A conclusión temerosa  a que chego é : A partires de agora ou  ten vostede un extraordinario equipo técnico-xuridico que lle prepare polo miúdo os asuntos municipais, ou terá problemas derivados sobre todo do seu afán por atender  as urxencias e os  asuntos importantes da cidade.

Tome, Sr. Alcalde, xa que logo con calma estes catro anos, porque as eleccións non se gañan por facer moitas cousas, senón por facer poucas pero ben, polo tanto apresúrese  pouco a pouco; faga discursos  prudentes, porque o importante non é  o que faga, senón saber falar do que teña feito; asista a tódolos actos sociais populares que poida co seu mellor sorriso, pero procure non comer fora da súa casa; non fale por telefono de asuntos importantes, porque é preferible facelo en directo  cos interlocutores,  ademais debera organizalo diante de un par de funcionarios que poidan dar fe, chegado o caso, do  falado; bórrese de tódalas redes sociais porque  non son nada de fiar; procure non facer  amigos entre os poderosos, os grandes empresarios,os financeiros, e os  construtores, porque nunca o consideraran a vostede mais que un instrumento dos seus intereses; non participe nin directa nin indirectamente de  ningunha contratación, e decrete que  sexa asinado o informe final da mesma por varios técnicos de xeito claro e contundente; teña moito coidado cas licencias de obra, esixa que se axusten estritamente o planeamento, apróbeas a seren posible por unanimidade nos plenos  e asinadas co informe dos técnicos correspondentes; viaxe pouco fora da cidade e sempre moi xustificadamente; póñase unha retribución semellante ao seu soldo profesional,  sempre por baixo do que gañan os funcionarios mellor pagados do concello,  porque  aínda que isto é unha parvada sen lóxica algunha, é unha parvada gustosa en tempos de crise.

 E sobre todo encoméndese a  Santa Rita, que ten moita man para causas imposibles, se vostede é crente, ou ao azar cuántico, se non o é.

Aínda así, e a pesares de todo o devandito, entendo ca súa supervivencia como alcalde é unha cuestión de sorte e tempo, que naturalmente lle desexo …

Atentamente ca miña admiración, lle saúda…


venres, 12 de xuño de 2015

A PEDRO ZEROLO

A PEDRO ZEROLO

Contaba María Teresa que dúas tias súas, Jimena e mais Elisa,   tiñan destacado na facultade de medicina de Compostela coma estudantes, aló pola  primeira e segunda décadas do século XX. Foron das primeiras mulleres que se converterían en médicos na nosa Universidade.

 Jimena chegou a seren unha moi boa  especialista en xenética, premio extraordinario de carreira, alumna distinguida de Novoa Santos e de Marañon, e profesora de patoloxía xeral en Madrid.

María Teresa, estaba de visita en Compostela. Tocoume acompañala unhas horas. Principiamos polos os tellados da Catedral.

 Desde alí podese observar toda a Cidade Histórica : Rúas e rueiros, hortas, igrexas, muros e fachadas, fiestras, prazas e praciñas, cubertas cas súas esaxeradas e rotundas chemineas…

Chovera un pouco, pero xa  lucia  o sol, e quizabes o exceso de osixeno, ou o mal de alturas fíxome recitar unha estrofa que pouco viña  a conto: 

“Chove en Santiago/ meu doce amor/camelia branca do ar/ brilla entebrecida ao sol”...

Preguntoume a María Teresa, de quen era ese poema ?.

─ De Federico García Lorca ─ respondinlle ─

─ En galego ? ─ retrucoume con certo asombro ─

─ Si, en galego.

─E como foi iso?

Entón, expliqueille que Lorca viñera a Compostela a coñecer a Cidade e a darlle unha aperta ao seu amigo Eduardo Blanco Amor.

 Amizades de un tempo escuro. Amizades case secretas entre homosexuais.

Federico entregoulle ao Eduardo unhas paxinas escritas polos reversos duns recibos. “ Son uns poemas en galego” lle dixo. “Non me fales mais desto ate que me traias o libro”.

Anoitecía, seguía a chover, Eduardo non lle fixo caso e  sacou un dos recibos que leu baixo o arco de Xelmirez :

─ Chove es Santiago/ na noite escura/herbas de prata e de sono/cobren a valeira lúa. Olla a choiva pola rúa/laio de pedra e cristal/olla no vento esvaido/ soma e cinza do teu mar.Soma e cinza do teu mar/ Santiago,lonxe do sol; agoa de mañá anterga/trema no meu corazón.

 Tiveron que pasar mais de oitenta anos para que Pedro Zerolo conseguira xunto co Presidente Zapatero e mais ti mesma María Teresa, que empezaran a florecer aquelas herbas de prata…

Regaleille a María Teresa Fernández de la Vega o libro cos Seis Poemas Galegos de Lorca.

 Abriuno por unha paxina calquera, e recitou con un fío de voz :  “Érguete miña amiga /que xa cantan os galos do día “ !

  Entón, soubemos os dous que era certo que a lúa podía bailar sobre a Quintana de mortos, porque os tempos xa  foran chegados…!

Co meu fondo ríspeto.