sábado, 10 de abril de 2021

 XUSTIZA RAPOSEIRA



O fillo mais pequeno da Carolina, o Chisco, estudiou dereito en Compostela nos anos setenta. Hoxe é un avogado moi respectado na bisbarra de Carballo. 

 

Na familia da Carolina  “o único estudiado é el”, segundo me dixo a súa irmá Elena, e me aclara despois, non por falta de gañas e intelixencia dos demais, senón  por falta de cartos.

  

—O meu irmán, contoume, nunca se disfrazou de intelixente, é intelixente, pero na universidade en primeiro de carreira  pasaba por  tonto, ou iso crían moitos compañeiros, pois cometeu a parvada de falarlle en galego ao profesor de dereito romano, un mestre castelán que suspendía a sete de cada dez alumnos, e,  que falaba  moito en latín, pero  non entendía a nosa lingua.


A pesares dese despiste, sacou sobresaínte en tódalas materias, menos en romano que levou matricula.

 

A partires daquela xa non era estúpido para os compañeiros, e coma  ademais era pobre, saleu como tiña que seren avogado listo.


O primeiro preito gañouno facendo unha raposada. Pero, vólveme aclarar enseguida a irmán, unicamente nese primeiro  preito...!


Tratábase dunha disputa entre un home poderoso da parroquia e un xornaleiro, por unhas lindes mal sinaladas na única finca de catro ferrados que tiña de seu o xornaleiro, e que o cacique quería  facer súa..  

A falta de “papeis” do seu defendido facía  moi difícil gañar a disputa. 


 O Chisco  fíxolle   chegar ao xuíz- un home moi serio, e de misa diaria-  en nome da parte contraria ao seu defendido, un agasallo de dez quilos de enormes percebes  de Fisterra, e unha tarxeta de imprenta co nome do preiteante na que poñía:


 “Agardamos lle gusten, igual que a min gustaríame gañar o xuízo que leva súa señoría”. 


Tiña lido o Chisco unha argucia parecida nas crónicas dos preitos e, sen encomendarse  nin a Deus nin ao demo a puxo en practica.


Montouse unha boa, o xuíz acusounos de suborno  e  chamou aos dous avogados.


 O  avogado defensor do ricachón aseguroulle que non era posible que o seu defendido fixera nada sen consultalo, e, o Chisco, alegou diante do xuíz que:  “el defendía ao seu cliente por caridade, sen cobrarlle nada, e tendo en conta que era un home castigado pola vida, bo pai, xornaleiro, viúvo, e con cinco fillos ao seu cargo que educaba na fe da nosa  santa igrexa católica”.


O preito, que tiña moi  mala solución para o cliente do Chisco como quedou dito, virou de súpeto cara ao seu defendido e santas pascuas.

 

Agora ben os percebes deberon papalos na casa do xuíz, porque non se volveu a saber deles.


O Chisco é dos que opinan que moitas veces desde a xustiza non se atende ao mais necesitado, nin case nunca sal gañando quen debería gañar.