venres, 17 de outubro de 2014

O FILLO DA CAROLINA

O FILLO DA CAROLINA

Ramiro, o  fillo pequeno da Carolina fíxose avogado.

A Carolina, traballaba na consulta do doutor Fontán ca súa bata branca sempre impoluta, abría sorrinte a porta da consulta, atendía o telefono, apuntaba nun libro as visitas e horarios, cobraba a minuta e, cando remataba ese traballo, sobre as dúas da tarde, limpaba o despacho e ia comer a súa casa.

As catro en punto, regresaba ao fogar particular do doutor, poñíase unha bata azul estampada e unha cofia, fregaba os pratos da comida e mais a cocina, facía a colada, pasaba o ferro a roupa, e atendía algún mandado da señora Rosa, a dona do prestixioso doutor.

O Ramiro estalle moi agradecido ao doutor Fontán.

 Díxome, que grazas ao doutor puido estudar a carreira, e coñecer mellor a natureza humana, porque  canto mais se trata a un ser bondadoso e xeneroso, como ese médico, mais se  comprenden as necesidades e razóns dos ricos, e mellor se  entende o inevitable da pobreza…

A fin de contas é moito mais inútil e dificil acabar cos ricos que cos pobres. Os primeiros non se deixan e teñen moitas razóns de peso, e, os segundos, que son moitos e bastante ignorantes, déixanse dirixir moi ben.  E ademais, si se lles sabe  orientar axeitadamente, dáselles  ocasión  de  exercer  a  solidariedade. Deste xeito aprenden a compartir as necesidades e os  recursos, que son virtudes públicas e contribúen a  paz social.

─A miña nai, como xa  lle expliquei varias veces, non é parte da solución desta crise actual, logo, ten que asumir, lle guste ou non, que é parte do problema. Ela  sempre  calaba, ate fai un mes.

E logo, que pasou  Ramiro?, pregunteille.

─Nada estraño. Miña nai ten xa  59 anos, vai un pouco maior, e algo torpe… E o doutor  encontrou unha enfermeira titulada, moi ben preparada, e  por certo de bastante bo ver, que o vai axudar no consultorio, e tamén está disposta a  facelo  na casa particular por algo menos do que lle pagan a mamá. O doutor Fontán estache moi desgustado pola medida que se ve obrigado a tomar , e xa me dixo que tiñamos que chegar a un pequeno acordo económico polo despido…

E. ?

─ E haberá que chegar a ese acordo, ou non?... así funcionan as cousas cas leis vixentes, aínda ca miña nai, que non ten os meus estudios superiores, non o comprenda…




Ningún comentario:

Publicar un comentario