venres, 13 de agosto de 2021

 A  PROFESORA CAROLINA



A Carolina era coñecida na facultade por seren a primeira muller da súa promoción en doutorarse.


Non destacou na universidade pola súa listura, senón pola súa intelixencia, aínda que da intelixencia nos dixo un día na clase: 

“desde sempre foi desprezada na nosa terra, xunto coa ciencia”.


 Cando mesturou oficio e  vocación, ao aprobar a  súa oposición, notámolo axiña os seus alumnos, pois as súas clases do instituto eran diferentes das demais, alo polos comezos dos sesenta, anos nos que se coidaba aínda moito no ensino da nosa salvación eterna e mais da nosa formación do espírito nacional.


Os alumnos íamos a súa clase a escoitar razóns sobre as crenzas xustificadas, e, as  accións e decisións razoadas, que nos deixaron co tempo  un pouso para toda a nosa vida.


A primeira vez que oín falar do que hoxe se chama “pensamento crítico”  foi na súa clase. 


Valíase dunha técnica pedagóxica como era a de  citar refráns vellos e contos coñecidos, para mellor se expresar na clase de historia:

 “Predícame Xan, predícame o frade, por unha orella me entra por outra me sae”, e logo insistía: 


—Eu non vos quero ensinar o que debedes pensar sobre a historia, senón a pensar pola vosa conta sobre a mesma, e para elo tedes que ler e mais entender mellor o que leedes, e, a  sospeitar de tódolos  que afirman sucesos da mesma sen probas documentais, porque a historia a escriben sempre os vencedores coma mellor lles convén...


— Si escoitades dicir a alguén como argumento histórico ou político: “oín dicir;  escoitei na radio; lin na prensa ou “asi o pon noso libro de historia ”, e non vos di nada mais, o que podedes pensar con seguridade é, que esa persoa non pensa por ela, senón polo que lle contan outros.


Recordo que un dos compañeiros preguntoulle un día:

 — E coma  podemos descubrir entón  a verdade  histórica profesora? 


A Catalina contestoulle :


—Descubrir a  verdade require esforzo, comprobacións e método.

 Pero o que queira seren autónomo e  libre de entre vos, que non esqueza  que toda a  historia de  España é, a permanente resistencia de moitos dos seus reis, dirixentes políticos e mais empresarios, contra da modernidade e a solidariedade.

 A miña recomendación mais sinxela e  que busquedes antes cas verdades, as falsidades.

 

—As falsidades ou medias verdades, recordádeo sempre, se presentan cunha fermosa aparencia e simplicidade, as escoitaredes repetir moitas veces na prensa e na radio; veñen case sempre  acompañadas de ameazas, enganos e dogmas polos que as poñen en circulación, entre outras razóns para impedir que poidamos comprobalas, poñelas en dúbida, buscar outras solucións, ou simplemente por nos amedrentar.


A Catalina, recibiu un día, estando nos na súa clase, a visita dun señor -que polo visto era inspector de ensino medio- o  que moi amablemente lle dixo que, ao rematar a clase,  non saíra dela pois tiñan que falar. 

Aquel home mirou de esguello para todos nos sorrindo con unha  faciana raposeira e  liscou.


A Carolina antes de rematar a lección dese día díxonos emocionada: 


— “Nunca falta un can nunha merenda!” E logo engadiunos.

 Déixovos, por que terei que deixarvos, pero debo advertirvos que homes coma este, vanse quedar entre vos, van tratar de asustarvos e mentirvos durante moito tempo, van impedir que pensedes por vos mesmos, e ademais odian a intelixencia e a cultura! 

 

Non soubemos mais dela, ate moitos anos mais tarde.


Entereime, que fora enviada a dar clases aos Ancares, quizabes coma mérito e recompensa polos seus fondos coñecementos da nosa historia de España, e a de moitos dos nosos grandes dirixentes históricos. 


Moito teño envexado aos seus novos alumnos!  


 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario