sábado, 15 de outubro de 2011

O Cabalo Falador



O cabalo falador

13.10.2010

LUIS TOXO

Tense dito cas boas historias e contos nunca envellecen, que poden ser contadas moitas veces e sempre teñen o seu aquel cas fai anovar e son quen de sacarlle un sorriso e ata un suspiro a quen se lle contan. Explicábame un día don Antonio Fraguas que a boa amizadeque tiña con don Álvaro Cunqueiro os levaba a compartir moitas boas ocasións rexoubas, pero que un deles, o conto do cabalo falador o tiña superado, canso e moi incomodado.
Don Álvaro insistíalle desde facía un tempo a don Antonio que tiña unha fonda obsesión por tal cabalo que vira a última vez na Feira do 13,do pasado ano. Don Antonio preguntáballe con total seriedade, que como sabía el que ese era o cabalo falador.Don Álvaro sen inmutarse pasaba a describirlle a situación:
- Seino desde fai moitos anos, teño lido nos vellos manuscritos de Afonso o Sabio que en Galicia temos unha saga de cabalos faladores.
- Estes cabalos teñen un dono que lles garda o segredo e vai con eles a todas partes.
- Pois ben este cabalo ademais de falar, descubrín que sabe leer.
- Falar fálalle ó oído do seu dono, que iso ven o vin eu, cando observei como lle contaba con moito disimulo cousas as escondidas acercándolle os belfos a orella.
- Pero tamén ese cabalo e quen de ler porque pilleino ollando no xornal do seu amo por riba do seu ombreiro...E movía os seus ollos polas letras talmente como entendendo o que lía ...
D. Antonio, mais serio aínda preguntoulle:
- E porque non fuches a falar con el e comprobalo de certo?
- Pois non fun, respondíalle don Álvaro, porque ti xa sabes o que pasa nas feiras, moito rebumbio, trafico de xentes e animais, moitos coches e carros... Velo unha cousa, pero cando queres ir o cabo del perdese de vista con moita facilidade... E ata hoxe, por moito co intentei non puiden falar co mesmo .
Don Antonio decidiu un bo día acabar con esta leria. Quedou con Álvaro a tomar un café no Derby de Compostela e alí con moito requilorio comezou o seu contra ataque do seguinte xeito:
- Álvaro, estiven co cabalo falador!.
- Que me dis Antoniño! como foi iso?, díxolle moi alterado don Álvaro.
- Pois a cousa foiche así :
- Fun mercar uns queixos a feira de Arzúa e alí o vin,... faláballe as escondidas na orella ó seu dono e mais lía o xornal mentres agardaban sabe Deus que cousas...non lle saquei os ollos de enriba e funme arrimando pouco a pouco a eles .
- E que pasou Antonio, que pasou entón... ­­preguntoulle don Álvaro cheo de ansiedade ...
- Pois que cando estiven o seu carón pregunteille,ti es o cabalo falador?
- E que contestou Antonio, acaba o conto que me vas matar... díxolle don Álvaro moi excitado .
D.Antonio chanceouse un pouco no final da historia, fixo unha carraspeira e soltoulle de pronto ...¡
- O cabalo contestoume Álvaro, claro que me contestou!, e díxome arrimando os seus fociños a miña orella : E a ti que carallo che importa se falo ou non !.
D. Álvaro puxo os ollos en branco, sorriu e relaxadamente contestoulle cheo de ledicia:
- Ves como tiña razón Antoniño, ves como existía o cabalo falador..!
Despois daquela non me explicou D. Antonio porque non volveron a falar mais desta historia...

-

Ningún comentario:

Publicar un comentario