sábado, 15 de outubro de 2011

¡Que boas son as naiciñas!


Foron quizabes estes os comezos dun home sabio e bo que quería moito a súa naiciña. Contoume moitas cousas sobre a vida, sobre Galicia e sobre os homes que tiña coñecido, e regaloume ademais esta historia persoal cando xa tiña noventa anos.
Eu prometinlle que un día tamén a contaría no seu nome, porque xa se sabe, as boas historias pódense contar moitas veces e nunca envellecen...
Nunha ocasión sendo moi neno, dicíame este home sabio: cheguei a miña casa co seguinte recado de D. Manuel o meu mestre, "... dille ó teu pai que quero falar con el, que veña a verme á escola tan pronto coma poida." Nada mais dar o mandado diante dos meus pais, miña nai preguntoume impulsivamente: "¿Que fixeches Antoniño?."
"Non fixen mal ningún miña nai. O mestre non me berrou, soamente me pediu que fora papá a velo...".
O mesmo tempo que isto me contaba a min, dicía polo baixo con moito agarimo: "¡Que boas son as naiciñas!".
"O meu pai púxose serio, non dou palabra en toda a cea. Deitouse e nada mais risca-lo día chamoume no cuarto:¡ímonos xa, érguete axiña!."
De camiño á escola, el diante eu detrás, fomos en silencio. Nada mais chegar petou con forza no batedor da porta da casa escola de D. Manuel. Era moi cedo aínda, facía moito frío e orballaba lixeiramente , a pouca luz e a brétema da mañá impedía ver ben a pouca distancia... Acendeuse unha luz e abriuse a fiestra da habitación do mestre no primeiro andar... "¿Quen é?". Díxonos mirando cara abaixo sen decatarse que eramos nós. Meu pai respondeulle: "sonlle Antonio do Loureiro D. Manuel, veño co meu fillo Antonio"... "¿E que facedes aquí tan cedo? ", dixo sorprendido mentres baixaba a nos abrir a porta da casa... Saudou o meu pai, e unha vez dentro da cociña quentou unha cunca de leite que me fixo beber mentres lle explicaba o meu pai a cuestión. Non recordo moi ben todo o que dixo pero en resumo era: "O seu fillo elle moi intelixente e val para estudiar. "É unha magoa que a xente coma el non teñan estudios. Dígollo para que o saiba e máis para que si pode o mande a Pontevedra a facer o bacharelato..."
Meu pai ollaba para o mestre e máis para min... Él agardaba calquera outra cousa menos esta. O remate sei que dixo... "Non sei se poderemos darlle estudios D. Manuel, nós non lle temos medios..." "Unha magoa dixo o meu mestre, sorríndome con tristura, mentres me acariciaba o pelo..." Ca mesma, despois de falar de outras cousas de ir e vir despedímonos. Meu pai tampouco me deu palabra no camiño de volta. Estabamos chegando o agro da casa cando miña nai nos saíu o paso. ¡"Que boas son as naiciñas"!. Alí estaba agardándonos chea de friaxe... Preguntoulle nerviosa o meu pai: "Que dixo do noso fillo o señor mestre?." Meu pais explicoullo: eu valía para estudar e debería ir a Pontevedra a facer o bacharelato. Miña nai, colleu entre as súas mans a miña cara e ollándome con moito orgullo dixo: "Se val para estudar hai que darlle o noso fillo estudios, vendemos a finca e os pinos do agro se é preciso e acabouse!... ¡Que boas son as naiciñas!.

(Á memoria de D. Antonio Fraguas Fraguas: Presidente do Museo do Pobo Galego, Cronista Xeral do Reino e Presidente da Real Academia Galega. Un dos meus mellores mestres.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario