sábado, 15 de outubro de 2011

Lección de Sociais


Comentaba meu sobriño pequeno que nunha pasada clase de Don Evaristo, na lección de sociais, este explicoulles a lección : “o traballo como un dereito e como un deber”. Roquiño dicíame que o mestre lles comentara que ese dereito estaba recollido na nosa Constitución e que era semellante á saúde, o deporte ou a cultura. Que non se podía reclamar nos tribunais pero que era a actividade mais importante da sociedade.
“Don Evaristo preguntounos –seguiu explicándome o pequeno–, como fai case sempre antes de darnos unha explicación final, que tipos de traballos coñeciamos, que puxeramos exemplos de traballos manuais e non e se coidabamos que algúns deles como escribir un libro, pintar un cadro, ou a política eran traballos tamén ou pasatempos. Quedounos claro que non hai traballo, por pequeno que sexa, pouco importante, e que se entendemos ben o que estamos facendo e o seu por que, o noso traballo sempre será mellor que se non o sabemos, porque investigar e saber razoar é o traballo máis digno que existe, aínda que non sempre sexa ó mellor pagado. Don Evaristo interrogounos tamén de xeito rutineiro, sobre cantos dos nosos pais non tiñan traballo debido á crise que se está a vivir no País e no mundo.
Erguéronse as mans de moitos, dunha chea de nós. O mestre, sorprendido supoño, polo barullo e o número de brazos arriba púxose moi serio como cando se anoxa coas parvadas que facemos. Quedou calado e despois duns segundos deunos as costas e non sei que debeu ver pola fiestra na rúa que ata se emocionou un pouco... Todos os rapaces decatámonos do seu desacougo e fíxose un silencio na clase como cando estamos a facer un exame escrito. Ninguén miraba mais que para o pupitre onde agardaba a folla en branco do caderno dos apuntes...
Despois dun par de minutos volveuse cara a nós e preguntounos moi baixiño: ‘Cantos dos vosos pais levan menos de seis meses no paro?’. Erguéronse dúas ou tres mans. Volveu preguntar con un fío de voz: ‘e cantos levan máis dun ano?’. Agora levantáronse moitas mans, entre elas a miña tío Luis...
E foi entón cando me decatei daquelas cousas raras e tristes que sucedían na miña casa: os segredos e murmurios dos maiores, as pequenas discusións entre eles, as caras serias de papa e mamá. O que pasaba na nosa casa, pensei axiña, tiña que estar a pasar en moitas máis dos outros compañeiros que levantaron coma min as súas mans...
Entón tamén recordei que a miña paga dos domingos quedara reducida á metade. Un 50% menos segundo os cálculos feitos na clase de matemáticas... Pareceume unha falcatruada e un abuso pero mamá díxome que era unha orde do goberno para así mellor axudar os que menos tiñan e calei, pero non a creín. Don Evaristo, escribiu no taboleiro unha fórmula. Rompéuselle o xiz dúas veces como cando anda nervioso ou enfadado. Puxo nel: Riqueza = empregos ou traballo / necesidades. Tomamos nota no caderno agardando a explicación que vén sempre despois. Sentou como se estivera moi canso e díxonos como falando para el mesmo:
- Tivera sido mellor hoxe falarvos das esperanzas que supón o artigo 40.1 da Constitución que fala do esforzo que temos que facer todos para mellor repartir a riqueza e conseguir máis emprego. Segundo esa formula do taboleiro –díxonos o mestre– a riqueza do noso País aumenta se aumentan os traballos, os empregos, a actividade... e diminúe o incremento das necesidades. Como o emprego están caendo moito e as necesidades aumentan sempre, só reducindo estas necesidades, é dicir, o traballo, os salarios, a educación, a sanidade e as pensións, volverase amañar o problema do emprego, da actividade económica e teremos menos dificultades. Iso cando menos é o que afirman os miles de economistas que defenden o Señor Mercado.
Ningún dos presentes se atreveu a preguntarlle quen era ese señor tan importante que tiña tantos axudantes empregados. Ao chegar á casa leveille a explicación no caderno no que escribín as teorías de Don Evaristo a papá e despois de lelo díxome sorrindo:
- É ben certo o que vos dixo o voso mestre Roquiño, iso é o que está a pasar hai máis dun ano na nosa casa, e por esa causa mamá achicou a paga dos domingos.
Agora non teño dúbida, xa sei o nome do señor responsable e lambón da miña rebaixa económica. E sabes tío Luis, tiña eu razón. Non é culpa de miña nai!”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario