domingo, 16 de outubro de 2011

O turrón duro e malo de roer


Rigoberto, irmán pequeno de meu avó, tivo dezasete fillos coa súa dona Rosario. Comían na súa casa en quendas de oito ou nove en dúas sentadas. Tiñan un campanil como as da consagración das igrexas no comedor que Secundina, a rapariga de servizo, tocaba cando acababa a primeira quenda, a dos máis pequenos, para dar entrada case sempre en tromba dos esfameados á segunda quenda, o dos maiores. Ao rematar os fillos, o matrimonio e Secundina sentaban a comer xuntos de forma pousada, mentres comentaban decote o caro que estaba o xantar.
Un Nadal, Rigoberto, facendo un gran esforzo económico, mercou varias libras dun turrón barato que levaba por nome ou marca comercial Rocinante. Ao día seguinte a Noiteboa, Dona Rosario atopou no cubo do lixo varios anacos dese turrón a medio comer. Reuniu os seus dezasete fillos e preguntoulles un por un quen era o responsable dese estrago...
Fíxose un silencio ominoso que rompeu ao entrar en escena Secundina que, advertida do asunto, exculpou os rapaces e manifestou ser ela a que arroxara ao lixo parte do turrón. Rosario, perplexa, pregúntolle a razón diso e a resposta non se fixo esperar: “Señorita, chupar chupei ese doce, pero non pretendería vostede que lle comese tamén os ósos!”.
O recordo desa anécdota que se contaba na familia faime lembrar o difícil que é facer unha transición política, asumindo os novos gobernantes a continuidade e as responsabilidades da situación en tempo de crise. Escoitamos estes días por parte do PP que aquelo que se prometeu amañar polos seus gobernos xa non vai ser posible levalo a cabo porque as dificultades económicas son unha enorme sorpresa coa que non se contaba en absoluto.
Chama iso moito a atención en tempos nos que o debate e a información presupostaria anual; o control da legalidade de interventores nas administracións; e as centenares de comisións informativas ao longo do ano son, polo visto, inútiles para coñecer a situación das finanzas. O problema non parece que sexa ese, recorda máis ben o conto daqueles malos turróns duros.
Roelos, o que se di roelos, é máis difícil que presentarse en campaña electoral como os salvadores retóricos dos problemas da cidade, da autonomía e mais do Estado con solucións xerais para todo. As denuncias da escaseza de recursos económicos, os endebedamentos dos concellos e administracións autonómicas, os chamados buratos, que agora aparecen por todas partes, anuncian a imposibilidade solucionar os problemas polo PP ou xustifican a súa inacción.
A crise é unha oportunidade para demostrar que con poucos recursos, boas ideas, austeridade real e honradez se pode seguir atendendo os cidadáns, iso si, aproveitando ben ata os osos... E tamén serve para coñecer os falabaratos que aspiran ao poder polo poder.

Ningún comentario:

Publicar un comentario