domingo, 16 de outubro de 2011

O Virus Parvo Papilonar

Visito o vello Cadrís de Souto, menciñeiro de sona, home hermético, co obxecto de saudalo e pedirlle algún remedio caseiro para o meu curmán Pablo, que padece unha estraña enfermidade que lle produce unha constante ansiedade e unha preocupación excesiva polas súas imaxinarias doenzas.
Ten frecuentes taquicardias e disfuncións dixestivas. Tómase o pulso, a temperatura e a tensión arterial varias veces ao día. Está atento a calquera comentario público e televisivo sobre os síntomas que cre padecer. Consulta compulsivamente prospectos, vademécums, informes clínicos para saber algo máis sobre o que padece persoalmente. Escoita opinións, le artigos especializados e atende moitas razóns sobre a súa enfermidade pero segue sen atopar en parte algunhas solucións concretas para o seu mal.
Cadrís, agradéceme a torta de Santiago que lle levo como agasallo, proba un bocado dela, detecta a améndoa abundante e sentenza: ovos, azucre e améndoa... É autentica, das de antes... A continuación coméntame: “Estasme a describir unha vella enfermidade producida polo coñecido Parvo virus Popular ou Papilonar”. Cadrís é un menciñeiro moi lido.
- Trátase dunha enfermidade moi común hoxe en día, que se transmite por varios medios, incluso os de comunicación; un virus que tamén se coñece como o da labazada colectiva, provocando malestar xeral, tristeza e problemas de auto inmunidade que poñen en evidencia falta de resposta ante as agresións dese bicho.
Hai que abandonar toda esperanza nos remedios convencionais e reforzar as defensas internas de cada un, dime finalmente.
“E como se consegue iso?”, pregúntolle.
- Home pois sen separar tanto o enfermo da enfermidade. Porque así convértense os enfermos en clientes, pero non en persoas, e cando se illan as persoas da enfermidade calquera problema fainos moi vulnerables.
- A solución é renunciar aos remedios que recomendan os médicos e os expertos, porque conducen á tristeza e a non loitar con bo ánimo polo benestar persoal e colectivo.
- Ou cambian de actitude todos os enfermos ou non hai menciña dispoñible no mercado actual.
“O poderoso virus Parvo Popular”, remata caviloso o señor Cadrís, “débese estar a fregar as mans de tanto dano social como está a provocar e ca aceptación submisa da poboación afectada”.
Cando retorno da casa de Cadrís de Souto ocorréseme pensar que lle debeu animar a torta de améndoas do amigo Santasmarinas, porque hoxe, cousa rara nel, estaba pouco ambiguo e sibilino...

Ningún comentario:

Publicar un comentario