sábado, 15 de outubro de 2011

Os miróns do "Gran Hermano"


Pechou a canle CNN+ por motivos económicos e con el desapareceu un dos programa de debates e informativos privados máis serios,ecuánimes, contrastados e rigorosos cos que contabamos neste país.
Unha vez adquiridos os dereitos de CNN+ por unha cadea privada, foi inmediatamente substituída a súa programación por outra coñecida como ‘Gran Hermano’, un programa no que se informa en vivo e directo as vinte e catro horas do día, sobre o que acontece cun grupo de persoas pechadas nunha casa.
Os espectadores-miróns do programa, e dicir, aqueles que están pendentes observando cada movemento, exclamación, e xesto dos protagonistas, mentres a eles lles aumentan previsiblemente as súas taxas cardíacas e o suor con cada unha das intimidades ou opinións dos mesmos, ao parecer son bastantes a calquera hora do día ou da noite.
Tanto é así, que xa igualou e superou a chamada cota de pantalla que tiña a extinguida CNN+, por parte desa televisión en só unha semana.
Ese “reality”, pásase en sesión continua con cámaras fixas nunha casa alugada e con mensaxes e opinións simples dos espectadores en forma de SMS, que así autofinancian o espazo, deste xeito a cousa sae barata, ten certa cota de pantalla e non produce perdas, iso é todo o que esixe o mercado.
Nos anos 80, Brian de Palma xa tocou o tema dos miróns na película ‘Dobre Corpo’ con protagonistas como Melanie ­Griffith, e por Deborah Shelton; pero aquilo era outra cousa.
O actor voyeur, un tal Jake (Craig Wasson), contaba para as súas observacións cun telescopio e pasábao en grande observando a Gloria (Deborah), unha bela muller, mentres ela se espía e facía outras cousas morbosas na intimidade do seu apartamento que caía xustamente fronte o seu. Guión moito máis suxestivo, artístico e personalizado cá cama redonda babeca e colectiva do Gran Irmán.
Pois ben, substituír un informativo conducido por bos profesionais por ese outro programa, é unha proba evidente do que é capaz de ofrecer a televisión a un sector da poboación. Dálle igual ao mercado e a este medio do ramo neste caso cambiar un programa informativo ou un espazo de entretemento de calidade por outro, aínda que só sirva para embrutecernos, sempre que o asunto sexa rendible en termos económicos.
Velaí unha diferenza de fondo, de forma e de control social, entre a televisión estatal e autonómica e unha determinada televisión privada.
Se a televisión pública competise coa privada neses ámbitos e programas, non tería razón algunha de existir. Sería sinxelamente un gasto inútil e unha competencia desleal.
Agora que empeza a falarse da privatización parcial da TVG, a través de indicadores como: o peche das delegacións galegas territoriais, a cesión pola mesma de espazos a canles privadas,ou das declaracións de responsables políticos, sería interesante preguntarse se a desexable calidade; a información construída de acordo co interese común; e o servizo público que debe supor a nosa televisión autonómica –que tamén pode darse en casos excepcionais na privada– vaise manter, coas reformas necesarias, ou se pola contra, os “grandes irmáns” da política ao servizo do mercado forzarán a moitos cidadáns a ser miróns pasivos de programas lixo na nosa televisión baixo o argumento de racionalizar gastos que só agochan as máis das veces intereses comerciais.
Convén recordar outra vez , o papel de normalización lingüística ou o motor que significa para decenas de empresas galegas do sector audiovisual, a televisión pública, que dificilmente cumprirá a privada.
Estamos quizais no principio non dunha mellor televisión galega, senón da televisión que desexa e precisa o mercado, iso si, en nome da liberdade de expresión e dese conservadorismo que defende a liberdade individual, pero que se desentende de cómo levala a práctica na sociedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario