sábado, 15 de outubro de 2011

Un gas asasino chamado radón


Rematou un curso de Formación Continua da Universidade de Santiago de Compostela, impartido no Hospital Clínico Universitario, sobre: “O radón, risco para a saúde e solucións para a súa redución”. Durante toda unha semana presentáronse diante dos alumnos diversos relatores deste problema desde profesores da universidade a profesionais da construción, arquitectos, empresarios e distinguidos políticos.
O radón é un gas asasino e silencioso que a comunidade científica chama “gas nobre”, porque quizais coñece como don Mendo que nunca falta un nobre que amole máis da conta… O radón sae silandeiro do terreo; se vai directamente á atmosfera dilúese e non fai mal a ninguén, pero, se ao saír espontaneamente o fai por baixo dunha vivenda construída, cólase sen permiso por gretas, fendeduras e fisuras e tende a acumularse no interior dela, e se vostede vive nesa casa e se lle ocorre respirar, cousa que deberá facer mentres estea vivo, inhala o gas e incorpórao como axente canceríxeno ao seu torrente respiratorio. Se o radón é abundante na súa casa e vostede está moito tempo esperto ou durmindo na súa compaña, aumenta o risco de padecer un cancro de pulmón.
No caso de actuar conxuntamente a exposición ao radón e o hábito de fumar, vostede multiplica o risco de contraer a enfermidade entre 25 veces en Europa e unhas 46 veces en Galicia. Nestas peleiradas imos tamén por diante de medio mundo, deseguida comprenderá o seu por que.
Calcúlase polos científicos que existen aquí, un 16% de vivendas contaminadas con altas cifras de concentración de radón, estimándose que son máis de 450.000 cidadáns os que están expostos a enfermar, porque Galicia é unha comunidade que ten moitas rochas de granito onde se atopa o uranio-238, pai de toda a radioactividade natural, que se transforma primeiro en radio -226 e do que sae despois o gas radón en cuestión.
Chamaron a miña atención no curso varias cuestións. Primeiro, a xeral desinformación social deste inimigo invisible; segundo, o descoñecemento técnico sobre a súa redución, ou o que é peor, as informacións cheas de prexuízos sobre esta que na práctica é sinxela e moi económica; e terceiro, a pasividade permanente e neglixente da Administración do Estado e mais da autonómica sobre as medidas lexislativas a tomar.
Se o Estado, no Código Técnico da Edificación, non esixe aínda prevencións específicas sobre o problema, nada debera impedir que o Goberno da Xunta de Galicia, con competencias exclusivas sobre saúde e vivenda lexislara sobre esta cuestión. Sobre todo, tendo en conta a nosa especial situación de risco. Deberíanse medir, nas zonas declaradas nos mapas de radón como áreas de alto risco, o gas existente nas casas, e unha vez medido, se fora o caso, aplicar as medidas corretivas ou redutoras. Porque empregar os coñecementos presentes en corrixir os danos do futuro é sempre a esencia dun bo goberno.
Profesores participantes no curso como o seu Director, o Doutor Xoán Barros Díos da nosa Universidade, o doutor Luis Quindós Poncela da Universidade de Santander, ou José Luis Martín Matarranz do Consello de Seguridade Nuclear veñen investigando e traballando arreo desde hai máis de vinte anos neste asunto que afecta á nosa saúde. Actúan co mesmo espírito que Moisés: todos eles saben ben que a Terra Prometida está moi lonxe, aínda que endexamais deixaron de camiñar cara a ela…
Outros asistentes ao curso como a senadora María Jesús Sainz, que pediu hai meses na Cámara Alta un acordo sobre o control e correción do radón conseguindo a unanimidade; un arquitecto como Borja Frutos da Fundación Torroja, que apuntou sinxelas medidas de redución ao alcance de calquera, ou presenzas do tamén arquitecto Xerardo Estévez e do promotor e construtor Otero Pombo, puxeron en evidencia a existencia dunha vangarda de políticos e profesionais intelixentes e sensibles para enfrontar este problema.
A pesares de todo, sei que un día destes, e moitos anos máis escoitaremos dicir: “ Fulaniño de tal morreu dun cancro de pulmón, e non fumaba!”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario