Sempre me pareceron uns físicos experimentais con sotana vermella que aproveitando a inercia do incensario e coa axuda dunhas poleas conseguían darlle oscilacións a este péndulo xigantesco. Fun á catedral ás 12 da mañá á Misa do Peregrino por ver novamente o espectáculo do botafumeiro. Xa sei que non lles gusta esa terminoloxía ós cóengos, pero entendo que si o é, o queiran ou non. Acisclo Rouco, un dos tiraboleiros, amigo meu desde o instituto, prestouse a darme a súa particular opinión cualificada sobre este fenómeno físico e algo máis. Eu tiña interese en coñecer o seu xuízo ó respecto dalgúns problemas suscitados a conta do ditoso botafumeiro e a relación deste cos turistas, o aforo da basílica e a propia liturxia.
–Mira, –díxome Acisclo– a Misa do Peregrino quedaría coxa, faltaríalle algo se non funcionase o botafumeiro. O botafumeiro é, segundo nos explicaba don Aniceto no instituto, unha especie de catalizador, pero neste caso da alma.
–Tiñan que deixarse de dicir parvadas formais, e darse conta que os camiños da fe sonche moi estraños, porque a fe estache no corazón e non na cabeza.
–Hoxe, coa que está caendo tamén na Igrexa, convén unha liturxia máis leda, máis festeira, con máis confianza que ameazas. Para estas últimas xa está ese Fondo Monetario Internacional, o goberno a oposición e o Niño Becerra que di que o peor da crise aínda está por chegar…
–Se faltara o botafumeiro sería como se nas procesións de semana santa non permitiran saír os estandartes, os caparuchos e as bandas de música. Ou que no Rocío andaluz non permitiran saltar a reixa, que é un espectáculo bastante máis violento e arroutado.
–O noso é unha sorprendente experiencia científica-relixiosa na que dende o meu punto de vista se sincroniza a física e a relixión como poucas veces acontece; é un rito, unha tradición que ten setecentos anos. Unha desas tradicións que merecen ser conservadas polo boa que é, e polos efectos que produce... O noso traballo, como técnicos especialistas –dixo isto con carraspeira e suficiencia de profesional– ven sendo: “introducir enerxía coas cordas que usamos, nun sistema, co resultado dun movemento oscilatorio ó longo do trasepto do templo”…
Abrín como pratos os ollos e quedei tan descolocado coa parolada e definición que Acisclo veuse obrigado a me advertir que esa era a explicación que lles deran a eles os profesores de física da universidade, pero engadiume: “o aparello e as poleas movíanse incluso antes de coñecer as ecuacións das que viven os físicos”.
–A ver, o importante neste asunto que me preguntas é que cando poñemos en marcha o botafumeiro, o seu vaivén, o arrecendo a incenso, a música do órgano que acompaña a danza do mesmo, esperta de súpeto, dígocho eu que o vexo todos os días, os corazóns dos peregrinos. Porque as saber que ver e sentir emocións axuda a crer un pouco.
–O espectáculo énchese de arrepío cando facemos rozar as bóvedas co botafumeiro, cando este volve cara a nós asubiando e zumbando, e cando se incendia polo camiño como se quixera estouparlle o corazón de ledicia.
–Entón préndese lume tamén nas almas de todos os presentes e ilumínaselles a faciana, porque a fe dá brillo nos ollos, e despois énchense de emoción e acaban aplaudindo mentres algunha bágoa descobre o milagre…
–Teño falado destes efectos con moitos turistas e peregrinos. Algúns dinme que marchan con máis fe da que chegaron porque, segundo eles: pode moito máis a física do Camiño e o voo espiritual do botafumeiro cá química dalgunhas homilías trasnoitadas…
–Se de min dependera, moveriámolo tres veces ao día polo menos, deste xeito habería máis control das multitudes, teríamos máis repartidos os fieis na catedral e non amontoados na misa das doce; e tamén porque non dicircho, sería unha axudiña económica maior para nós, que boa falta fai en tempos de crise consumir máis para sacar o país e os fillos adiante…
Ca mesma quedamos para xantar o prato do día no Cotolay, por seguir falando, por amizade, e por comprobar unha vez máis como tamén algúns restauradores fan outro milagre: dar tan ben de comer a moitos por tan poucos cartos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario