mércores, 23 de novembro de 2011

UN LÉXICO PARLAMENTARIO, ALGO ESCÉPTICO...






Baldomero nome que significa audaz, é, un vello coñecido que leva máis de trinta anos dándolle voltas o seu léxico particular de terminoloxía parlamentaria, que anda a redactar.

De cando en vez procura unha reunión con deputados para actualizar e anovar coñecementos e así poñer ó día as novecentas trinta e seis entradas que ten o seu borrador, pero que non acaba de publicar por mor do seu perfeccionismo.

Baldomero foi parlamentario por un deses azares que ten a vida; ía na lista de suplentes cando lle coincidiu gobernar o seu grupo.

Como non tiñan os dirixentes do seu partido mais que uns poucos deputados con experiencia de goberno, a lista de Baldomero foise desprazando ata chegar a el mesmo.

A súa experiencia parlamentaria foi polo visto moi traumática porque non lle prestaron os compañeiros veteranos atención algunha, nin lle deron explicacións sobre este oficio e práctica; en consecuencia custoulle moito traballo chegar a coñecer por el mesmo en que consistían as chamadas mocións, interpelacións, e outras destrezas.

Prometeuse, despois de sufrir moito e tomar moitas notas, facilitarlle ás futuras señorías un documento en forma de léxico terminolóxico para que non tiveran que pasar polos seus apuros conceptuais e prácticos.

Onte mesmo convocoume para me consultar, segundo me dixo, algunhas das entradas do seu manual.

Cunhas estou de acordo, - comenteille - , outras parécenme que deberas darlle unha volta, e finalmente outras poucas parécenme mal porque son incorrectas e froito da túa mala experiencia.

Non te chamei para que me deras a túa opinión senón para que me fixeras achegas novas dos termos que aínda non teño pechados, -me dixo con moito aquel-.

É máis, comentoume baixando a voz,quixera que me buscaras axiña un editor de confianza, pois eu fun a unha ducia deles pero me din que teñen todo comprometido ata mais ou menos cando chegue o AVE, así que agora que vai gobernar Rajoy a saber cando acontecerá isto”...

Acabei por ofrecerlle a Baldomero unha solución prudente suxeríndolle primeiro publicar unha escolma no meu blog, mais que nada para tentear o ambiente literario máis próximo.
Vin a dicirlle en esencia: “Si despois de enviarlle unha mostra ós amigos parlamentarios de aquelo que tes escrito, recibimos criticas serias, avísoche, e queimas o ditoso léxico.
Se pola contra pasan del, acompáñote a ver a un editor coñecido, que por publicar , publica calquera cousa...interesante ou atípica como esta túa...

Arrepentinme de darlle esta solución de compromiso, pero me perden os probes intelixentes sen fortuna, que desexan facer cousas arriscadas pero non teñen quen os subvencione.
Xusto o contrario do que acontece cos ousados, listos ou non, con moito patrimonio, que curiosamente sempre atopan acougo e solucións na Xunta para os seus proxectos.

vos queda logo unha síntese moi resumida das definicións do ameto parlamentario segundo Baldomero; da que vos agradezo me deades a vosa opinión.

Acordo Parlamentario: Situación dunha negociación que “ no principioé posible e razoable si coincide cos puntos de vista do goberno; e “no finalresolvese case sempre por acordo da maioría parlamentaria do executivo.

Acusación: Técnica política que consiste en eximir de responsabilidade e compromisos ó goberno, a costa da incompetencia e dispendio da oposición, cando era goberno.

Amigo parlamentario: case sempre un destacado e influínte deputado con responsabilidades no goberno.

Compañeiro parlamentario: case sempre un parlamentario do montón, propio ou alleo.

Comisión: Reunión de parlamentarios na que aprovéitanse os minutos, e pérdense as horas.

Consenso: Acordo incrible e case revolucionario, obtido ca mesma facilidade e rutina coa que se buscan e conseguen os desacordos.

Debate: discusión sobre diversos asuntos entre dous ou máis deputados, que está xeralmente predeterminada e decidida de antemán por calquera director xeral, ou alto cargo.

Interpelación: É a interrogación que lle fai a oposición o goberno sobre un asunto da súa responsabilidade, para obter case sempre do executivo, unha resposta iracunda sobre a irresponsabilidade do adversario por preguntar parvadas.

Moción: Proposta máis irresponsable que a Interpelación, na que se propoñen absurdos, segundo o goberno, como facer pontes onde non hai ríos, ou esixir que se cumpran os compromisos electorais.

Oposición: Opoñente ou adversario estúpido e incompatible case sempre cas decisións do goberno.

Regulamento da Cámara: conxunto de normas que serven á oposición, segundo o goberno, unicamente para reclamar as chamadas “cuestións de orde” en comisións e plenos, sobre de todo cando non hai desorde algún nelas.

Sesión de Control: Método e procedemento político de orixe alemán ou sueco, para criticar e tratar de corrixir ó Goberno, ás institucións, ou a economía dun país. En Galicia é basicamente unha coñecida marca de condóns.

Votación: Acción solemne, colectiva e complexa, que consiste apertar un determinado botón. Non confundir coa expresión “voto a tal” que ven sendo expresar ameazas, cabreo, xuramento,blasfemia ou sorpresa.











1 comentario:

  1. Interesante vocabulario. Tomo nota para el camino, que nunca se sabe cuando tiene uno que echar mano de alguna de ellas. Y tú siempre tan meticuloso al escribir, que hasta has puesto las palabras por orden alfabético.

    Genial

    ResponderEliminar