xoves, 29 de marzo de 2012

A PARTEIRA DE BOIMIL


                                                A PARTEIRA DE BOIMIL

Cóntame o Sr. Norberto, nonaxenario intelixente e con moito mundo recorrido, que un dos problemas que hoxe temos en boa medida esquecido, - uns por non ter memoria histórica algunha e outros por ter desaparecido xa -, é, non recordar como se vivía na nosa Terra fai unhas poucas decenas de anos.

Por esa razón, dime, non se defende agora como debera, o que se ten mellorado nos case corenta anos últimos, porque a maioría dos mozos de hoxe nunca tiveron que loitar por conseguilo e, parécelles a eles e a moita xente mais, que o que se logrou foi o natural e deuse polo simple paso do tempo, ou produciuse pola bondade innata dos poderosos.

Recórdame Norberto que daquela, as pensións eran inexistentes ou tan cativas que mataban de fame os seus destinatarios; a ausencia dunha sanidade universal, publica e gratuíta, arruinaba as familias menos podentes no caso de enfermar; a incomunicación entre cidades e pobos era o normal pola carencia de accesos; a falla case total de equipamentos e infraestruturas eran a tónica xeral; existían unha ruín rede de escolas no rural e, nas que a maioría dos alumnos apenas chegaban a aprender a ler e coñecer as catro regras; alimentabámonos moi mal...e a única saída laboral digna para moitos cidadáns era a emigración.

Pregunteille a Norberto pola sanidade e a saúde daquela, - por centrar a conversa nun asunto preocupante hoxe por mor da privatización e do copago- , pedíndolle me relatase o mais salientable que el recordara en relación cas enfermidades na aldea na que vivira, e dicir, asuntos como: quen atendía os doentes do concello; quen axudaba a traer o mundo ós meniños; ou cales eran os remedios terapéuticos mais utilizados...?

Atendía os nacementos, me di, a señora Manuela, a parteira, e o facía en varias parroquias do arredor.

Era unha muller que non sabia ler nin escribir e que tivera tres fillos de Raul da Ponte, outros dous de Chao da Crus, e un mais que morreu o nacer.

Non sei se foi de tanta practica propia ou por outras razóns, pero o caso é que ela era a requirida, cando se poñía de parto calquera muller.
Chegaba esta muller as casas ó lombo dunha burra chamada Loliña, e comentaba sempre que,de burra abaixo non hai mellor besta para se desprazar polos rueiros.

Mandaba a Sra. Manuela recoller os da casa unha gavela de toxos, e lles prendía lume na lareira.

Poñía espida a parturenta de costas ó fume pero moi preto del, e dáballe a beber unha cunca moi quente de leite con mel e unhas herbas. Con aqueles remedios, dicía ela, ou paria, ou se era unha falsa alarma, se detiñan as contraccións.

Nese último caso deixaba dito, que estaría atenta para cando fora en serio a cousa, e marchaba.

Si a criatura viña de cu, enchía as mans de aceite e dáballe a volta o pequeno axiña; mellor non che explico como...

Manuela curaba tamén as cataratas con un pelo de porco bravo que primeiro fervía en auga, e logo introducía no ollo do afectado.

Quedaba o pelo en forma de asa colgando do ollo e, despois duns días, dáballe uns golpes na caluga o doente,e con moi coidado arrincaba a catarata enteira.
¡ Non fallaba!.

Facía tamén Manuela de compoñedora, e cando algún veciño rompía unha perna ou mancaba un brazo, colocaba o oso no seu lugar exacto, botáballe vinagre de viño o membro, e logo preparaba unha masa con centeo que facía de escaiola na extremidade superior ou inferior; agardaba a que a masa endurecese e, logo mandábache descansar ca recomendación de ter a perna ou o brazo en determinada posición de quince a trinta días, de acordo ca gravidade da fractura.
Despois de aquela cura visitaba o enfermo tres veces a sema para controlar a súa recuperación, charlar un pouco con el, e xantar ca familia como pago polos servizos prestados.

Logo de escoitar a Norberto, comprendín mellor de onde sacaba Cunqueiro algúns dos persoeiros da súa Escola de Menciñeiros.

E tamén imaxino cal foi a orixe remota do copago sanitario.








Ningún comentario:

Publicar un comentario