sábado, 24 de marzo de 2012

TER ALGO QUE DICIR, E DICILO BEN





Nun xantar organizado polo meu concello, con motivo do día das letras galegas, déronse cita, fai disto mais de vinte anos, un grupo dos intelectuais galegos de entón.

Eu tiven a honra e a sorte de poder estar alí, e mais de escoitar con moita atención os asuntos que se comentaron no decurso daquel xantar.

Recordo que asistiran a xuntanza : D. Antón Fraguas; Domingo Garcia Sabell; Francisco del Riego; Isaac Diaz Pardo, Borobó...

Falouse un pouco de todo; de política, de literatura, de arte, e dos vellos amigos.

Un dos intelectuais presentes contounos en primeira persoa, unha anécdota relacionada con D. Ramón María del Valle Inclán, acontecida no portal da residencia do escritor na Porta do Camiño.

O asunto tiña que ver co gasto común da luz da casa, que orixinaba D. Ramón o deixar acendidas as luces das escaleiras cando chegaba pola noite.
Negábao D. Ramón e, porfiaba a porteira que engadía maliciosamente:nas circunstancias nas que vostede chega as veces non é de estrañar que se esqueza de apagalas....

Aquela frase montou a liorta e os berros posteriores de Valle no portal.
O fío dos mesmos acercouse un fillo da porteira, un mozo delgado, con mala cor, que levaba posta unha bata, pantuflas, tusía, e tiña síntomas de padecer tise.
O mozo agarrouse do ganchete da súa nai coma para protexela, e asistiu calado a forte discusión na que Valle, sen repetirse nunca, aldraxaba e alcumaba a porteira duns vinte xeitos diferentes...
O acompañante de D. Ramón, e dicir o relator desta historia, convenceu o escritor de que era mellor marchar e non perder mais tempo respondendo as criticas desta muller.
Valle Inclán aceptou de mala gaña esta suxestión, atravesou o lintel do portal,e volvéndose de súpeto, sinalou o fillo enfermo da porteira co seu dedo índice mentres lle espetaba:e vostede mozo mórrase dunha vez, que é a súa obriga !.

Quedamos abraiados o escoitar esta maldade de D. Ramón.

Tomou a palabra Borobó para nos ratificar que a anécdota era certa, e mirando de esguello para o narrador da mesma deixou caer, que dos persoeiros que participaron na mesma faltaba un ; o acompañante habitual de Valle Inclán, e dicir D. Arturo Cuadrado, e non o comentarista da mesma nesta ocasión, que nada tivera que ver nela.

Collido no renuncio o relator, primeiro pediu desculpas con ton arrepentido, e fíxonos saber que tiña repetida tantas veces esta historia que ata el mesmo chegou crer que formaba parte da mesma.

Segundos despois, e brillándolle os ollos puxese en pé; fíxose un silencio na mesa, mirounos un a un de xeito desafiante, e díxonos en ton solemne:Meus queridos amigos o certo é que a historia é verdadeira; certo é tamén que eu non estaba alí, pero... ¡ a que o contei moi ben!...”.

Rímonos todos de bo grado e seguiuse falando doutras cuestións.

Aprendín daquela que ter algo interesante que contar e sabelo dicir ben, forma parte das boas historias, porque, aínda que nunca o dicir ben deba estar por riba do que se ten que dicir, o dicilo con xeito e gracia, axuda polo menos a que se lle preste atención o relator.

En política case ninguén conta ben o que ten que dicir, porque en política hoxe somos todos un pouco contables ou técnicos, e nesta retórica que é parente da ciencia, hai pouca marxe para a imaxinación e para a boas historias.

O respecto escribe D. José Ignacio Wert, nun manual de recente publicación da FAES (Fundación para o Análise e os Estudios Sociais), antes das eleccións últimas que :debe evitarse a toda costa as promesas que non se poidan cumprir...e deben facerse os programas sen demasiados compromisos cifrados, porque, é mellor afrontar a critica e a imprecisión, que o repudio e o incumprimento”.

Ven a dicirnos, que sen mentir non se debe contar toda a verdade os cidadáns. E supoño que non o recomenda por discreción, senón por comenencia electoral e raposada.

O malo é que a crise despertou tanto medo, tanta incerteza e imaxinación nos cidadáns, que chegan a confundir os desexos, esperanzas e fantasías propios, co pouco que se lles di e aclara por certos responsables políticos, que por riba nin tan sequera saben contar o que han facer no goberno con certa decencia e claridade.

1 comentario:

  1. E mira ti que ese tal Wert chegou a ser ministro, e de educación nada menos!
    E non sei se ten sempre algo interesante que dicir, pero dende logo cada vez que fala nos deixa algunha "perla". Como cando dixo que tiñamos un problema coa dopaxe en España, ou máis recentemente- escoiteille eu en rne- que el estudiou nun colexio de nenos, porque "daquela non existía a coeducación". Definiu así un concepto, o da coeducación, que a LOE deixaba ambiguamente á interpretación do lector, e ao que os colexios do Opus se acollían para xustificar a segregación entre sexos e asociala a "outra forma de coeducar". Wert botou por terra, seguro que sen sabelo, esa artimaña. A ver que fai agora, xa que deixa claro que segregar non é coeducar. Torpezas da linguaxe, xa ves...

    ResponderEliminar