mércores, 7 de marzo de 2012

DONA CLOTILDE A DA CASA GRANDE



Comentoume hai uns días meu amigo Xan de Crespo que a súa avoa lle tiña contado moitas veces a historia dun veciño dela chamado Feliciano Rendo, que casara con unha muller moi fea pero con moitas propiedades na parroquia.

Ó parecer Feliciano pediulle consello antes de se casar, a Don Edelmiro, o párroco, sobre a comenencia de tomar esa decisión ca moza aquela; e din co sacerdote lle espetou nun arrebato de cínico hedonismo :ti queres corpo ou vivir ben”?.
Feliciano daquela sen pensalo moito seica lle contestou: Eu vivir ben!. E pouco despois casou.

Axiña cantáronlle a Feliciano en algunhas rodas da súa parroquia unhas coplas maliciosas, que viñan dicir:Por culpa de ti, pan/casei con dentes de can/Si eu pan tivera/casara con quen quixera...

Pouco despois os seus amigos recordábanlle con bromas e indirectas aquela decisión, pero sen pasarse moito, pois as invitacións que dende a voda facía Feliciano na casa da súa dona , non era cousa de estragalas en tempos fame e de escaseza.

Feliciano puxo fin a esas pequenas lerias un día cando en ton moi solemne confesoulles os seus amigos que estaba fondamente namorado da súa dona, e que se casara con ela fora por esa única razón e non polos cartos, engadindo de seguido de xeito moi caviloso: “A que tivo sorte de se casar por amor foi ela, pois por moitos cartos que se teñan, o agarimo que eu sinto por ela, non o podería ter comprado nunca”.

Calaron para sempre os amigos diante de este argumento e seguiron comendo moitos anos bos cocidos na casa de Feliciano a conta do amor e tamén dos recursos daquela moza.., que, a partires da declaración de amor pública do seu home, foi recoñecida por todos como dona Clotilde a da Casa Grande, con moito requilorio e ríspeto.

Ese era, e mais é un xeito de saír da pobreza, outro que non acaba de funcionar co persoal de hoxe, era daquela entrar no seminario, lugar onde antano non era fácil distinguir unhas motivacións de outras, entre a fame, o falla de traballo , e a vocación sacerdotal.

Hoxe, a única solución a falla de traballo e as necesidades - me di Xan de Crespo - , volve a seren a de sempre en Galicia, emigrar, e poñer tempo polo medio, agardando con paciencia a que volvan mellores anos, anos, nos que os financeiros, os banqueiros e algúns empresarios se recuperen do susto no que se meteron eles sós, e que estamos a pagar todos ata que volvan a ter cheos os petos e comecen a comprar barato o traballo, e a vender caros os produtos e os servizos, que son os motores milagreiros desta economía.

Será daquela cando as empresas privadas funcionen mellor cas públicas; as vivendas se poidan facer sobre os acantilados, a prensa fale do tempo, das festas de sociedade e do que acontece no estranxeiro; o traballo só estará mellor pagado en Alemaña, e as promesas políticas cara a unha sociedade mais xusta e mais ecuánime, serán as utopías, os modelos e a propaganda dun fato de pequenos partidos políticos de esquerda sen votantes, que tentarán empezar de novo a nos convencer que outro mundo e outra vida son posibles, despois de perder nuns anos o que custou conseguir medio século.

Se non fora exactamente así, remata o meu amigo Crespo: “Deus, a caridade, a resignación e o amor ó próximo, deberán facer o resto”.



Ningún comentario:

Publicar un comentario