mércores, 29 de febreiro de 2012

FUTURO IMPERFECTO


Desde sempre veuse obrigada a emigrar en procura de traballo nosa mocidade.

Antes o facía co posto e con pouca cualificación profesional,con tristura e moitas incertezas. Primeiro emigraron a América, despois a Europa.

Daquela levaban as súas pertenzas nunha maleta atada as veces cunha corda, e ca conciencia de ir traballar a un país alleo a súa cultura, pero co desexo e mais a esperanza de retornar un día a súa Terra.
Axudaban e axudaron aqueles mozos co seu traballo a Europa rica para que fora mais rica e poderosa traballando nos oficios que esixían menos aprendizaxe ou que ninguén dos nativos quería desenvolver.

Hoxe, emigran moitos dos nosos mozos levando nas súas mochilas un currículo importante, unha cualificación concretada no título universitario, e quizabes un posgrao ou un máster...
Falan estes mozos un idioma estranxeiro, e adoitan levar tamén un ordenador portátil.
Son os enxeñeiros, os médicos, os arquitectos, os físicos ou os biólogos formados no noso País.
Traballarán en algúns países de Europa investigando e producindo mellor, para que estes países sexan mais fortes e competitivos unha vez superada a crise actual.

A preparación universitaria e profesional actual dos nosos mozos emigrantes lles outorga moita mais autonomía persoal e menos dependencias e vinculacións que aqueles outros mozos de antano...

O seu espazo cultural e de relación ampliouse; son cosmopolitas, teñen menos implicación persoal, que non desinterese, cos problemas específicos da nosa Terra, na que non atopan o xeito de colaborar, traballar e desenvolver os seus coñecementos.

Eses mozos teñen chegado a conclusión dramática de que este non é un bo lugar para eles.

Pode seren un bo lugar, coidan estes mozos, para pensionistas e xubilados, para festas gastronómicas e romarías, para curas vellos e beatas, para empresarios raposeiros,e para políticos conservadores; incluso é unha boa terra para pasar as vacacións, pero non para traballar e vivir do seu traballo.
Aquí deixan unha soia referencia importante: a familia; os seus pais, e quizabes os avós. Nada mais.

Nin as vivencias e os recordos das paisaxes dos verdes campos ou das rías con amenceres que lles anunciaban, cando eran nenos, que esta Terra era o mellor lugar onde vivir e morrer, son quen de conmovelos, ou de convencelos xa.

Está claro que esta mocidade - a mellor preparada que nunca tivemos - non pode traballar aquí, non hai espazo para eles nunhas condicións de mínima equidade.

Agora é cando sabemos que estamos a linchar o noso futuro; escapásenos o porvir nunha mochila sobre as ombreiras dos fillos e quedamos aquí co niño baleiro esbozando un sorriso resignado e racional desexándolles unha boa viaxe, mentres sabemos que con eles remata en boa medida a nosa forza, a alegría, esperanza, a ilusión, e, o seu carón tamén esmorece o noso mañá cultural e científico, a protección do medio ambiente e a paisaxe, os emprendedores,a investigación e a innovación, o relevo xeracional, o desenrolo económico, e os servizos que están na base deste presente.

Remata ca súa ausencia, calquera posibilidade de renovar unha política galega chea de mediocridades na que non e posible nin o acordo nin a discrepancia; secase a fonte que pode aportar novas ideas, e se perde a esperanza dun dialogo colectivo público anovado.

Algúns de nos, damos case por perdido ese futuro que perdemos día a día, e as razóns que nos impulsaban e animaban por quen facelo e o seu por que...











Ningún comentario:

Publicar un comentario