mércores, 24 de outubro de 2012

QUIZAIS ...O MALO COÑECIDO...


QUIZAIS ...O MALO COÑECIDO...


Sen resolver en catro anos ningún problema de fondo en Galicia, gaña o Partido Popular por maioría esmagadora as eleccións, recadando mais de 653.000 votos.

Un de cada dous galegos que votan parecen estar de acordo ca xestión do PP, nos últimos catro anos.

Sen resolver un chisco a situación laboral, económica ou social dos galegos, en catro anos, vence o PP dabondo nas eleccións!.

Sen facer unha soa obra e ningunha infraestrutura importante en catro anos, triunfa nunhas eleccións!.

Deteriorou ca súa política o Partido Popular os servizos públicos da nosa Terra, pero iso non afecta o resultado das eleccións!.

Con cen persoas enviadas ao paro diariamente pola crise e douscentos sesenta mil parados, demostran os conservadores, que eles si poden superar satisfactoriamente unhas eleccións.

Cento cincuenta empresas pechando cada día, e unha notable subida de impostos, non impiden vencer nas eleccións.

Oitocentos mil pensionistas re-pagando tres millóns de euros ao mes polos seus medicamentos, non afectan o resultado electoral.

Douscentos mil funcionarios deostados desde o goberno na súa función, e degradadas as súas condicións de traballo e salariais, non influíron nas eleccións.

Un, de cada dous mozos en idade de traballar sen emprego e, cincuenta xoves galegos abandonando cada día a súa Terra en busca de traballo, non inmutan o goberno nin modifican o resultado electoral.

Os serios recortes en educación, investigación, gardarías, libros de texto, e comedores escolares, acompañados de rebaixas de mais de corenta millóns para a Universidade, non contribúen a perder unhas eleccións.

A pesares de contar cunha gandería e unha pesca galegas a piques de esmorecer, e con elas miles de galegos que alí desenvolven o seu traballo: o PP recibe un forte apoio electoral !

En resumo, mais de un millón e medio de persoas afectadas dun ou doutro xeito - e dicir, o dobre de votos que recibiu o PP -, nin decidiron, nin influíron de xeito determinante nas eleccións, nin sancionaron as medidas tomadas polos responsables que nos teñen gobernaron catro anos con maioría absoluta!.

A pregunta que escoito con mais frecuencia é:

Que agardarán que aconteza, moitos daqueles que sempre votan á clase social que lles oprime e recorta os seus dereitos. Que gañarán con votar aos que nunca lles deron nada polas boas?.

O certo é que ó Partido Popular lle sobraron quince días de campaña electoral, e catro anos de simples escusas.

O demais é ruído e retórica interesada e confusa, que inclúe aquelo de quetodos son iguales, salvo a hora de votalos... !

Ningún comentario:

Publicar un comentario