domingo, 13 de outubro de 2013

AS VOCACIÓNS, O PAPA FRANCISCO, E AS MISAS DOS DOMINGOS

AS VOCACIÓNS, O PAPA FRANCISCO, E AS MISAS DOS DOMINGOS


Gaudencio, o de Mucha do Ferreiro, fillo de pai descoñecido, quixo un día ser cura.

A verdade é que ese desexo venlle a Gaudencio desde que foi acólito con Don Florencio o sacerdote da parroquia.

Polo visto Mucha, levou o pequeno un día fai moitos anos a casa do sacerdote, e espetoulle cantando polo baixo:O cura foi o muíño, e levou o fol mais grande, porque a criada non pode, mentres o neno non ande...

Don Florencio douse polo visto por avisado ca cantiga e respondeulle :Miña querida amiga, farei deste mociño un cardeal...
Contoume Mucha que o seu rapaz, con sete anos de idade, colleu maneiras episcopais desde aquela, como axudante nas misas de Don Florencio.
O fillo de Mucha, hoxe un home de trinta anos, despois de falar eu ca nai, doume algunhas explicacións complementarias:

Alí, papei por primeira vez na miña vida congros polo aberto,capóns o espeto, e queixos de San Simón da Serra da Corda...

Alí, coñecín algúns alcaldes e altos cargos políticos do PP, que viñan a xantar cando a festa.
Coido que moi devotos non eran, pois chegaban sempre despois da misa, e desculpábanse dicindo que tiñan moito traballo por facer...
E seguro que tiñan razón, pois non vin endexamais no meu concello ningunha cousa resoltas por eles.

Alí, na reitoral, regaloume Don Florencio, unha medalla e mais unha cadea de ouro da Virxe dos Desamparados.

Con un traxe novo - mercado cas propinas que recibín nun mes - e a medalla ben a vista, os dezaoito anos, fun quen de botar de moza a Engracia, una veciña moi rica de seu, que segundo o párroco estabain gratia, e dicir, en gracia divina.

Ter gracia e mais enerxía tiña de abondo, pero non a gracia que dicía Don Florencio... Tiven que deixala pois acababa comigo...como fixera ca metade dos mozos do lugar.

Decidín ata fai pouco seren cura, por vocación contaxiada, e polas relacións sociais desenvolvidas nas festas.

Pero mira ti, agora chega o Papa Francisco, e ponse a falar de cousas estrañas segundo Don Florencio, por exemplo que os ateos pódense salvar; que gobernar é concentrarse no pequeno; co diñeiro debe servir, non gobernar; que debemos poñer a disposición dos demais o que somos e o que temos;que está farto de clérigos de despacho; que si un homosexual busca a Deus non somos nos quen de xulgalo; que non se pode seguir insistindo en cuestións como o aborto ou os anticonceptivos; ou que as mulleres son mais importantes cos bispos... !

E como el é o que manda e ordena, estou pensando que nese plan non e nada bo seren cura na parroquia...

Doutra banda, coma me ten prometido o párroco, non sei ben porque, deixarme herdeiro de todos os seus bens, dareille unha volta a miña vocación... e igual presento a miña candidatura para a alcaldía do concello, que para iso me dixo Don Florencio, non e preciso hoxe ter moita vocación, basta con ter de man un par de cargos da Xunta e, igual que pasou en Italia despois da guerra, facer algunhas advertencias e indicacións os fregueses nas misas dos domingos...pero para iso xa está el...

Igual iso é mais rendible que ser cardeal nos tempos que corren...!



Ningún comentario:

Publicar un comentario