luns, 18 de novembro de 2013

O FUTURO DO PASADO

O FUTURO DO PASADO


Discutíuse recentemente en España o futuro dun novo socialismo democrático.

Necesitabamos urxentemente, re-explicarnos, e, poder re-explicar aos demais, o papel do estado, as razóns da pobreza, do paro, da degradación da natureza, do racismo, a explotación duns homes por outros, e, a forma de entender as nosas relacións na sociedade, na familia, no traballo, na cultura, a ciencia e a investigación. Case nada.

O certo é que máis de douscentos anos de industrialización, e de progreso non foron capaces de prover de: vivenda, alimento, traballo, educación e sanidade, á maioría da humanidade. Este é o mundo real que creou o capitalismo existente.

O asunto clave da situación actual é a constatación de que cada vez é maior a diferenza de riqueza entre os países, e mais entre unhas persoas e outras. Cada vez e menor a igualdade de oportunidades.

Mil millóns de seres humanos teñen uns ingresos diarios inferiores a un euro. Cada segundo morre un neno por desnutrición, é dicir de fame.
Aquí en España 600.000 familias non teñen ningún tipo de ingreso coñecido. Unha de cada catro en idade de traballar, esta desempregada. Tres millóns de concidadáns se atopan en situación de pobreza...

Que máis é necesario, para que se impoña unha nova orde social que implique unha maior igualdade.!

A ese razoamento oporase sempre - pola súa propia natureza, interese e fortaleza coercitiva e mediática - o modelo de crecemento capitalista e financeiro actual.

Por tanto, non é, a través de pequenas reformas sociais do sistema actual, como se ha de avanzar cara a ese cambio de modelo social e económico.
Iso é, o que tentamos os socialistas en toda Europa durante moitos anos.
Ser os xestores que amortecesen este capitalismo depredador sustentado na desigualdade de oportunidades.
As nosas reformas contra cíclicas reduciron de forma temporal e circunstancial esas diferenzas.

Fomos os administradores, cando se gobernou, dun sistema baseado case exclusivamente no beneficio e no consumo; un modelo económico que deseñou o noso modo de vida.

O grave deste asunto é que crise actual non ameaza a este capitalismo, sempre que o sistema consiga manter a orde social e evitar a subversión interna.
Sempre que aceptemos de xeito resignado e inevitable todo o que nos está sucedendo.

Nin o paro nin a pobreza, poñen tampouco en cuestión, o fracaso ou o fin deste modelo. Non hai, polo momento, unha alternativa ao mesmo na sociedade occidental.

Logo a máis importante tarefa actual nesta crise internacional para os socialistas, é deseñar formas de organización social máis xustas, é dicir aquelas que garantan as necesidades colectivas e impidan a explotación actual.
Estas, para ser eficaces, pódense emprender, dada a mundialización da crise, dentro dun marco moi amplo e dicir, co acordo da Internacional Socialista.
Nin noso País, nin os da da nosa contorna son entes illado e auto-suficiente.

Debemos loitar por pór en marcha un novo proxecto e modelo social, que impida modificar ao antollo das empresas e do capital, os termos básicos do contrato social en que se basearon e basean as sociedades europeas. Nada sinxelo de facer.

A tarefa supón unha profunda revolución, unha mobilización masiva , que ha de pasar primeiro pola clara comprensión do que sucede, e, logo conseguir un masivo apoio electoral.

Asunto este que se conseguirá cun tremendo esforzo dos cidadáns, especialmente dos mais novos, e asociacións conscientes e comprometidas; con lideres que utilicen unha linguaxe que axude a entender e non a confundir os problemas, e, con un proxecto anovado e realista a medio e longo prazo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario