domingo, 10 de novembro de 2013

UN NOVO MODELO DE TRABALLO

UN NOVO MODELO DE TRABALLO


Meu querido avó era un bo axente comercial. Adicábase a venda de mobles que uns deseñaban, mentres ebanistas e carpinteiros os producían na fabrica.

Meu avó, con un catalogo pintado a man, ía tratando de convencer os empresarios das pequenas e grandes moblerías, da boa calidade dos comedores, das salas de estar e, dos dormitorios, que el representaba na miña opinión, con gran dignidade.
De cando en vez facíanlle un pedido, que trasladaba a fabrica, para posteriormente percibir unha pequena comisión polo seu traballo. Sen máis complicacións, as cousas funcionaban deste xeito.

Uns meses, gañaba menos do xusto, e outros para ir empetando un pouco.
Este meu traballo é coma as mareas, dicíame sempre.

Unhas veces baixa o mar moito e outras enche a praia enteira. Hai que saber gardar para cando cheguen as grandes baixamares. O aforro é saber economizar cando se pode, e pódese, cando hai preamar...

Non aforraba o avó moito, daquela a vida, coma hoxe, subía polo ascensor, mentres as comisións o facían pola escaleira.

Os tempos mudan, e agora temos un mercado de traballo, que non garante traballo,e, pasamos de ter comerciais dunha banda e técnicos ou profesionais pola outra, a ter todo xunto nunha  persoa.
O técnico ten que facer de técnico e de comercial ó mesmo tempo en moitas empresas.

Se a elo lle engadimos neste sistema actual o chamadoincentivo, e dicir a vellacomisión, pois temos amañada a nova forma de rendibilizar o traballo deste mercado tan libre actual.

Contratan hoxe, en moitas ocasións, a tempo parcial a un técnico nunha empresa, e páganlle obviamente a metade do salario correspondente do tempo completo, aínda que na práctica, traballe unhas horas mais das acordadas.

Axiña lle explican, que se desexa gañar o salario integro, (que lle permitirá sobrevivir como moito), deberá: a) cumprir uns obxectivos empresariais, e, b) ser el mesmo, quen consiga os clientes para a empresa.

Algo así coma se no caso do meu avó, tivera que saber debuxar e deseñar os catálogos dos mobles; buscar os clientes; e por riba ser un bo experto en construír eses mobles.
Despois pode cobrar a comisión que lle entrega o empresario ou o responsable inmediato.

Unha cousa mais, caso de non cumprir os obxectivos de venta mensuais dun número previamente fixado polo empresario de : dormitorios, cadeiras, mesas de comedor, ou coquetas, poderá ser despedido por ineficiente, inútil, inepto e improdutivo...

De pouco valerá que teña un doutorado; boa formación profesional ou artesanal, sexa serio e honrado, animoso, e, con moitas gañas e necesidade de traballar...

O final, os obxectivos do empresario e do capital, sempre se imporán ao noso traballador, porque a estes obxectivos pásalle sempre como as estrelas, que están moito mais aló do que un se imaxina...




Ningún comentario:

Publicar un comentario