mércores, 18 de xuño de 2014

A TIA MARITA

A TIA MARITA

(Dedicado a todos aqueles mestres, e a moitos novos)

Miña tia Marita era unha de aquelas mestras que tiveron que deixar os estudios universitarios, para logo, na posguerra, por mor da necesidade, facerse axiña con unha praza “en propiedade”  nunha escola calquera do País.

Era polo tanto, unha profesora con moi boa formación básica, con iniciativas e ca esperanza inxenua que da sempre o comezar de novo…

Pasados os  anos, aló polos sesenta, foi destinada a un grupo escolar do noso rural,  onde  xunto con outros compañeiros, un día,  decidiron organizar unha viaxe a Madrid cos alumnos que remataban os seus estudios.

Trinta rapaces; un ano de aforros peseta a peseta; rifas polas festas; lotería de Nadal con recargo; traballos colectivos, e ate a venda de algúns produtos do campo, permitiron recadar os fondos para o autobús, e mais para sufragar un pequeno hostal no centro da Capital, con pensión completa por cinco días e catro noites.

Os rapaces acompañados por dúas mestras e un mestre, viron todo canto de importante, segundo os educadores, tiñan que coñecer:

 O Museo do Prado; a Porta do Sol; O Palacio Real; O Parque do Retiro; O Xardín Botánico, O Madrid dos Austrias; A Gran Vía e a Castellana; un viaxe en metro; e unha saída no autobus o Escorial a ver  o Valle dos Caídos…

Pola maña cedo despois do almorzo, marchaba todo o grupo a descubrir Madrid.

 Logo do xantar, outra vez a camiñar, e  despois, a noite, un cambio de impresións urxente mentres se ceaba, e a deitarse cansos de tanto esforzo por ver as marabillas da grande cidade.

Volveron os excursionistas a súa escola levando no seu caletre impresións, imaxes, experiencias, e moita fartura nos seus corazóns.

 Tódolos profesores do grupo escolar querían saber a opinión dos rapaces, sobre o que tiñan visto, e dicir: “que asunto cultural fora o que lles impresionara mais da viaxe”.

Fixeron os alumnos da excursión unha enquisa interna e, debateron a porta pechada mais de unha hora. Despois chegaron a unha conclusión, que acordaron dera a coñecer  un voceiro elixido de entre eles..

O día acordado na aula de actividades múltiples, e diante do cadro enteiro de mestres e  moitos alumnos, o voceiro  dirixiuse a eles para expresar o parecer do grupo.

 Tomou a palabra entre a expectación de todos os presentes, e  soltou  dun  so  golpe o seguinte :

De todo canto vimos en Madrid, o que mais nos gustou a todos  foi… ¡ o almorzo !...

Fíxose un silencio abraiante no cadro de profesores…

A miña tia Marita contábanos despois entre risas, que  tamén ela lembraba aqueles almorzos con zume de laranxa, pequenas tarriños de marmelada,  cola cao ou café, porras; manteiga envasada, e  algúns boliños deses que se chaman cruasanes…




Ningún comentario:

Publicar un comentario