luns, 2 de novembro de 2015

CARME, A AFILLADA DO SEÑOR CURA



Carme, cando nena, igual que moitos de nos, pasaba fame de certos alimentos.

 Caldo, touciño,  boroa, verduras, algún ovo… e pouco mais era a dieta común e diaria da miña aldea.

Carme era a afillada do cura. Na festa da parroquia, sempre estaba invitada.
 Sentábase entón a mesa da reitoral co traxe dos domingos, zapatos novos e trenzas adornadas con margaridas. Logo agardaba en silencio e ca mirada perdida no prato baleiro. 

A criada do cura servía a sopa, e a Carme a rexeitaba con un xesto firme de cabeza. E por moito que lle insistiran negábase a probala.

Recordo unha ocasión, na que eu tamén fun de invitado, a Don Vicente, o párroco, acercándose solícito a Carme e preguntándolle:  Carmiña non tes fame ?.

A Carme negouse a responderlle.

Porque non comes pequena?.

A Carme mirando para o mantelo seguiu sen lle contestar.

Don Vicente preocupado coma se fora o seu pai, - e a Carmiña parecíase moito a el -, preguntoulle finalmente : Que queres comer Carmiña.?

Ela levantou os ollos mirouno con moita firmeza, e logo  espetoulle : Eu quero chicha !!!.

 E servíronlle un zanco enteiro de capón, por orde do cura.

Daquela os que tiñan cartos, comían o que lles apetecía e cando lles petaba. E os que non tiña cartos comía o que podían, e cando cadraba.

 A nosa mestra Dona Remedios, unha muller mirrada con aspecto de famenta, pero sempre de moi  bo humor, dicíanos na aula moitas veces, facéndonos un chiste ou graza : “os  que somos ricos ou de casa grande descendemos comemos tarde ou non comemos”.  Ríamos todos a cachón.

A miña nai, dábame para lle entregar a mestra de cando en vez uns ovos, ou unha proba do porco cando a matanza. Noutras casas, incluso as mais humildes sei que  facían o mesmo. Hoxe entendo a razón de elo.

 Pero daquela todos queriamos  seren de casa grande. Como a do Sr. Cura. Ou da señora mestra.

O tempo pasou e neste novo que vivimos, todo empeza a parecerse a aquel outro, salvo que agora mídenche o colesterol,  os trigliceridos, e nos  recomendan  comer pouca carne.

 Parvadas!!!.



Ningún comentario:

Publicar un comentario