luns, 30 de novembro de 2015

O RENATO




Don Constantino de Trasmonte ten un pequeno pazo, un criado vello  chamado Osorio, e un corvo lustroso e grande ao que lle puxeron o nome de  Renato, nome que  ven de renacido.

O asunto é, que fai  uns anos, Don Constantino, atopou ao Renato medio morto na Fragua de Esmoris. Tiña polo visto caído do niño, rompera unha pata, e o seu croar  tiña un pouco de socorro humano que conmovía.

Recolleuno, e  levoullo ao compoñedor da parroquia para que lle amañase o trauma físico.

Don Constantino e mais o Osorio coidaron do corvo coma se fora un fillo.

 Non lle faltaron alimentos, compañía, lecturas e mais escoitar as longas  paroladas do propietario e criado.

Mentres o Constantino lle lía as fabulas de Samaniego e lle recitaba poemas de Cunqueiro ou de Rosalía, o criado cantáballe cancións tradicionais, e lle explicaba cousas da vida coma se fora un amigo mais. Escoitaban ademais e vían os tres xuntos a televisión, especialmente os debates dos faladoiros. 

O caso é que o Renato poñía moita  atención,  e fixaba a vista nos seus amos e  na tele, rebulía a plumaxe  de cando en vez,  pero gardaba un silencio discreto.

Un bo día, segundo me conta Don Constantino, esquecéronse de darlle ao Renato o alpiste  da noite e mais  do almorzo.

Xogaba o Celta contra Deportivo e aquilo foi o motivo do esquecemento. Mais tarde co desgusto do resultado, pasoulles a mañá entre laios e outra vez esqueceron a comida do Renato.

 Chegada a hora do xantar e xa sentados os dous  na mesa oíron cantar  no cuarto de  Renato: “ Paxariños que alegres cantades/ polas follas dos loureiros/  e subides polos ameneiros / a buscar a raiola do sol…”.

Deron un brinco e dirixíronse  o cuarto de Renato na crenza de que un intruso tiña entrado na casa.

Alí, ollando para eles, o Renato, recitáballes cantaruxando con moi bo ton : “hainos que coma os merlos cantan ca fame, cantan ca fame” !!! .

Don Constantino, e mais o Osorio non daban creto ao que escoitaban…

Desde aquela, e unha vez comprobado por eles que o Renato falaba, están tratando de descubrir, se ademais de falar, entende o que di e mais o que lle din, porque cando lle preguntaron os dous a gritos  se sabia falar, sei que lles respondeu altivamente : “ Os que non teñen  nada intelixente que dicir, falan berrando !”

Chamáronme como amigo para me consultar o meu parecer.

 Fun a súa casa. Coñecín de primeira man a Renato. Miroume con displicencia, eu diría que desprezativamente. Fíxenlle un cento de preguntas, animeino, gabeino, provoqueino, insulteino diante dos seus amos… nada.  Non dixo nin pío.  Doume simplemente as costas.

Dinme por vencido. Saímos do cuarto e cando pechabamos a porta oín unha voz grave, solemne, televisiva e coñecida,  que dicía tras de min alto e claro:  “ vai ao carallo, que  a menos palabras menos preitos”!

A voz sooume coma a de certos políticos  que falan do que farán antes de ter feito nada;  deses que falan de patriotismo so cando hai problemas; dos que falan mais deses problemas que das solucións… Deses outros que saen moito na televisión para compensar agora aos que merecerían non saír  nunca  mais…

Non sei si sería Renato, Don Constantino, ou Osorio, pero oír, oin dicir o que vos contei cunha voz que non era a deles.

 Logo pensei, sería o Renato ? .

O  noso País está cheo de renatos que falan e actúan so de oídas, cavilei o me marchar…

  



Ningún comentario:

Publicar un comentario