martes, 24 de maio de 2016

AS BRAGAS DA SEÑORA REMEDIOS

Resultado de imagen de bragas antiguas


Contaba sempre a miña tía Rosa un conto, no que afirmaba que fai xa anos, por razóns de costume, falla de cartos ou polo que fora, moitas mulleres non levaban postas as bragas. O igual que moitos homes non gastaban calzóns ou cirolas, que nesto non había diferenzas apreciables.

Nunha ocasión, e na Praza do Toural, unha coñecida súa, unha tal Remedios, esvarou e caeu de xeito espectacular. No accidente a saia deixoulle ao descuberto as súas interioridades espidas, e dicir o cu e todo o demais, de forma moi nidia. Quedou co cu ao aire por si alguen non o entendeu ben.

Nesa ocasión, na devandita praza transitaban poucos viandantes, e próximos a Remedios so a miña tía e mais un señor de mediana idade, que intentou axudala cortesmente despois da caída.

No fixo falla algunha pois a Remedios ergueuse do chan como un raio, alisou a saia cas mans, e ollando cara ao cabaleiro espetoulle:

 ─ Veu vostede a miña axilidade !.

O Sr. mirouna de fito en fito e respondeulle:

─ Ver vinlle todo, pero xúrolle que non sabía que agora se chamara así !

Iso, supoño eu, que se debeu a unha mala interpretación  semántica froito dos nervios ou do desconcerto do momento, ou quizabes fora un desenfoque erotico-visual.

 O certo e que a miña tía Rosa de aquela xa  me advertía que cando por casualidade vexamos aquilo que debera estar oculto, ben tapado e protexido, non debéramos nunca  confundir o cu cas témporas, salvo que conveña aos nosos intereses, e nese caso, engado eu, estaríamos de acordo con certa política e con certos políticos aos que aínda que  se lles vexan claramente, e repito, ─por casualidade ─  as súas interioridades, so están a disimular e finxir vergoña, e dicir, nada relacionado ca verdade ou co pudor que deberán sentir.

Logo, podemos votalos ou non, aló nos e a nosa conciencia, pero o que é seguro, é  que non teremos necesidade algunha  de ir ao oculista, nin de votarlle a culpa ao lousado ou ao zapateiro…



Ningún comentario:

Publicar un comentario