sábado, 14 de maio de 2016

BIEITO DE CANDUCHA

BIEITO DE CANDUCHA

Bieito de Canducha  viviu toda a vida non sabemos de qué, nin de quen. É un segredo que ten ben gardado.

 O  Bieito é unha boa persoa pero moi preguiceira. Percibe dende fai anos unha pensión non contributiva e segue felizmente  descansado, aínda que nunca estivo moi canso que eu saiba.

 El, sempre está disposto a debater de  cuestións deportivas e  mais de corridas de touros, asunto dos que é un grande afeccionado.

Fai uns días, no café, puidemos ver os amigos na televisión unha pequena reportaxe sobre Juan José Padilla, o toureiro triunfador da última Feira de Abril.

O remate da información, un Bieito entusiasmado contounos detalles técnicos sobre as sortes desa corrida, os lances relacionados co tempero do destro triunfador, o mérito dos seus pases de peito, os naturais, e  as verónicas.

E fixarvos coma entrou a matar, que decisión !. Un fenómeno. !

Esas son as cousas de mérito, de risco real, de valor no toureo, nos  dixo con paixón non agardando de nos resposta algunha. 

Este é un país onde lamentablemente aínda  se premian dúas cousas aparentemente contraditorias: o valor testicular, e o inmobilismo político  a partes iguais.

Por esa razón triúnfa case sempre o tancredismo en España.

  Coma todos sabedes, foi Don Tancredo López, un toureiro valenciano de pouca sona, que  acabou dando con  unha formula extraordinaria para vivir dela, e por riba  ser aclamado polo respectable do seu tempo.

Don Tancredo subíase a unha banqueta de ferro moi  alta no medio das prazas de touros, vestido de branco, e adoptaba a pose de unha estatua  impávida que  miraba desafiante  ao público sen mover un so músculo.

Saía o touro a praza, e, as mais das veces evitaba escornar a Don Tancredo por considerar – supoño eu -  que era simplemente un poste a esquivar no seu camiño. O Tancredo sostiña igual co seu admirado toureiro o Espartero, que mais cornadas da a fame.!

Os afeccionados ruxían de satisfacción e aclamaba a valentía e  o arroxo de Don  Tancredo, que representaba, e aínda representa no imaxinario colectivo,  a quinta esencia de gañarse a vida sen dar, nin levar un so golpe; e por riba gozar de recoñecemento e fama.

A conclusión a que debedes chegar, queridos amigos é, que aquí, por desgraza, é moito mais importante  o xesto teatral, as amizades perigosas, a desvergoña, a arrogancia, o disimulo,  ou  as frases enxeñosas, que calquera outra circunstancia, feito,  sacrificio, explicación  ou argumento.

Moverse, ser honrado, producir bens e servizos, tomar decisións e realizar algo útil, non  é  suficiente garante para triunfar na vida. Por esa razón os que mais traballan son case sempre os peor pagados.

Toda a cuadrilla calou, e creo que a maioría tiña en mente a varios Tancredo moi coñecidos  ao que lles vai moi ben subidos no seu pedestal.

No camiño a casa matinei: e non será ese tamén  o segredo oculto do Bieito da Canducha. ?



   


Ningún comentario:

Publicar un comentario