xoves, 10 de setembro de 2020

 COSME O AGUARDENTEIRO ADESTRADOR DO FUNGUEIRO CLUB

 

O Cosme é un home sentencioso feito a si mesmo.

 

 Foi a escola dous anos e o resto aprendeuno da educación que se deu a si mesmo.

 Ten uns  50 anos e traballou sempre de augardenteiro na bisbarra, que é terra de mal viño e bo augardente.

 

Vive na parroquia de Cerdeira, e  no cartel anunciador da mesma puiden ler  escrito con aerosol  “cerdos”, en castelán;  non polos porcos que habelos hainos, senón por un tradución trabucada que  debeu confundir cerdeira, de cereixas, con porcos.

 

O Cosme, e bo amigo do párroco e faille de sancristán os domingos.

 

 O sacerdote, don Crisanto, é un home de ben, de ben e vai, porque levase ben co alcalde do concello, co de agora e co de antes, cando mandaba Franco.

 

Un veciño deses que presumen agora de esquerdas, me conta o Cosme, desas malas linguas que hai, cando fala  do sacerdote, separa ao falar na taberna, diante dos amigos, o “sa” de “cerdote”.

 

Iso non  quere dicir o que pensades, pois don Manuel, e home limpo de corazón aínda que ten moi estragada a sotana e ate por non ter non ten cuarto de baño con ducha  na reitoral.

 

O Cosme, non quería  seren alcalde de barrio de ningún xeito,  e foi iso o motivo suficiente para que todos na parroquia llo pediran ao alcalde do municipio, home moi popular que leva trinta anos ao fronte do concello.

 

Fai un ano, o Cosme, me explica con orgullo, axudei  a montar o equipo de fútbol da parroquia, o “Fungueiro Club”,  metinme a adestrador, presidente, e fisioterapeuta do mesmo, facendo unha escolma entre os mozos afeccionados do lugar.

 

 As lesións melloran moito con augardente, me comenta, e os ánimos para gañar os encontros, con un pequeno  grolo do mesmo antes de saír ao campo.

 

No ultimo partido contra os xogadores mimados da alcaldía e da parroquia sede do municipio, houbo de todo, malos modos, patadas, e sobre todo moitos xuramentos dos futbolistas do Fungueiro Club,  que fixeron baixar a tódolos santos ao campo.

 

Aquelo, diante da autoridade eclesiástica presente de don  Crisanto, moi afeccionado ao balón pé, foi demasiado, recorreu a garda civil, detivose o partido, que xa estaba roto, e propuxo a federación  unha  sanción de 1000 euros coma penitencia.

 

Ao non ter medios para pagar a cantidade, o Cosme, e todo o equipo recorreron  ao alcalde que amablemente os recibiu no salón de plenos.

 Prometeulles nun discurso que se recordará coma rotundo e claro axudar a pagar ou evitar a sanción, e advertiulles que non estaba ben xurar, nin comportarse dese xeito no campo de fútbol, e rematou a súa disertación dicíndolles :  

 

—Sodes a hostia, non tedes nin educación, nin sabedes o que é o  xogo limpo, me cago en tódolos santos e mais  no dios que vos fixo.

Veña ide para casa castróns, que xa falarei eu con don Crisanto e co sarxento da garda civil.

 

E despois, a cousa amañouse a mar de ben!

 

 

 

 

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario